Opinión

O príncipe en Allariz

Andamos a voltas coa monarquía. Ás veces mesmo andamos a voltas e a revoltas. Isto estalles feito un barullo. Hai uns días, o lidereso de Podemos dixo que a xefatura do Estado debería ser por elección e non por fecundación. Orixinal. Dado que foi o emérito quen fecundou á raíña igualmente emérita pra que hoxe ocupe quen ocupa a Xefatura do Estado, quedou pródiga e contundentemente demostrada a capacidade fecundadora do campechano rei, de feito que pode avalar sobradamente ó actual monarca, resultado dunha tal e soberbia coxunda, pois sen dúbida, han ser ben millores que calquera outros habidos como resultado doutra erección, perdón, quero dicir doutro tipo de sufraxio, emitido non precisamente por vía intrauterina. Como ven, postos a dicir chorradas todos podemos botar un coarto a espadas. 

Non se me alporice o galiñeiro. Hailles debates parlamentarios moito máis peregrinos que este primeiro e anterior parágrafo que, advírtollo, non anuncia nada bó nos que han continualo. Non hai como dar pé a unha parvada pra poñerse a dicir sete máis como consecuencia dela. O caso é que houbo quen entendeu que por erección, non por elección. Outra máis. Que lles estaba dicindo? Ah, si! Botémoslle a alguén a culpa deste desbarre matinal e deamos por ben certo que, unha xordeira ben administrada, constitúe un capitaliño moi digno de ter en conta. 

Volvamos agora a por onde comezamos. Postos a ser ocorrentes, non me han negar que quedou precioso o de lidereso, é dicir, macho da lideresa, o que xa non sei se por elección ou se por fecundación. Escollan vostedes que eu teño o beizo partido e a min dáme a risa. Non lles hai coma a linguaxe politicamente correcta. Postos a dicir sandeces, sempre haberá quen nos gañe. Nesas e non noutras son nas que maiormente andamos. Breogán que tempos!

Hai anos, moitos xa, o daquela Príncipe de Asturias, ou sexa o actual Xefe do Estado por fecundación, Pablo Iglesias Turrión dixit, veu a Galicia en viaxe oficial na súa condición de herdeiro ó trono do reino de España que por certo, a min e disimúlenmo, moito me gustaría que lle chamasen das Españas, que lle vou facer, nacín con fórceps. 

O caso foi que, nesa visita oficial, visitou tres concellos, cada un deles rexido por unha forza política con representación parlamentaria, un deles o de Allariz. Daquela eiquí gobernaba Fraga e o seu partido fungou e refungou abondo; ou sexa fungóulle e refungóulle de xeito notable ó vello León de Vilalba, porque, según os do PP, lle colaran o gol de que o príncipe fóra visitar un concello rexido polo BNG. O vello león ruxiu e non se lle ocorreu millor remedio que pedirme a min, que sempre fun un alaricano militante (agora cos anos e o visto xa algo menos) que estivera presente na recepción que se lle tributara na miña vila de nación. Respondinlle que boas viñas había en Toro. E aí quedou a cousa. Algo máis tarde, alguén da casa real, sinaloume que estaría ben que eu dera a benvida ó príncipe de xeito que acabei aceptando sen dar pe a que me tivera que convencer moito, quen así me abordara, pendente tan só da aceptación da miña presenza por parte do alcalde que, daquela, era Anxo Quintana, fillo dunha curmá do meu pai, polo que, facendo de tripas corazón, chameino e expliqueille o embolado que se me viñera enriba. Todo foron facilidades e alá me fun.

Cando eu cheguei, tarde, a corporación xa estaba en ringleira, na ponte do Porto Vello, saudando ó herdeiro. Púxenme ó final da cola e cando chegou a quenda de chocar as mans entre o príncipe e este Conde que eu son, quen había ser monarca -con quen comera eu uns días antes xunto con outros escritores- un Borbón que goza da proverbial memoria elefantiásica deles, preguntoume qué facía eu alí. Respondinlle que estaba no meu pobo e viña darlle a benvida e a saudalo. Entón preguntoume que lle podía ensinar do meu pobo. Sen pensalo sinalei tras del e, levantado o meu brazo, apuntei ó curuto no que estivo o castelo de Allariz, o mesmo que un meu trisavó describe nesa novela que por fin acaba de ser editada. Non foi sen tempo. 

O príncipe virouse, mirou pró castelo e ó non velo coma el esperaba poder contemplalo, ergueito e firme, volveuse cara mín. Que castelo? preguntou xa algo mosca. Ese, respondinlle, alleo á realidade, volvendo erguer o meu brazo na mesma dirección. Foi rápido e cunha seriedade que non amosaría o seu pai inquiriu xa algo molesto; cal? Entón decateime da miña estupidez e ocorréuseme responder: e que é coma o de Praga, hai que velo cos ollos do corazón non con outros. O príncipe sorriu e seguiu saudando á xente. Parvada por parvada case que prefiro a do Melenas.

Eu, que confeso non ter sido monárquico, recoñezo ter sido xoancarlista e que algo aínda o son. Sucédeme co xoancarlismo o mesmo que co constitucionalismo. Sempre fun constitucionalista, en realidade o sigo sendo, pero xa menos, porque considero que está avellentada e, nunha grande parte, é ela a responsable da triste situación que atravesamos ó ter potenciado, esta partitocracia de profesionais da política que, posto que o rei reina, pero non goberna, rexe os destinos actuais do Estado. Reformemos primeiro tal e nefasta influencia e deixemos pra algo máis tarde a leria da monarquía.

Te puede interesar