Opinión

Ouh, os principios

ALLARIZ 21/06/2019.- Festa do Boi, bajada de gremios desde el castillo; Izado de bandera, y aparición de Xan de Arzúa. José paz
photo_camera Festa do Boi, bajada de gremios desde el castillo; Izado de bandera, y aparición de Xan de Arzúa. José paz

Está visto e revisto que o noso ímpeto non é o de establecer prioridades, que o primeiro é cancelar as aulas todas, clausurar os campos de fútbol pra que os partidos se celebren a porta pechada e seguir pautadamente todos os protocolos establecidos ó respecto e o secundario é deixar que se amontoen setecentas mil persoas manifestando os seus desexos máis vehementes, os seus degoiros máis certos, os seus afáns máis íntimos. 

Se a concorrencia a un funeral provocou o que provocou que non se derivará, no seu momento, da masiva manifestación do pasado domingo día 8 de marzo? Que tería sucedido se todas as ministras do Goberno central se tivesen pronunciado xustificando a suspensión da manifestación feminista do citado día? Realmente existe alguén que pense (que existirá pois neste mundo ten que haber de todo) o pouco airosa que tería saído a ministra de Igualdade posta a dar razóns que avalasen a supresión de aglomeración tamaña de xente tanta como a que se reuniu en Madrid? 

Ó día seguinte dela, da manifestación, ou sexa o luns día 9 do mes que andamos, a segunda cadea da TVE, emitiu unha película na que se narra a vida e mailos axetreos de muller tan significada como aínda o é e aínda o ha ser por séculos, Clara Campoamor. Nun momento dado, cando é interrogada a cerca da súa condición de feminista -interrogada ou acusada, sinalada na súa condición feminista- responde que ela non é feminista, que ela é humanista. É unha humanista a ministra de igualdade? Seguro que sí, pero poder podía demostralo.
A condición de humanista, o exercicio do humanismo, mesmo o do humanitarismo, implica hoxendía e por extensión o de feminista, pero este servidor de vostedes confesa de xeito paladino que, visto o que leva visto, a de feminista non sempre implica, non sempre conleva a de humanista. Non en tódolos casos e oportunidades, pero así é, anque doa. Segue a haber moita Victoria Kent. Lástima. E miran que Victoria Kent foi importante. Pero que breve resultou ser o seu trunfo!
E así e pouco e pouco o coronavirus segue espallándose ó tempo que confirmando a maior conveniencia dun sistema sanitario público coma o noso antes que ter que aboar eses tres mil dólares que seica é o que costa nos Estados Unidos a comprobación de si xa levas ou non o virus a bordo ou os trescentos deles que disque é o que costa determinalo nunha clínica privada. Sanidade pública, sanidade privada, cuestión de principios, seica, así que escollan.

Ouh, os principios! Na película, feita encol da vida de Clara Campoamor e dos máis mozos da tribo do seu tempo, faise referencia a eles, ós principios. E faise dun xeito tan ben traído que un non pode menos que se preguntar a que se ha estar a referir quen fai chegar onda nós a súa impostada voz de actor mentres alude a eles. Logo decátaste de que valores e de que principios se trata, pero o fas ó mesmo tempo que constatas a súa ausencia, levados que foron da man das preocupacións, cando non pola súa claudicada existencia real, pero si polo seu estado xeral de pura e dura moribundia. 

Nalgún momento da nosa historia se nos foron os principios por un embornal sen que o considerásemos sequera unha perda de auga, coma unha vía de auga padecida como consecuencia da nosa navegación de altura polo proceloso mar da economía, cando non do benestar. Nunha reportaxe da televisión vasca feita a propósito dos negocios reais que circulou hai uns días pola Internet adiante, sen que haxa visos de que vaia ser emitida por ningunha canle de ámbito nacional, un "señor de bo aspecto" afirmaba que o que non entendese a función do comisionista non entendía nada do mundo no que vivimos. Pode que tivese razón, pode. Países hai nos que se promulgaron leis que regulan a existencia dos lobys. Pero hai figuras centrais en tódalas sociedades, figuras case que sacralizadas polas leis vixentes, que deberan permanecer á marxe de tales tentacións pois a ética e o honor, mesmo o pundonor, deberan ser guías permanentes de conduta.

Que proceso esquizoide é o que padece a nosa sociedade? As augas baixan avoltas, pero non se lles ven gañancias ós pescadores. É que so os profesionais exercentes na sanidade pública, acaso tamén a maioría dos que o fan nos medios de comunicación, están a altura das circunstancias. Que pecado colectivo cometemos ou a quen teremos que culpar por carecer, goberno e oposición, poderes económicos e espirituais, machistas e feministas de quenda, babor e estribor de garda, non sexamos nin sequera quen de imaxinar unha reacción como a da xente italiana saíndo ós balcóns pra cantar os seus himnos cara ó atardecer, eles, que viven nun país paradigma da corrupción e do concepto de mafia; ou os franceses que poden facer o mesmo, ou... Que temos nós, de que dispón a nosa sociedade que sirva de nexo común e non de separación forzada?

Falamos de Galicia, de que si non sabemos se somos Galiza ou Galicia; de que temos dous himnos, o da letra de Pondal e maila Marcha Real do Antigo Reino de Galicia; de que temos dúas normativas ortográficas e por aí seguido... pero e que me din de España, na que sigue habendo bos e malos españoles, onde unha veces ondea a bandeira tricolor e outra a que o fai é a bicolor que outrora se dicía roxigualda? Que me dín? E que himno, que canción nos permitiría asomarnos ás rúas dende as fiestras e balcóns das nosas casas pra nos manifestar unidos. A estas alturas da historia non temos nin himno nin canción.


Non temos nada deso, é certo. Pero aínda queda esperanza. Únenos o respecto e admiración, a gratitude cara un colectivo. Foi fermoso ver á xente asomada ás fiestras e ós balcóns das súas casas, aplaudindo en rendida homenaxe ós profesionais sanitarios. É un xeito de empezar a recoñecer e valorar a dedicación e o traballo da sanidade pública. Tras dese recoñecemento virán outros. Un día serán os bombeiros, outro han ser as forzas armadas entregadas ás misións humanitarias, ou mesmo as forzas de seguridade as que sintan o abrazo da colectividade prá que traballan e á que se entregan. O valor do público, a entrega dun colectivo á colectividade común ha ser o que nos dea o sentido que s Historia nos foi negando. Daquela aparecerán as cancións.

Te puede interesar