Opinión

As pestes sempre caen nun mundo novo

Opinión

As pestes sempre caen nun mundo novo

Veño de ler o artigo dun importante escritor no que este se refire ó Capítulo 15 do libro XXXV das "Memorias de Ultratumba", do meu admirado Chateaubriand, e de me quedar cun palmo de narices; ou de nafres, se me deixan que o escriba no galego que xa non se fala e que me permitiría esnafrarme no caso de que o que lles digo se prestara a engano, pero non. 

Nese capítulo, cando menos no que así figura na edición de Acantilado do 2004, non se fala da peste tal e como o articulista indica, senón da prácida paisaxe que rodea Lugano, a fermosa cidade que ten soportais coma Bolonia e habita nela unha xente que fai os seus labores na rúa, como se fai en Nápoles, abeirados que viven todos ou os máis dos seus habitantes a unha arquitectura propia do Renacemento, con tellados que asoman dos muros sen cornixas; unha cidade que ten tantas outras peculiaridades que resultaríalles oneroso que llas seguira relatando; así que millor lean a Chateaubriand; de momento, abonda con que lles diga que, a de Chateaubriand, trátase dunha descrición fermosa que aínda lle deben estar agradecendo os habitantes de lugar e paisaxe tan idílicos como os que monsieur François René acerta a describir cunha mestría que supera os case dous séculos que nos separan del pra chegar deica nós fresca, non sei se coma unha leituga, pero si como se acabara de ser escrita agora mesmo.

Pensando sobre estas cousas, eu, que son un admirador da novelística norteamericana do século XX, e aínda de parte da do XIX, xunto con tan pouco como o son da do que levamos no século XXI, decátome do moito que adoito recorrer ós autores franceses unha vez chegada a hora de dialogar con vostedes, unha vez chegadas estas horas do día e nestas páxinas do noso periódico. E o que é peor aínda tamén me fago consciente de que, a novelística francesa actual, no seu conxunto, tampouco non me interesa moito. Este meu debe ser un síndrome máis do proceso de envellecemento no que cada vez afondo máis. Iso ou que os tempos e os valores da Ilustración están definitivamente arrombados no seu conxunto. E eu con eles. A verdade é que non sei que pensar e prodúceme certo arrepío cismar no que poderán considerar vostedes.

Grazas a regresar ás "Memorias de ultratumba" souben algo que descoñecía, a saber: a beleza das mulleres circasianas; tanta que, moitas delas, moitas delas, eran tomadas pra prover os harems dos sha safávidas e dos sultáns otománs. A propósito delas di Voltaire e disimúlenme a tradución que "Os circasiáns son pobres e as súas fillas son fermosas e é con elas coas que se realiza o comercio principal. Subministran con esas belezas o serrallo do sultán turco e de todos aqueles outros que son o abondo ricos como pra mercar e manter esta preciosa mercancía. Educan as súas fillas en todo e sobre todo en saber acariñar os homes." Definitivamente os tempos son non sei se cambiados ou cambiantes porque neste noso mundo de hoxe en día ese tráfico, senón coas circasianas, segue producíndose non só con veciñas delas. 

Xa ven o moi entretido que pode resultar o simple feito de andar a remexer nos vellos textos pra comprobar que a condición humana non cambiou nin ten trazas der facelo. O texto que o articulista di que figura no capitulo citado do libro que se dixo -e que debe vir noutro lugar que buscarei deseguido- ven dicindo algo que nos fai reflexionar, precisamente, acerca desa inmutable condición humana unha vez situada no medio dunha peste como a que hoxe nos asola; di Chateaubriand no 1833 a propósito da peste do 1817, pero non onde se nos indica que "se isa peste caira enriba nosa nun século relixioso, tería deixado un cadro abraiante (...) o da súplica pra aplacar a cólera de Deus. Pero a do 1817 foi unha peste moderna que chegou onda nós nun século de filantropía, de incredulidade, de periódicos, de administración material (...) paseouse por un mundo novo na compaña dun boletín que contou os remedios que se tomaban contra ela, as vítimas que producía, os lugares polos que se espallaba, a esperanza que había de acabar con ela, as precaucións a tomar, o que había que comer e que vestir (...) mentres cada quen seguía entreténdose cos seus asuntos e as salas de espectáculos estaban cheas e víanse borrachos ás portas dos cabarés brindando pra convocar ó Morbo".

Esta nosa peste, esta pandemia está producíndose tamén nun mundo novo. Sempre hai un mundo novo a disposición dos máis mozos e un mundo vello que nunca abandonará ós vellos. É o mundo o que sempre vai cambiando, o que non cambia é o destino cara ó que o mundo se vai achegando, de vagariño, coma quen non quixera a cousa. A paisaxe que Chateaubriand describe e a da condición humana, a única condición que é quen de alterar artificialmente a paisaxe fermosa de Lugano, os hábitos das xentes napolitanas e mesmo os canons de beleza que unhas veces nos fan admirar a das mulleres circasianas e noutras ocasións a das esveltas masai, as pequenas e delicadas francesas ou a rotundidade das ianquis máis macizas. Vese ben que Polícleto, Lisipo e Praxíteles acertaron nas distintas proporcións nas que consideraron a beleza humana -que certamente existe, que sen dúbida é real- porque todo é cuestión dun equilibrio, necesitado dunha harmonía que non sempre reina, porque esa non cambiante condición humana cambia os canons facéndoo, en non poucas oportunidades, a costa de ceder nas proporcións e de abandonar a harmonía porque, o que non cambia é a tendencia dos humanos a clasificalo todo, a enxuicialo todo dende os propios prexuízos, sexan estes de orixe relixiosa ou de procedencia política, de carácter científico, nunhas épocas, e cheos de frivolidade, noutras, sometidos sempre ós ditados dunha tiranía ou producidos na liberdade democrática. A pregunta triste é a de como han ser xulgados estes nosos, os que estamos a vivir o conxunto dos españois por se a resposta que obtemos nos fai sentir vergoña e saber que aínda estamos a tempo de endereitalos, pero que vai ser difícil que o logremos.