Opinión

Pestañas alegres na Noitevella

Nestes nosos tempos, non tan heteropatriarcais como algunhas veces se afirma, malia que algunha razón non falte se a afirmación se concreta na nosa sociedade; pese tamén a que sexa moita a que lle sobre, no caso de se referir a outras máis lonxanas e distintas dos nosos hábitos e costumes; nestes nosos tempos, non estará de máis recordar o que Platón  deixou advertido. 

Recordalo pode que mesmo resulte aportante e bo. Mesmo tendo en conta que o "argumento de autoridade" foi varrido pola Ilustración, o mero feito de recordar o dito por Platón  pode servir de algo aínda que só sexa a efectos de reflexión e pese a que o seu uso perviva, a utilización do argumento de autoridade, como perviven tantas outras que axudar, o que se di axudar, non axudan moito a millorar a convivencia, pero poden servir de punto de inflexión no medio de tanta actitude dogmática e intransixente como a que, día a día, vai aboiando no seo do grupo humano ó que pertencemos.

O caso é que deixou dito Platón que os deuses dotáronnos los homes dun membro desobediente e tiránico que, coma unha besta enfurecida, pretende, pola forza do seu apetito, sometelo todo a el. Conveñamos en que a Platón algo de razón non lle faltaba. Ó mesmo tempo tamén deixou dito que os deuses, sempre os deuses, dotaron ás mulleres dun animal larpeirán e ávido que, no caso de se ver privado de alimento cando o require, pode provocar unha arroutada de impaciencia que, sobordando a súa rabia no seu corpo, obstrúa os condutos e deteña a respiración provocando mil clases de males  ata que, tendo absorbido o froito da sede común, teña regada e sementada xenerosamente ó fondo da súa matriz... momento no que retornará o sosego... logo de ter chegado polo mesmo camiño e paralelamente o sosego que lle acalmou á besta enfurecida e satisfeita a súa sede digamos que de dominio. Isto último algo é que no sei se o dixo Platón pero que me permito dicilo eu a risco de me equivocar de novo. O que  Platón dixo e, tal cal, eu permítome recollelo de como o recorda Montaigne nun dos seus "Ensaios", a propósito duns versos de Virxilio e xusto antes de chegar a eses puntos suspensivos que lle prestan alas e lle dan aire ás miñas propias valoracións. 

O lector curioso e esquecedizo pode comprobar o que di Platón no Libro Terceiro dos "Ensaios" de Montaigne, que é de onde eu o tomo; concretamente do capítulo terceiro intitulado "Dos tres comercios". Algo antes, no mesmo Libro Terceiro, pero no seu capítulo segundo, titulado sobre "o arrepentimento", Montaigne afirma que "calquera home encerra en si a forma enteira da condición humana".

Ouh, a condición humana! Ver o balbordo, causado polas badaladas de fin de ano, e poñerme a cismar nos extremos que mal que ben quedan expresados, foi todo un. Eros e Thanatos de novo xuntos no tránsito da morte dun ano e no nacer doutro. Millóns de habitantes -de habitantes desta especie de "bocadillo" entre Europa e África que segue a ser España- pendentes das cadeas de televisión nas que funxían e fulxían coma estrelas a señora Pedroche e maila señora Obregón tratouse dunha experiencia extrema, iluminación incluída.

A xente reconsiderou moito a traxedia persoal da señora Obregón. Fíxoo así, mentres saltaba dunha canle a outra, co evidente perigo de que ,un simple retraso ou un terrible desaxuste, chegada a hora de premer o botonciño do mando a distancia, provocase un atragantamento de uvas xeneralizado que, polo numeroso, a piques estivo de provocar outra traxedia natural. A señora Obregón, antano tan frívola, puxo a nota emotiva e sentimental, serena e digna, afrontando un pasado que a todos nos atinxe e a ela en especial; logo renunciou ós seus emolumentos.

Sen embargo a que se levou tras dela toda a conciencia nacional foi a señora Pedroche que agromou nas pantallas dos nosos televisores en salto de cama, dunha pureza que se diría nival, envolveita nun edredón que parecer parecía o de Ikea e estaba o convenientemente ben disposto como pra que media audiencia permanecese atenta alí a onde se insinuaba a existencia do bing bang inicial, a orixe do mundo, habilmente oculta tras a suxerinte elevación do cobre camas de Ikea, camiño xa da entreperna, esquecéndose por completo do discursiño co que nos agasallou e que xa case que ninguén recorda. Chegado o momento, desvelouse o novo ano. Xusto antes a señora Pedroche deixou caer o edredón. Nese instante un ooooooh xeneralizado recorreu a conciencia nacional e xa ninguén recordou a actuación da parella presentadora dende a TV pública. 

A señora Pedroche retrotraeunos a todos a pureza infantil dos nosos anos primeiros, cando as nosas nais nos recitaban aqueles sinxelos versiños de Lorca del "lagarto y la lagarta con su delantalito blanco", só que o que vestía a intrépida presentadora que, ano tras ano, nos está  favorecendo a non renovación de votos, deixaba asomar por vía lateral ó nacemento dunhas suculentas glandulas mamarías que moito nos fixeron recordar as nosas curiosidades infantís. Moito falar de igualdade de sexos, pero eu non vin ó seu acompañante, o visitante de cociñas,  emerxendo dunha pía de auga bendita un pouco máis evidente e grande que aquela da que asomou o busto da nosa insigne bióloga; de frivolizar frivolicemos ben e igualitariamente. A señora obxecto, home obxecto cando menos en cirolas.

Foi nese momento cando se me viu a min á cabeza o da condición humana que sinalou Montaigne e como en consecuencia fun remitido de contado a Platón, consciente que fun da dotación que traemos os homes dun membro desobediente e tiránico, sinalado a mantenta pola señora do salto de cama e o camisón como un "delantalito blanco"  e, empeñado tamén eu na busca da igualdade, botei en falla a corpórea exhibición dun exemplar masculino equiparable. Ouh, a condición humana! Se nos alegran a pestaña a nós, díganme porque non lla han alegrar a elas.  Non lles hai xustiza.

Te puede interesar