Opinión

Peste de grilos!

Cando eu era mozo e ocupaba o meu tempo a bordo dun buque -xa saben que se lle di buque a un barco de alto porte- houbo algunha viaxe memorable. Unha vez trouxemos de México os cabalos dun rexoneador. En ocasións tamén trouxemos algún toureiro, e mesmo recordo algún nome que axiña foi esquecido no mundo da tauromaquia. Por iso non llo dou. En cambio non recordo o do rexoneador, dono daqueles fermosos exemplares, porque non tivo a ben acompañalos na longa travesía. Subiron a bordo os cabalos en Veracruz e, antes de que os desembarcaran n'A Coruña, aínda puidemos ir a Tampa, Tampico, Nova Orleans, Newport News, Norfolk, Baltimore e Nova York. 

Sinalo a rota completa pra que entendan que, a un deles, a un dos cabalos, se lle foi a cabeza, acabou dos nervios, e, unha vez que completamente entolecido pisou terra no peirao coruñés, o seu dono, que debera ter chegado nun avión, ordenou que lle pegaran un tiro. Foi un espectáculo pouco recomendable. Millor non recordalo.

Outras veces o que fixemos foi cargar en Cádiz entre dous e cinco mil galos de pelexa. Viaxaban en cuberta, coas gaiolas ó aire libre do océano, e non sei se acabaron tolos ou non, pero si que nos tolearon a todos a forza de empezar a anunciar o día de mañanciña cedo e logo xa inmisericordemente durante todos os días que durou a longa travesía que incluía unha parada en San Juan de Puerto Rico onde, agás ás monxiñas do convento sito no Morro alegrarianlle o espertar a media cidadanía, por non dicir a toda.

Isto de levar animais a bordo non sempre dependía dos fletes. Unha vez, deixando de través a illa Tortuga que tantos piratas acollera e que saía en tódolos tebeos de aventuras, o barco empezou a vibrar grazas a un a modo de asubío intenso e interminable que nos sobrecolleu a todos. Houbo quen empezou a argumentar que o barco se cargara de electricidade estática, ou algo así, e non só a tripulación senón tamén os intraquilizado pasaxe, se afanou na revisión dos condutos eléctricos que recorrían toda a estrutura da nave. Pero nada. O interminable asubío persistía e, cando alguén empezaba xa a preguntar se estaba moi lonxe o Triángulo das Bermudas, apareceu o capitán no ponte, saíu ó alerón, bateu coa planta do zapato no enxarretado do chan e dixo: "Peste de grilos!" Unha nube deles viñera dende a illa Tortuga (tartaruga ou sapoconcho se o prefiren) e invadira o barco por completo. Pasamos días levantando enxarretados e matando grilos. A vida a bordo agasallábate en ocasións con este tipo de diversións.

Pra non seguir así e poder chegar a término limitareime a recordar que noutras oportunidades cargabamos en Lisboa codias de sobreira de xeito que ó chegar a Norteamérica e desembarcalas quedaban a bordo lagartixas, lagartos, culebras e mesmo víboras en cantidades inxentes e difíciles de esquecer. Foi grazas a este recordo polo que empecei a tirar do fío dos anteriores. Xa vostedes, meus lectores, están avisados de que lles son algo atravesado. Por iso comprenderán que esta ocupación inesperada me trouxera ás mentes a tan entolecida, aguda e reptante invasión verbal que está a padecer o momento político español nestes momentos.

De que lastre se desfixo a nosa sociedade pra que hoxe campen por ela adiante inxente cantidade de bichiños políticos, cantaríns uns, velenosos outros, entolecidos algúns, e que andazo é o que os está levando a agruparse por compartimentos estancos facéndoo de xeito que, cando non recordan un galiñeiro no que se agriden galos de pelexa cos esporóns e os peteiros afiados, son animaliños de linguas bífidas as que compoñen un a xeito de patio de comadres, empeñadas todas elas en se cualificar de nenas de colexio de pago, unhas, de rapazas de escola pública outras, cando non se comportan coma cabalos entolecidos polos vaivéns políticos os que se coucean e morden cunha paixón digna de mellores causas.

É deplorable o nivel ó que está descendendo a oratoria política actual. O zoon politikon antano aristotélico está devindo ultimamente nun simple animal político desencarnado dos valores que se lle atribuían ou se lle supuñan. A que se debe? Acaso á irrupción dos extremos dun e doutro signo político na paisaxe parlamentaria? Quizás á necesidade de facer ruído tanto como o existente nunha gaiola de grilos buscando suscitar unhas audiencias que espallen o seu xeito de habitar o mundo ata chegar a contaxialo? Preguntase así porque é certo que hai demasiado protagonismo, nesta aventura común na que todos navegamos, dalgún cuadrúpedo que outro, dalgunha víbora de máis, dalgunha lagarta sorrinte e de non poucos galos de pelexa e haber non haberá lugar a rememorar a "Rebelión na granxa" pero posiblemente o haxa a dese-

xar nela, na granxa política chea de tanto exótico animaliño, un revolcón que volva poñer os ánimos no seu sitio. O momento é preocupante. Pretender ignoralo intranquiliza case que tanto coma esa insidiosa pregunta dos sesenta e cinco millóns de euros en pago polos coidados prestados. Realmente a nosa sociedade está perdendo pe. E millor é recoñecelo. Logo do diluvio o Arca de Noé desembarcou sen novidade a toda a súa animal colonia pero non da a impresión de que ise poida ser o noso caso.

Te puede interesar