Opinión

Unha nova e desexable idade media

Pouco e pouco vaise notando a desaparición das Humanidades nos nosos plans de estudios. No que se nota? Pois en que cada vez son menos esas doses de humanismo que fan que unha sociedade medre. Que medre e que o faga non só materialmente senón vendo como o seu humanitarismo abrangue a un maior número de xentes. Trátase este dun problema de nós, cando menos en moita maior e perceptible medida ca doutras sociedades. É doado que non guste que, esa paulatina desaparición, sexa parangonada co igualmente paulatino crecemento da conciencia animalista esquecendo que a maior e máis necesitada especie de protección é a humana. Ningunha outra especie animal, que iso e non outra cosa é o que somos, ten sido máis descalabrada, máis masacrada, do que o leva sido a humana nos pasados séculos, maiormente no XX.

É ben certo que hai especies que se extinguiron e outras que están nun tris de desaparecer. Non é mentira que a Terra está superpoboada. Pero vai a misa a afirmación de que a humana, a especie humana, hase extinguir de súpeto, cando lle chegue a hora. Un bo andacio, un virus que mute inadvertidamente; un conflito bélico nuclear; unha tormenta solar, resultado dunha inmensa labarada que consiga incendiar este lixo, pousado no ollo de deus, ó que lle chamamos Terra e que nós, non ningunha outra especie animal, nos empeñamos en destruír, dará conta desta ínfima parte de molécula cósmica na que moramos.

O máis curioso de todo isto que se di é que se a extinción é consecuencia da realidade cara a que camiñamos -e o é como consecuencia da realidade que imos creando de vagar- esa extinción, deberémola á forza das palabras. Será así pois é sabido que a realidade existe porque existimos nós. Somos nós quen a creamos coas palabras, coas mesmas palabras que poden, e de feito así o levan feito todo ó longo da historia, converterse en armas de destrución masiva.

Unha das cousas que máis me marabillan dende neno é a substitución dos animais do día polos animais da noite; son eses minutos máxicos nos que o vixiante da fraga, o merlo asubiador, avisa ós demais de que se abeiren ás súas polas, de que se deiten nos seus niños ou entren nos seus tobos,porque van ser remprazados no goberno do mundo por mouchos, curuxas, raposos ou, nalgunha ocasión, mesmo por bruxas. Ese momento indícanos que non existe a noite, que esta é unha creación humana que outros animais non perciben. A noite non é máis ca unha palabra. Talmente coma o tempo, que tampouco non existe. Existimos nós. Facémolo sometidos a un proceso entrópico que non depende do "tempo" senón doutros factores que van dende os xenéticos ata os circunstanciais e dependentes do azar ou da necesidade.

É o azar ou é a necesidade -a de regular o exceso de poboación que habita no planeta, por poñer un exemplo- o que nos está a conducir á construción doutra realidade distinta da que a miña xeneración veu desfrutando dende que apareceu no mundo? Non se sabe, cando menos eu non o sei. Pero sospeito que as palabras, efectivamente, as carga o demo e que, cando unha sociedade se ve cargada delas, esa sociedade pode ser conducida directamente ó desastre a forza de lanzalas as unhas contra as outras.

Non poucos lectores dirán ou pensarán de min que son un pesimista. Terán razón. Razón non lles ha faltar. O son. Son un pesimista da razón, é certo. Pero son un optimista da vontade. Se esas palabras que poden destruírnos, esas palabras que empezamos a escoitar ultimamente -patria, bandeira, felón, alta traizón, entre outras- son compensadas por outras: convivencia tranquila, diálogo sereno, reflexión sosegada ou respecto mutuo, se iso sucede, ás diferentes realidades hoxe tan encontradas, todo, todo poderá ser nivelado, unha vez máis, pra darnos a sociedade que nos merecemos porque, isto que estamos vivindo, se algúns o merecen, estes, deben ser máis ben moi pouquiños.

Claro que hai que protexer ós animais! Faltaría máis! Pero tamén ó ser humano da súa propia vesania, moi superior á de calquera outra especie das que habitan a terra. Ata as cobras atacan so si se senten atacadas, non hai noticias de moitos animais que maten por pracer, por diversión, polo goce de ver morrer a un semellante. Sábese de sádicos, téñense noticias de masoquistas, de verdugos e de torturadores fóra da nosa humana condición?

A sociedade humana mudou dende Grecia e Roma a unha Idade Media que empeza a ofrecerse desexable. Nela, nesa Idade Media que deu orixe ó Renacemento e ó Humanismo, o servo da gleba contaba coa protección do seu señor feudal e agás contadas excepcións esta era prestada. Os conventos gardaban e custodiaban o tesouro do coñecemento. Agora, os novos feudais, os señores amos das altas institucións financeiras, non prestan esa protección á masa na que se apoian e sustentan, nin sequera o fan cos seus traballadores. Só eles e os seus altos directivos se benefician mentres controlan os nosos gastos, coñecen os nosos gustos e tendencias, determinan valéndose dos medios a linguaxe que nos encana nun sentido ou noutro... E gobernan as nosas vidas con palabras.

Humpty Dumpty dicía que el era o dono delas, das palabras, e que estas significaban o que el quería que significasen, pois era o único xeito que tiña de construír unha realidade ó seu gusto, á súa conveniencia ou ó teor das súas necesidades. Apoiemos nós as nosas. Fronte a felón, digamos diálogo, fronte a alta traizón digamos respecto mutuo e, ó dicir mutuo, por certo, incluamos nel ó que, os non cataláns, nos merecemos procedente deles, dos cataláns, non só eles procedentes de nós, do resto dos españois. E a ver se así os nacionalistas españois nos os fan medrarse máis do que xa o están.

Te puede interesar