Opinión

O noso xeito de habiltar a realidade

Ando a ler unhas cantas novelas. Collo unha delas, léoa, póusoa; collo outra, léoa, descanso, póusoa tamén e non me dou decidido a comezar unha terceira... a da discordia. Titúlase esta última "El banquete de las barricadas". É Anagrama quen ven de publicala, hai xa un ano delo, pero eu souben da súa existencia non hai moito, en Barcelona, e acabo practicamente de mercala. Escribiuna Pauline Dreyfus de quen non sei absolutamente nada e nada podo dicir, nin dela, nin da súa novela. Xa saben, leo unha das outras, póusoa, descanso; collo a outra logo dun tempo volvo tamén pousada... e así ando.

Estoutras dúas son de dous xornalistas galegos; un deles, xa coñecido como escritor e como columnista; o outro, anda a se estrear como escritor, ou millor como novelista; e tamén escribe artigos na prensa madrileña. 

O primeiro dos aludidos, que non citados, pois aínda non lin completas as novelas de ningún dos dous, relata, máis que a morte dun poeta fusilado, nun triste episodio nacional que Pérez Galdós non tratou, pero no que agora seica se empeña a aplaudida Grandes, relata, dicíalles, o entorno no que viviu e se cristalizou a súa morte. Ata onde eu levo lido faino cunha mestría, que oscila entre a proximidade esperpéntica e a deformante, que nos fai recordar a Valle-Inclán, e un costumismo, máis cercano ó que Cela utilizou nalgún dos seus millores textos, do que algúns han recoñecer. Ou cando menos así a mín mo parece no escaso medio cento de páxinas que lle levo lido. Da segunda das novelas aludidas xa podo dicir algo máis, pois ando xa polo seu cento de paxinas lidas. Recórdame, de momento, aviso, ás "Memorias dun neno labrego", a millor obra do recordado Neira Vilas, e a verdade é que non ten moito que ver con ela... agás en que estas antóllanseme coma as memorias dun rapaz de Pontevedra que encadrándose (de momento, advírtoo, e coma as de Balbino) de cheo na literatura xuvenil vai ser lida con entusiasmo polos lectores máis adultos e feitos que se decidan a lela. A de Neira era ruralista, esta é urbanita. Velaí como cinco escritores galegos se relacionan seguro que sen ningunha intención deliberada ou previa por parte dos dous actuais. Queda por saber se en consecuencia dunhas lecturas previas, que si é de supoñer que as teña habido, ou porque hai un xeito moi noso de percibir a realidade e de habitala e, o que é millor ainda, de expresala en calquera das dúas linguas coas que a historia nos ten agasallado ou sometido, según cadaquén decida. En resume, dúas novelas pra ler, agora que xa estamos no verán, e unha terceira da que xa falaremos outro dia, tan pronto como lle poña a vista enriba.

Te puede interesar