Opinión

O botiquín na biblioteca

Vai un almacenando libros case que ó mesmo tempo que os vai esquecendo; quérese dicir, ó mesmo tempo que vai esquecendo ónde, en que andel da súa biblioteca os pousou. Sucede así e de xeito que, durante anos e por moito que remexas neles, nos andeis da biblioteca, non das con eles e acabas por sentir unha orfandade que non fará falla que se lle explique a ningún amante dos libros. Condición esta, a de amante dos libros, que conleva a de lector; así que será inútil que lle dea máis voltas e millor ha ser que me dispoña a seguir; xa verei por ónde, pois se é que o lector amigo chegou ata eiquí é que o é... e non ha ser necesario que me ensarille máis do debido.

Durante eses anos de orfandade botas en falla o consolo de certas lecturas ata que un día, diría eu que de xeito un pouco milagreiro, cando non inesperado, a túa man retira un feixe de libros dos que ocupan a primeira liña nun andel e, ouh prodixio, na segunda e esquecida ringleira deles, asoma o lombo enriba do que en tantas ocasións pousaras a túa ollada, pero non o teu sentido, e descobres un dos libros cuxo recordo tanta melancolía che causara.

Non afirmo que vivamos tempos avoltos, pero a min parécenmo. Tampouco non sei, cando menos non o sei con certeza, se unhas afirmacións son certas ou son falsas; pero en calquera caso o mero feito de que circulen, abonda como pra que xente coma min se poida sentir atribulada. Situación esta, a da tribulación, na que o de Loyola aconsellaba non facer mudanza. Imos a elo.

Poreilles un exemplo grazas ós meus compañeiros do Instituto do Posío. Descoñezo se é certo que a directora do Instituto da Muller, Dona Beatriz Gimeno, dixo o que din que dixo. Pero, tanto se o dixo como se non, o feito de que anden circulando, a conta dela, opinións como a de que a heterosexualidade é antinatural, xunta con outras de calibre semellante, a min preocúpame.

Si é certo que o dixo non me preocupa porque unha persoa pense semellante cousa. Eu penso que a homosexualidade é unha condición máis do ser humano; unha condición que depende do aporte de testosterona habido durante a súa xestación e que, xa que logo, é unha consecuencia natural tanto se o aporte o é por exceso como se o é por defecto. 

Se eu penso iso, Dona Beatriz pode pensar ou cismar como lle pete que non serei eu quen llo discuta. E pode facelo de xeito tan prolixo como o que circula polas redes da man de xentes que, na maioría dos casos, desfrutan dunha polaridade total respecto dela. A min tanto me ten. Pero que esa señora sexa directora do Instituto da muller iso xa me preocupa algo.

Si non é certo, ou si as súas opinións están manipuladas e situadas fóra de contexto, algo que non sei se sucede, iso xa volve a causarme a preocupación que confeso. Que avogue pola penetración anal dos homes pra acadar a igualdade coas mulleres é algo que me recorda a esas dúas mozas que escachan os ovos das galiñas pra loitar contra as sistemáticas violacións ás que as someten os galos, máis se son galos peteiros, claro. Ou iso de que ser lesbiana é millor que non selo, pois te libera do xugo do patriarcado e do destino dun noivo, pra mín é tan válido como afirmar que un home hetero é máis persoa que outro homosexual. Vaites, vaites, vaites.

Sé é certo que a tal e señora directora, en tanto que tal, dixo o que din que dixo, malo. Se non é certo o que din que dixo, malo tamén. Por iso a min estes tempos contúrbanme e me traen algo máis que preocupado.

Non é bo poñer a venda antes da ferida, pero non está contraindicado ter sempre un botiquín a man por se fora necesario botar man del. E aí ven o conto polo que empezamos esta páxina de hoxe, esta hora de conversa con vostedes que tan dispostos se me amosan sempre a perder o tempo lendo estas simplezas. 

Quero dicir que o meu botiquín é a miña biblioteca. Nela teño ata o bálsamo de Fierabrás que utilizou o Quixote, se ben recordo, pero que xa figura nos textos do ciclo carolinxio. O problema é que adopta diversas formas de pensamento e ás veces non das coas píldoras, quero dicir, cos libros indicados; agás, naturalmente, que se produza algún milagre e, actuando como se indicou que actúo algunhas veces, pouses o dedo no lombo dun libriño e xurda o prodixio dun consolo.

Hoxe din, sen pretendelo, cun libro que me trae consolo logo de ler cousas como as que a veces colgan os meus compañeiros do Instituto do Posío no chat ese que temos no WhatsApp. Titúlase o libro "O pensamento estoico" e créanme que, se algún lector anda coma eu ando, pode serlle de moito consolo e utilidade.

Así que tanto si é certo que a directora do Instituto da Muller dixo o que din que dixo, como se é falso ou esta descontextualizado dun concepto inserto nun texto de maior fondura intelectual, a min váleme de consolo o que deixou escrito Marco Aurelio: "Lémbrate, dende agora, en todo suceso que te leve a aflición, de utilizar este principio: o de que iso non é un infortunio, senón que é unha fortuna aturalo con dignidade" (MA, IV,49). 

Tamén me vale o que o mesmo autor aconsella máis adiante (MA, X,27): "Reflexiona sen pausa en como tódalas cousas, tal como agora se producen, xa se produciron antes. e pensa tamén que se han seguir dando no futuro. E pon diante dos ollos tódolos dramas e escenas que coñeciches por ti ou pola historia anterior (...) Todos aqueles espectáculos eran iguais, só que con outros actores". 

Xa ven que non se consola o que non quere e que nada hai novo baixo o sol. O amolado é cando nos sucede como lle sucedeu a San Policarpo, bispo de Esmirna, que clamaba a Deus porque o fixera vivir tempos interesantes. Igual eran coma estes e o problema é o triste destino que, dende a de Alexandría, lles agarda ás bibliotecas, con Hipatia ou cun varón ó fronte, que niso non hai cuestións de xénero senón de bondade e intelixencia. Hipatia .de Alexandría, a que aconsellaba que defendésemos o noso dereito a pensar, porque mesmo facéndoo de maneira errónea é millor que non pensar. Ouh, os sentementos encontrados!

Te puede interesar