Opinión

Nos nosos tempos

Era o millor dos tempos e era o peor de todos eles; a idade da sabedoría e tamén da loucura; a época das crenzas e da incredulidade; a era da luz e das tebras; a primavera da esperanza e o inverno da desesperación. Posuíamolo todo, pero non tiñamos ren; íamos directamente ó ceo e nos extraviábamos no camiño oposto".  Así define Charles Dickens os seus propios tempos -faino en A Tale of Two Cities- e eu acabo de traducilo pra vostedes porque antolláseme que o mesmiño, exactamente o mesmiño, podemos afirmar destes nosos tamén algo atravesados tanto de grandezas como de miserias; algo por outra parte, exactamente igual a todos, a calesqueira outros tempos como nos recorda Charles Dickens. O que si convirán vostedes comigo é en que sucede que uns son máis atravesados ca outros e máis en que estes nosos sonlles moi, pero que moi atravesadiños. A pregunta, diriamos que algo impertinente, é a de que foi o que nos trouxo ata eles.

Os que len estas páxinas ó longo de tantas horas como ten que levar o feito de telas lido todas, malo ha ser que non se sorprendan se lles recordo que son home máis de se facer preguntas ca de ofrecer respostas. Sen embargo atrévome a suxerir que creo que son as leis, fundamentalmente a Constitución, tan útil nos comezos da democracia e agora tan perturbadora dela a partir do enorme poder que lles concedeu, non os partidos, senón os máis altos dirixentes deles. Trátase dun poder que secretarios xerais e ad lateres utilizan,  en maior medida da necesaria e prudente, pra se manter no seu exercicio. Non frean a tempo. Pásanse de freada e mesmo acaban defendendo a continuidade do partido no poder por enriba das necesidades da cidadanía.

Agora están a nos preparar pra unha subida de trabucos, así era como os galegos de hai nada lles chamaban ós impostos, e fano coa mesma ledicia coa que hai nada se subiron os seus soldos. Eles van por un lado, os demais imos polo outro. O sistema electoral establecido no ano 78 está tamén necesitado de reformas e o mesmo sucede coa lei de financiamento dos partidos, coas circunscricións electorais e a hoxe inadecuada división provincial. Debe ser que como hai que evitar falar destas cousas, que tanto traballo lles farían desenvolver, o oportuno e facelo de si monarquía ou república e si dunha bandeira o outra. 

Non sei onde lin, e iso que o fixen non hai moito, unha solución dada na emigración a un dos asuntos nos que levamos ensarillados diríase que un século. Farto alguén de tanta diatriba sobre si se lle debería engadir unha franxa morada á bandeira en substitución dunha roxa das dúas coas que conta, ou se manter a marela e as dúas roxas, suxeriu quitarlle unha das roxas e asunto arranxado dunha vez por todas. Convertela en bicolor dese xeito, en troques de seguir discutindo se volvela tricolor, pra poder continuar discutindo cen anos máis, conduce inexorablemente a pensar que a patria é a b andeira cando a patria é a xente que habita nela. Polo mundo adiante ondean moitas bandeiras bicolores, eiquí mesmo ó lado, en Portugal, sen que tal circunstancia implique devaluación algunha nin da patria, nin do patriotismo, nin do civismo requerible ás súas cidadanías.

Pero tornando ó rego, deixándonos de discusións que non nos levan conducido a nada máis ca enfrentamentos, que é o que tolle ós señores lexisladores que non ousan corrixir estas que antano foron leis oportunas e beneficiosas e agora son causantes de non poucas das nosas deficiencias é algo ó que deberán ir respondendo cada un de vostedes posto que eles non van facelo. A estes efectos permítanme recordar que a actual división ven sendo a mesma que proxectou Javier de Burgos, fíxoo no ano 1833, en tres meses, van alá case que douscentos anos baseándose nunha razón poderosísima daquela: dende o punto máis arredado da capital deberíase poder chegar deica nela nun só día. Canto leva hoxe vir a Ourense dende a Mezquita? Que pasa co Bierzo e a posibilidade de ser converter na quinta provincia galega coa capital en Ponferrada? A lei e os traballos que, logo da morte de Fernando VII, aquel felón, permitiron tal división territorial requiriron tres meses de traballos. Tres meses. Canto levaría hoxe a confección doutra nova? Que pasou coa división comarcal nosa? E coa concentración parcelaria que é de sospeitar que algo terá axudado á despoboamento do noso campo?

Ás veces, non poucas veces, un chega a considerar plausibles as palabras de Estanislao Figueras, primeiro presidente da primeira república española, á volta de catro meses logo de xurar o seu cargo. Púxose en pé, no medio  da celebración dun consello de ministros e moi seriamente dixo: "Señores voy a serles absolutamente franco: Estoy hasta los cojones de todos nosotros"; logo colleu un tren na estación de Atocha e cando quixeron dar con el atopárono en París, alá na doce Francia. 

Poucos anos despois, el rei Amadeo de Saboia exclamou: "Ah, per Bacco, io non capisco niente. Siamo una gabbia di pazzi!" E dito isto colleu o portante e foise por onde viñera, é dicir, regresou á Italia de onde o trouxera o xeneral Prim convencido de que a República non estaba feita pra nós. Éo, está feita pra nós? Gato branco, gato negro? O que importa é que o gatiño sexa murador. O que conta é que non poida papar os bistés se os deixas ó seu acado na cociña. O que necesitamos son leis son leis acordes cos tempos que vivimos sabendo como sabemos que os tempos son todos atravesados e  que é posible que o problema sexamos nós que non sabemos velo.

Te puede interesar