Opinión

Pensamentos ao redor do nacionalismo


Hai unha tendencia que pra moitos, eu entre eles e malia que me estea mal dicilo, adoita considerar o nacionalismo coma un extremismo. Sosteño que si, que así é, si é que se me admite que o nacionalismo español constitúe, tamén, unha actitude extrema disposta sempre á colisión con outras entidades nacionais de índole, xa que non política, si, cando menos, cultural. A nosa e galega por lles poñer un exemplo. 

Espero que ningún espírito sensato disinta disto que estou a dicir. Un extremista nacionalista español, hainos a feixes, aínda que poida resultar un chisco caricaturesco, estará sempre disposto a admitir que un andaluz estólido e ignorante, falando co acento cerrado co que falan os de Cádiz -ós que é difícil que se o fan cerrado eu lles entenda nada- están dispostos a admitir que a súa, chamémoslle filosofía natural, pase por ser parella a de Séneca en tanto que a ilustrada verborrea dun sabio ourensán, con tal de que sexa emitida có máis cerrado acento dos varios dos que dispomos no noso país, pase por ser a dun paduano, a dun pailanciño ó que se debe ignorar sen lle prestar moita atención non vaia ser o caso de que nos induza a pensar.

A máis dun lector pode antollarse moi exaxerado, mesmo moi extremo, isto que estou dicindo pero, fáganme caso, lean a introdución “las cargas de la memoria” que eu veño de reler no libro de Sholomo Sand “La invención del pueblo judío” publicado por AKAL, non hai aínda moito, co número 65 da súa colección “Cuestiones de antagonismo”. 

Se o fan, se me fan caso, verán que esa introdución está chea de exemplos parangonables con isto que eu lles digo recoñecéndoo como caricaturesco, permítanme que o repita, respecto dos nacionalismos extremados que poden levarnos a estas proximidades de simas insondables. As historias que compoñen a introdución sinalan casos elaborados, descritos a través de páxinas e non tan simples como os exemplos eiquí expostos pero que nos poden levar, collidos da man da razón, á beira deses abismos dos que, grazas a ela, grazas á razón e á luz que esta desprende, botando man da de Jaime Balmes, podemos constatar a existencia do abismo pero non chegar a saber a súa fondura.

Sempre sospeitei que o romanticismo lakista, o xurdido á beira dos fondos lagos escoceses, entrou en Galicia por Viveiro, esa terra nosa na que os eidos lindan polo seu norte con Inglaterra, mar por medio, grazas á constante presenza no seu peirao de buques de bandeira británica dos que baixaron os seus introdutores. Nicomedes Pastor Díaz pode ser unha consecuencia delo. Ó tempo que a presenza nas augas de Vilagarcía de Arousa da escuadra inglesa, pénsese na proximidade de Padrón e Compostela, serviu, digo eu, pra que Rosalía soubese de cousas que non todos os románticos españois souberon grazas ó nacionalismo que, as tropas napoleónicas foron espallando polo continente europeo adiante. Predicar liberdade, igualdade e fraternidade, por moito que cada soldado francés levase un caxato de mariscal no seu macuto, fixo que os pobos reflexionasen na propia liberdade, na igualdade entre uns e outros, e loitasen por ela con maior ou con menor fortuna.

    A idea de que o nacionalismo provocou a aparición da democracia no mundo, aínda que dun modo moi simplista, ven resumida no parágrafo anterior e implicitamente considerada como posible nunha frase de Liah Greenfeld, contida en “Nacionalism: Five Roads to Modernity”, que Sholomo Sand escolleu coma unhas das dúas que forman o pórtico do seu capítulo primeiro: “O nacionalismo foi a forma na que a democracia apareceu no mundo, contida na idea de nación coma unha bolboreta nun capullo. Pero non se entendería o que digo se non lemos antes a que a precede, esteamos ou non de acordo con ela. É da autoría de Étinenne Balibar e ven extraída do seu libro “The Nation Form: History e Ideology”. Di así: “Ningunha nación posúe unha base étnica por natureza senón que, a medida que se nacionalizan as formacións sociais, as poboacións incluídas nelas, que están repartidas entre elas ou dominadas por elas, son etnicizadas; é dicir, quedan representadas no pasado ou no futuro coma se formasen unha comunidade natural”.

As dúas frases dan moito no que cismar. Unha cousa e se as ollamos pra dentro e outra se o facemos pra fóra de nós mesmos. Nun caso e noutro pode que as aceptemos ou que reneguemos delas e do maximalismo que encerran, dándoo por bo ou considerándoo deletéreo, depende de que a nosa visión sexa interior ou exterior.

Nese xusto momento é cando deberemos recordar que, logo de que falaramos da liberdade, da igualdade e máis da fraternidade, consideraramos as dúas primeiras esquecéndonos da terceira da fraternidade, ese desideratum que xa afectou a Caín e máis ó seu irmán Abel. Todo pobo ten dereito a ser libre, todo pobo o ten a ser considerado igual que calquera outro, pero é aí onde a fraternidade esvara e igualdade e liberdade adoitan irse pola barranca embaixo.

Ignoro se polo que hai que ir é directamente pola fraternidade, visto que igualdade e fraternidade resultan ser termos historicamente desafortunados e a fraternidade universal está sempre posta en tela de xuízo, de xeito que o que haberá que buscar será unha paz social que sexa consecuencia dun benestar xeneralizado e permita, sequera sexa groso modo, unha convivencia senón harmónica si cando menos pacífica. Sucede que, visto e comprobado o secular proceder do ser humano, un debe ser moderadamente optimista e consciente de que os paxariños de cores non preñan por moitos que nos empeñemos en que os soños nos farán voar. My house is my castle, xa, pero que listiños son os ingleses. Millor pensar que o escrito hoxe nos ha servir tan só pra pensar arredor da nosa propia realidade e axudar a conformala.

Te puede interesar