Opinión

Non hai receta fácil para problemas complexos

Advertiunos Juan de Mairena de quen, sequera fose indirectamente, falamos eiquí antonte de que é moito menos doado estar á altura das circunstancias que au dessus de la mêlée; é dicir do disparate, á marxe da confrontación ou do barullo no que en tantas ocasións vai a vida e nos envolve. 

É ben máis doado habitar no disparate, custa menos esforzo, malia que logo sexa difícil saír del, abandonalo pra ir na busca dese necesario punto de equilibrio, desa harmonía que toda sociedade precisa se quere progresar ou cando menos manterse nun estado de benestar que abranga a todos os seus componentes.

Ser un país rico non consiste en que a súa macroeconomía sexa prodixiosa, de xeito que o seu PIB acade cifras que o distancien das que poidan exhibir, mesmo esgrimir, os que o rodeen; cumes de benestar nos que só habite unha ínfima parte da súa poboación. Un país rico é outra cosa que non é exactamente esa.

Eu vivo na aldea, máis ben nun pequeno lugar de poucas casas nas que se foron morrendo os seus ocupantes. Un deles traballaba a xornal, outro era un emigrante retornado, outro... o feito é que eu non me podo queixar da vida: paguei sempre máis impostos ca eles de maneira que, ó contemplalos, sabía que me podía considerar unha persoa afortunada, non por ter unha fortuna senón por que a vida foi amable comigo malia tantos dentes de serra polos que me leva feito subir e baixar, baixar e subir, e así ata hoxe. Segundo foron enfermando dispuxeron sempre dunha ambulancia que os veu recoller pra levalos ó CHUS, ó complexo hospitalario universitario de Santiago, onde foron atendidos por eminentes especialistas nos diversos servizos que nel se ofrecen. Agora cando me toca a min facer esas mesmas viaxes que eles fixeron, ven buscarme unha ambulancia como a que os veu buscar a eles e bótanme andar de novo as mesmas equipas médicas que os botaron andar a eles. Son moito máis rico que se eses servizos sanitarios estivesen tan só ó meu acado. Alguén o dubida?

Os fillos ou os netos deses meus veciños foron os mesmos colexios e recibiron as mesmas ensinanzas, impartidas polos mesmos docentes, que os dos meus colegas escritores que habitan como eu fago no medio deles. Neso é nalgúns outros exemplos que lles aforro ós lectores se quero evitar cair na auto compracencia, mesmo na condescendencia, ou en calquera outro pecado de semellante índole e procedencia, neso consiste o feito de poder considerar rico a un país, por moi necesitado de milloras que estea ou polo moito ou pouco que se deteriorase, por unha razón ou por outra, a súa economía.

Non é que hoxe teñamos que ir votar, facelo neste país non é obrigatorio, noutros si que o é, eiquí non. Pero iso non quere dicir que non debamos acudir a depositar nunha furna o noso voto pra llo entregar a aqueles ós que atribuamos ou dos que esperemos tanto os logros que quedan citados, coma os que quedan por conseguir, tanto os deterioro deses mesmos logros como a confianza que temos en que nos recuperen deles.

Aínda queda moito por facer e non pouco por reconstruír. Afrontar os retos que calquera destas dúas encomendas implican, e facelo cunhas mínimas garantías de acertar na súa solución, é algo que non se consigue aplicando receitas fáciles a problemas complexos de non se resolven con sentimentos exaltados, afirmacións solemnes, nin vociferando. Adoitase dicir que os días das eleccións son as festas da democracia. Non se nega tal afirmación, pero en todo caso, non sería malo considerar que, esa tal festa da democracia, é unha festa íntima e silenciosa, a celebrar na nosa conciencia e baixo a sosegada actitude que nos dite a nosa consciencia. Poder votar é algo que non está sempre ó acado de calquera cidadanía. Votar en liberdade é un logro, non un agasallo, malia que ás veces non o pareza.

Quen lles escribe é un máis dos que, polo menos no tempo de facelo e probablemente ata o mesmo momento de chegar ó seu colexio electoral, non ten tan claro como desexaría a quen votar nesta oportunidade. O único que teño claro é que hai que acudir ás urnas por moi defraudado que a política ofrecida dende a capital de España nos teña defraudado e mesmo aburrido a unha non pequena parte da cidadanía.

Votamos en Galicia e pra Galicia. Estas non son eleccións ó Congreso dos Deputados. Son eleccións ó Parlamento de Galicia, sabendo que do resultado que estas eleccións nos deparen ha resultar o nome de quen ocupe a presidencia do noso goberno durante os catro longos anos que temos por diante e que tan axiña se han pasar sen que a penas nos deamos conta. Han transcorrer a toda presa, xa o verán, a fume de carozo, como aínda se di nestas nosas terras de millo e algúns mesmo o recordamos. Votemos e afinemos os nosos votos canto máis podamos. Vainos o noso benestar nelo.

Te puede interesar