Opinión

O paraíso da Gran Harmonía de Mao e Iglesias

Don Estanislao Figueras, cando levaba tres meses presidindo o consello de ministros do primeiro Goberno da Primeira República Española, ergueuse da súa poltrona, botou andar, abriu a porta da sala na que se estaba a celebrar o consello, saíu de palacio e non volveu aparecer por alí. Non concordaba co que alí se trataba e de como se facía. Á volta de tres meses, logo de moito buscalo, atopárono en París. Está nos libros de historia. Cando lle preguntaron a don Estanislao a razón da súa deserción, respondeu sen inmutarse: "Estaba hasta los cojones de todos nosotros".

Don Nicolás Salmerón, presidente que foi da República española optou por dimitir da súa alta maxistratura. A súa conciencia impedíalle admitir, sendo contrario como era á pena de morte, que a súa condición de máxima figura do Estado o eximise de obrar en consecuencia de xeito que puidese asinar seis de esas penas de execución. Os ministros estaban de acordo, el negouse a facelo. Dimitiu e foise prá súa casa. Tamén figura este episodio nos libros de historia.

É de supor que historiadores haberá que o conten doutro xeito no canto de explicar causas e consecuencias. Pero que Figueras apareceu en París e que Salmerón tamén deixou de gobernar son feitos constatables e admitidos ata polos máis renuentes a aceptalos.

Pablo Iglesias Turrión, actual vicepresidente segundo do Goberno, afirmou que España non é unha democracia plena. Sen embargo, en troques de obrar en consecuencia e regresar á oposición democrática ó goberno ó que pertence, optou por seguir a lombos do machiño. Faríao, presuntamente, intentando facer bo aquel vello lema adoptado por Camilo José Cela: “A crítica pasa, o diñeiro queda en casa”. Por moito que se pense non se encontra outra explicación plausible: iso da loita dende dentro é un concepto burgués, penso, e impropio del, seica.

Expresar a convicción de que non vivimos nunha democracia plena revela unha enorme pero interesada ignorancia, máis si se fai dende o Goberno. Non existe no mundo un lugar que viva en plena e absoluta democracia. Iso sería pouco menos que facelo, que vivir, no que Mao Zedong chamou o Estado da Gran Harmonía; ou sexa, unha vez producida a desaparición da loita de clases que predicou Karl Marx -ou o que ven sendo o mesmo, superado o proceso de tese, antítese e síntese que Tomás de Aquino deduciu de Aristóteles- se vive xa no paraíso. Alguén se imaxina o ceo na Terra? A esa ignorancia hai que lle sumar a de non saber o que é unha ditadura ó non ter vivido nunha delas. De telo feito sabería que a nosa é unha partitocracia, si; pero que iso non impide que vivamos en democracia, nun país europeo, o que constitúe un privilexio a preservar e defender de consideracións que se puideran considerar infames, dignas dunha dimisión, cando non dun cese fulminante.

Te puede interesar