Opinión

Non temos remedio

Ser é terrible a condición humana. O feito afortunado de que, dende a invasión napoleónica, ningún pe estranxeiro pisara o común espazo de convivencia coñecido como España, provocando a unión de todos en contra del e vencellando unha realidade común, xerou en cambio un decidido afán de construír soños e imaxinar mundos que non só son indesexables, senón que non han ser posibles se non é do peor modo: o de negarlle o desfrute da vida ós demais, sexan estes adversarios políticos, crentes relixiosos ou falantes doutras linguas, facéndoo sempre dun xeito que nos arrede o máis posible da condición de homes e nos achegue á da simple e estrita animalidade. Hai antecedentes.

Calquera diría que sexamos felices tan só provocando a tristeza allea sen nos importar un caragho a propia, acaso porque a de estar tristes sexa o estado natural ó que nos apuntamos. Ser cego ten que ser moi triste, pero aí quen di que moito máis o é o de ser xordo. En calquera caso, cegos ou xordos, permanecer alleos ó que nos rodea, da toda a impresión de que sexan os dous estados preferidos, perseguidos e consecuentemente buscados.

Que cegue eu con tal de que el perda un ollo, é unha das nosas afirmacións máis repetidas ó longo da nosa historia. Permanecemos colectivamente cegos ante a nosa realidade, duros de ouvido ante as valoracións que se fagan dela, contradicindo os nosos sentires e de xeito que só os tortos e mesmo os retortos nos vaian indicando o camiño polo que ir pousando, amodiño, os nosos pés desamparados.

Non estamos afeitos a loitar contra un inimigo común. Tan só o facemos contra o propio e inventado. Todo canto ser pense ou sinta diferente ca nós, sexa anatema, depurado e exposto na picota. Seica levamos nove leis de educación, con esta que anda agora en danza. Cada vez que un goberno de dereitas promulga unha, a esquerda anuncia a súa derogación tan axiña que como se ocupe nos labores de goberno. En cada ocasión na que a esquerda ocupa o poder e promulga unha nova lei, a dereita advirte que ha ser derogada no xusto momento no que ela recupere o mando. Así está sucedendo agora. Casado xa advertiu que esta lei ha durar o que dure este goberno e, logo, volta de novo a empezar. Non temos remedio. Gobernos de tortos e retortos e cidadanía cega e xorda diante das súas propias e millores demandas. Non temos remedio. Ningún remedio?

Te puede interesar