Opinión

Unha e outra España de Chaves Nogales

Quen me lea con certa asiduidade (porque alguén haberá que o faga, digo eu) decataríase hai tempo de que os máis destes artigos son consecuencia directa dunha das máis gratas satisfaccións coas que me agasallou a vida. Estoume a referir á lectura, loxicamente.

Antes de seguir adiante, déixenme deixar constancia de que a vida (por veces) tamén che fornece de insatisfaccións varias facéndoo de xeito que, unhas con outras, se vaian compensando. Hai xente afortunada que, o máis que lle poden pedir ós deuses -polo menos ós deuses gregos que eran algo ventoláns e caprichosos- é que tal compensación sexa real de modo que o comido vaia polo servido e viceversa. En ocasións eu téñome por un deses seres privilexiados e xa que logo tan agradecido á vida, ó trato que esta me leva dado, como para dar por válido aquel vello dito que afirma que “mentres sube baixa o pau, descansa o lombo”.

Todo o que antecede ten como único pretexto o poder chegar a darlles a explicación que pretendo: nesta semanciña que hoxe remata non lin nada; de xeito que non puiden escolmar citas que me desen ideas, parágrafos dos que botar andar o meu pensamento, reflexións que suscitasen comentarios de forma e maneira (de forma e maneira, que diría o recordado Padre Legísima nas súas clases de relixión) que a ver de que lles falo eu hoxe a vostedes.

Tiña en mente falarlles da obra literaria de Manuel Chaves Nogales. Pero non vai poder ser. Non sabía nada del ata que, o outro día, millor dito a outra noite, camiñando pola nosa vella e querida Rúa do Paseo, me falaron del. Ía eu na compaña duns vellos e queridos amigos e mesmo dun recontraparente meu, e, en chegando a altura próxima ó edificio que foi sede do Goberno Militar, do que o meu avó paterno foi sacar ó meu pai naqueles días aciagos nos que “claudiar” xente era deporte practicando por insolventes morais, estando diante do edificio que ocupa o lugar que antano ocupou o “chalet Losada”, o das ventás roxas e a fronteira ocupada por hedras dun verde sólido malia que algo apagado, pero tan fermoso, dous deles, dous deses amigos, interpelaronme a cerca do que foi director do xornal Ahora naqueles tempos difíciles do primeiro terzo do século pasado ata os inicios do terceiro antes de ter que ir morrer ó exilio.

Non sabía nada del, pero o que eles me contaron foi máis que abondo como pra que me interesase pola súa obra. A súa é unha desas figuras humanas que me subxugan de modo que mentres falo ou me falan deles son quen de crer na vida e na bondade humanas, nos corazóns limpos actuantes a despeito do mantemento de opinións moito máis “rentables” que as que eles profesaron e defenderon.

A de Chaves Nogales evocóume de contado a de Melchor Rodríguez, coñecido como “el Ángel Rojo” quen, logo do golpe do coronel Casado, foi quen entregou Madrid ás tropas franquistas. Pero antes, este anarquista sevillano, na súa condición de delegado especial de Prisións, salvase as vidas de miles de persoas destinadas a perdela pola súa simple condición de conservadoras ou militancia nas dereitas. Malchor sostiña e actuou de acordo coa súa convicción de que “se pódese morrer por unha idea, pero non se pode matar por ela”, Melchor foi repudiado polos seus e foi sancionado polos seus contrarios de xeito que foi preso unha trintena de ocasións e menos mal que non foi fusilado grazas á defensa feita por eses miles de seres que lle deberon a vida; mentres que o argumento dos seus para desprezalo e condealo foi o de que salvou a vida de xentes que, logo da entrada dos franquistas en Madrid, serían executores dos seus compañeiros de militancia. Este tipo de persoas, á marxe das súas conviccións políticas resúltanme enormemente valorables no sentido máis positivo da existencia humana. 

O que souben de Chaves Nogales na noite na que recorremos a mesma rúa á que tantas voltas lle din, nun sentido e noutro, ó longo da miña primeira mocidade, tamén me consolou de tantas outras evocadas pola proximidade do edificio no que meu pai estivo preso ó mesmo tempo que o recordo do chalé no que o meu pai se hospedou cando, dende Allariz, meu estudar o Bacharelato a Ourense me enchía dunha melancolía que poderemos cualificar de indicada.

Chaves Nogales seica atravesou periodos republicanos, era do partido de Manuel Azaña, pero chegado o tempo desilusionado coa executoria da República, apoiou a causa de sublevados ata que, novamente desilusionado, comezou o seu exilio ata que morreu en Lonfres a unha idade moi ceda, tan ceda como que pasou a iso que lle chaman millor vida, sendo de obra de corenta e sete anos.

Parece ser que no seu libro titulado “A sangre y fuego” subtitulado “Héroes, bestias y mártires de España”, por medio de unha espléndida cualidade literaria, deixa clara a frustración, a desilusión e mailo desengano que unha e outra España lle causaron. Unha e outra España, a mesma que Antonio Machado indicaba que, fose unha ou fose outra, xearían o corazón da xente; o que é tanto como afirmar que as dúas son temibles unha vez que botan andar e arrastran tras delas a miles e miles de conciencias. Pero non lles podo falar, aínda, do libro que me espera para cando millore a miña visión e poida ler a gusto e tranquilo. De momento sei, seino dende hai moito tempo, que os valores e mailas conviccións democráticas deben prevalecer por riba das ideolóxicas de esquerda ou de dereita. Se algunha vez o conseguísemos este pais noso sería, por fin, o que todos nos merecemos.

Te puede interesar