Opinión

Un país pra nós e pra os nosos netos

Pra non perder un inveterado costume, mantido ó longo de moitos anos, escríbolles antes de saber o resultado deste inusual parto dos montes no que consistiu o proceso electoral celebrado o pasado domingo, máis lento ca o parto dunha primípara añosa -non sei se tan complicado- unha vez chegada a hora de avaliar os resultados. 

Quero dicir que escribo con anticipación abonda e non sei se tamén con algunha desa precipitación que tantas veces pode ser considerada como propia; a mesma que me leva a non quedar ben, case que nunca, nin con uns, nin con outros; pero é que temo que calquera contratempo me impida cumprir coa data de entrega, chegado o último momento de envialos. Este xeito de proceder conleva certos perigos, pero tamén algúns sustos: en ocasións un pódese preguntar se ten dotes premonitorias e en moitas outras máis porque non se estaría calado.

En resume, que o que lles quería comentar hoxe non creo que incorra en ningunha das dúas. O máis que pode pasar é que, o que lles vou comentar, tivera algunha excepción polo que poño a venda antes de localizar a ferida e xa me desculpo, no caso de ter sido así, e todos tan amigos. Ou non?

Hai uns días falamos do que eu considero a inexistencia dun proxecto de país. Algún exemplo? Si. Un departamento gobernamental de cultura non pode converterse nin nunha axencia de viaxes, nin no vertebrador industrial dun país. Tampouco nunha comisión de festas contradora de orquetas e vocalistas. Hai máis exemplos, pero acabásenos o espazos dos mércores. Así que sinteticemos.

Escoitaron a algún dos noso líderes políticos falar de compoñer ou mesmo de recompoñer un país prós nosos fillos e prós nosos netos. Eu non. Por iso digo o que digo. Unha clase política que non teña en conta outro futuro que non sexa o propio, non merece nin ese futro nin selo, nin ser clase política. E punto.

Nembargante aínda estamos a tempo. Con independencia de a quen lle corresponda a formación de goberno, chegado o día de hoxe, o día da publicación destas liñas, deberá empezar a utilizar e ter en conta a expresión de facer un país pra nós, pero tamén prós nosos fillos e pros nosos netos. A xente antes plantaba castiñeiros e carballos pensando neles. É hora de deixar de plantar eucaliptos e piñeiros, por poñer un exemplo extensible a moitas outros "cultivos" nos que tantas veces nos vimos enleados. Coido que a estas alturas xa saberei a quen terei votado. Coido tamén que as previsións o mesmo se cumpriron; en todo caso, sexa quen sexa, home ou muller, o que deba formar goberno oxalá empece a facelo falando de construír, dunha vez por todas, o país no que tanto nos gustaría que vivisen os nosos fillos e mailos nosos netos.

Te puede interesar