Opinión

O feito de escribir

Non sei se será certo que Marguerite Duras foi unha torturadora. En ocasións, en demasiadas ocasións, os escritores controvertidos, como ela o foi e como aínda o é, son branco de calumnias e padecen desprestixios que serven pra exorcizar terceiros; por exemplo, se ela fose unha sádica torturadora, o seu PC quedaría tocado por permitirllo. Daquela aínda non chegaran os tempos de Dick Cheney, os malabarismos conceptuais que propiciaron Guantánamo e a utilización de terceiros países coma sedes do que (nunca?) se consentiría en territorio dos Estados Unidos. Agora con este Trump, que moito me temo que vaia repetir mandato, as fake news transitan de novo como se tal cousa fose unha invención dos nosos días. Veweñen xa de vello.

De Hemingway tamén se dixo que se gababa, cheo de vaidoso orgullo,  da xente que matara facendo raias na culata do seu rifle, unha por cada  inimigo abatido, cando foi corresponsal de guerra e disque abateu a cento e pico deles. Moita culata tiña que ter o seu fusil. Non son tendente a crer nestas cousas, pero aí están. Aí permanecen, deteriorando imaxes que non cadran coas que nos ofrecen os seus contrarios. Non sei se me explico. É difícil facelo porque haber hai casos certos. Algún deles próximo. Disque o autor do mellor libro escrito nunca sobre a medicina popular galega foi un coñecido membro das "brigadas del amanecer" pontevedresas. Por iso eu sempre dubido e non as teño nunca todas comigo. Maguerite Duras era quen de escribir que é nos ollos onde nace o sorriso e quen así escribe non pode ser torturadora, digo eu, porque tamén é, nos ollos, onde primeiro aboia o odio.

En resume, que isto de ser escritor élles unha gaita. Foi  a propia Marguerite  Duras quen dixo que escribir, o feito de botarse a escribir, implica o intento de descubrir o que escribiriamos se o fixesemos. É algo enrevesado como pra ser entendido de contado por aqueles que non escribiron nada despois das primeiras e únicas cartas de amor dirixidas ós obxectos dos seus desexos de adolescentes. Sempre intentamos escribir algo que nos queda sen ser escrito levados que somos doutros pensamentos que silencian os primeiros e iniciais. Se realmente é así (e non digo eu que non) os escritores sómoslle uns tipos dos que millor é se velar e ter coidado. Pessoa dicía que o poeta é un gran finxidor. Eu digo que tamén o son os escritores

Sen embargo e se o pensamos ben non son só os escritores e non é tan só co feito da escritura co que unicamente finximos. Máis ou menos todos sabiamos falar antes de saber falar e soubemos andar antes de nos botar a facelo, pero non soubemos o que era ata que o fixemos; e mentres, finxiamos. Así nós tamén, os escritores. Acórdanse algúns dos lectores dos seus tatexos iniciais, cando sabías o que querías dicir, pero non acertabas  a dicilo porque non atinabas coa pronunciación exacta e a lingua non che respondía ós impulsos que a túa mente tiña claros pero que os douscentos e pico musculiños que ten a lingua ignoraban por completo e así tamén cos primeiros pasos? Todo elo pra chegar a altura destes anos nos que as palabras comezan a fuxir e séntelas na punta da lingua sen conseguir concretalas pra poder convertelas en alento; nese alento, nese  leve sopro. Non outra cousa son as creadoras da realidade que nos circunda e define e que, tantas veces, serven só pra indefinir, deixándonos indefensos acusados der ser o que non fumos.

Te puede interesar