Opinión

A paz hai que gañala

Escribo prá xente ourensá, conste. Advírtoo así antes de dicir que non sei o que faría o señor Ogando, desde que chegado o sexto curso do bacharelato, plan do 1953, abandonei o Instituto do Posío. Pero antes deso non nos falou moito de Antonio Machado, algo si; pero non moito. De quen si nos falou máis foi do seu irmán Manuel de quen nos fixo memorizar ese seu gran poema que di aquilo de que "cerrado está el mesón a piedra y lodo" e segue advertindo que nin o pomo da espada nin nada fará que a casa llea dea abeiro. Un poema, este de Manuel Machado, ó que Pérez Reverte lle rende unha sentida homenaxe, creo recordar que na páxina 29 da súa novela sobre o Cid Campeador onde poden comprobalo.

Manuel Machado foi un gran poeta que non contou, nin conta aínda moito, coa anuencia e a campá de resonancia coa que contou e conta o seu irmán Antonio. Laxeiro dicía que Picasso era Picasso porque tiña talento, era comunista e vivía en París. Pero os dous, Antronio e Manuel, son grandes. O son malia que Manuel careza da entidade, da dimensión cívica da que disfruta e disfrutará o seu irmán. Confeso que eu son dos que ten lido máis ó creador de Juan de Mairena que ó cantor do canto ó desterro do Campeador. Non me pesa.

Hai anos, xa moitos, da man do chorado Giuseppe Tavani coñecín en Florencia ó profesor Oreste Macrí, un dos grandes coñecedores da obra de Antonio Machado. Non recordo ben onde estaba unha das terrazas na que, un feixe de xentes da literatura, nos sentamos, logo do xantar, pra tomar outro café e alí e así se nos foi a tarde mentres falabamos desto e máis do outro. O mesmo foi na Praza da Señoría, que máis da, tamén puido ser preto da igrexa na que está enterrado o signore Nicola, o autor de "O Príncipe" que tantos consideran relacionado con Fernando de Aragón, de quen eu son moito máis partidario que da súa dona Isabel de Castilla, a gran debeladora da nosa Dona Xoana de Trastamara. Debeladora súa non en virtude de argumentos ningúns, senón pola razón da forza utilizada contra ela; é dicir, non pola forza da razón.

 Recordo, con algunha nitidez, non moita pero si coa precisa, que o admirado profesor pegou a falar de Nicolás Maquiavelo, a quen o poeta lera debidamente, pra non esquecer nunca o consello -déixenme que diga maquiavélico- de que se debe procurar que o noso inimigo non teña nunca razón ou cando menos que non a teña en contra túa porque o home é un animal que pelexa con ela, coa razón; ou sexa que truca, que embiste con ela; así que aí chegados Oreste Macrí aconselloume, millor dito desexoume, pola súa conta, que Deus me librara dun bruto cargado de razón.

Cargarse de razón é moito máis doado do que parece e, por outra parte, non importa moito que a teñas; pois o importante (isto díxomo Torrente Ballester) non é tela, senón que cha dean e que, aínda por riba, che sirva pra algo. Entre Macrí e Torrente hai un abismo, non sei se de distancias siderais, pero si importante no tocante ás concepcións do existir e se comportar que mantiveron en vida. Pero os tres, Machado, Macrí e Torrente, ó meu entender estaban, están, no certo.

Vivimos tempos nos que no debate -non no intelectual a penas existente, pero si no político- esgrímense as razóns de cada un dos nel participantes coa brutalidade que adoita prestarlles non a razón, como sería de desexar, pero si os sentimentos; que non é que sobren, pero sí que deberan estar sometidos a unha certa contención que non se está tendo en conta. O problema estriba en que os sentimentos, cada vez que priman sobre a razón, convértense nunha arma arreboladiza que pode acabar provocando máis dunha desgraza. E así como nacen os "cargados de razón" cando en realidade o que están é cargados de sentimentos e emocións.

Ó recordar a Oreste Macrí e a Machado púxenme a ler a este. Como adoito facer en tantas outras veces, abrín ó libro ó chou e lin o que lles transcribo: "Alemaña será declarada algún día inimiga da paz e as tres coartas partes do noso planeta militarán contra ela. Ha ser o día da súa vitoria definitiva porque daquela terá realizado plenamente, pouco antes de ter desaparecido do mapa dos pobos ceibes, o seu ideal bélico, o da súa guerra total contra o xénero humano, sen excluír ós inermes e ós inofensivos. Se pra entón aínda queda quen pense ó Mairena dirase: Foi a Alemaña prusiana un gran pobo coñecedor, coma ningún outro o foi, do segredo da guerra que consiste en crearse inimigos". Machado morreu en Colliure no ano 1939, antes de que fose declarada a Segunda Guerra Mundial na que foron vencidos os réxime nazi e mailo fascista.

Hai xente, haina entre nós, necesitada de crearse inimigos contra os que poder trucar armada de razóns baseadas moito máis nos sentimentos que na análise e máis na reflexión que son tan necesarias como imprescindibles unha vez chegada a hora de provocar a cohesión social que toda comunidade humana precisa sen ter que recorrer unicamente á confrontación. Se a política non é, neste caso, a maiores da civilizada confrontación, negociación e pacto, que é? 

Pasado mañá os galegos volveremos acudir ás urnas pra depositar nelas os nosos votos cando entre nós asoman xa as xentes que, agachadas ou contidas durante anos, aboian de novo na tona da nosa vida colectiva e están enrarecendo o ambiente no que se produce a convivencia dun xeito que non fai presaxiar futuros prometedores. Fano así nuns tempos nos que, os dun lado e os doutro, non nos están a ofrecer cousas esencialmente boas e benéficas de cara a unha convivencia que, nalgúns momentos, serviu pra que o mundo se fixara e nós como algo digno de ser imitado. Está a suceder así. Sucede corenta anos despois de que xa o fixera pra saber que aquilo que nos ofreceu non era o desexable. A paz tamén hai que saber gañala. 

Por se realmente estamos no perigo que se sinala, no de volver ás xa andadas, convén telo en conta chegada a hora de depositar o noso voto. Votemos en conciencia, si, pero tamén con sentidiño, moito máis que con sentimentos e cargados de razóns que non resultan nin razoadas nin razoables e que son tan só armas, tan só arietes cos que botar embaixo as portas da convivencia vivida en digna liberdade.

Te puede interesar