Opinión

En política fan falta hienas

Desde que vin que, neses centros de recuperación de aves e doutros animais salvaxes que foron feridos ou atrapados por esta ou aquela e xustificada razón -as veces mesmo por razóns por completo inxustificadas- se lles devolve a saúde ou incluso se lles doma a súa fereza natural, dende que o vin por primeira vez, posiblemente naqueles impactantes documentais de Feliz Rodríguez de la Fuente, lévome preguntado se os carroñeiros seguirán a comer carroña ou optarían xa por outro tipo de alimentación que a nós, ós humanos, se nos ofreza máis apetecible.

Sen embargo nunca lle formulei tal pregunta a ninguén, nunca tentei satisfacer tal e coido que insán curiosidade, acaso por medo a que me confirmasen o disparate de que sí, de que os carroñeiros se poidan afacer a comer "máis san" por dicilo de xeito que se me entenda. Prefiro seguir pensando que por exemplo as hienas, se domesticadas, sigan comendo carroña. 

Dende que é obrigatorio incinerar os cadáveres das vacas en troques de deixar os seus corpos podrecendo nas máis escarpadas abas dos montes, a cadea trófica ven padecendo cortes que non presaxian nada bo e a fauna acusa un desequilibrio que non entusiasma máis que a unha patulea de inconscientes. En cada ocasión na que o ser humano contradí á natureza sen consideración de ningunha especie, algo do equilibrio natural, non pouco da necesaria harmonía e complementariedade entre contrarios vense embaixo e fórmase unha boa. A máis de un antollaráselle unha parvada pero ten que haber morte pra que haxa vida.

É sabido e aceptado que ó que se acaba de comentar nos tres parágrafos anteriores se lle poden e se lle deben poñer obxeccións. Non todo está sempre tan claro e tan nidio que non necesite aclaración e mellora cando non de expresión si de conceptos. Pero, se mal non lles parece, ímolo deixar así. Direilles por que. A min váleme pra deducir, con certos visos de solvencia, que en política tamén son necesarias as hienas e precisamente pra que poidan seguir manténdose de carroña, ou sexa, sen perder a súa condición. O único que se necesitaría sería manter un certo control da especie a fin de que non proliferase na proporción e na medida na que o está a facer. Hai moitas hienas de deus por aí soltas, escachándose a rir mentres fan trizas de cadáveres que diríamos exquisitos. Exterminalas ou deixalas que se coman entre elas? Velaí a cuestión.

A teima de sinalar á especie humana como a raíña da creación sempre se me antollou gratuíta e inoportuna; o mesmo que a súa cualificación coma un ser racional que, en tantas ocasións, se me antolla coma unha fermosa hipótese de traballo aínda sen refrendar por ningunha autoridade superior; en troques, libros que median entre o que contén a feroz crítica do totalitarismo feita por George Orwell na súa noveliña "Rebelión na granxa" e máis literaria e científica "Vida das abellas" de Maurice Maeterlink sempre me parecen oportunos e axustados á realidade e, por algo, dende "As Metamorfoses" de Ovidio, senón de antes, os animais e os homes se confunden e transmutan de xeito que, por exemplo, a licantropía encobre non poucas das nosas tendencias e realidades e non todo consiste en converter nunha brillante estrela, nun astro con luz propia, a ánima de Julio César... o que pode explicar a divinización naqueles tempos de non poucos outros seres humanos de maneira que a divinización aínda perdura.

É certo. O home pode ser un anxo e un demo, mesmo os demos son anxos vidos a menos, transmutados por causa da soberbia cando non da ambición. Vicente Risco sabía moito a este respecto. Se non se me houbera quedado nunha "administración" anterior agora podería botar man do seu libro no que recolle os nomes, as gradacións, mesmo as ocupacións dos demos, pero atrás me se quedou ese libro que xa non conto con poder volver lelo. Qué lle imos facer. Agora a memoria non me permite recordar nada dese libro prodixioso, produto dunha fe fonda máis ca dunha imaxinación portentosa. Sí me permite, en cambio, recordar algunhas das categorías dos anxos; a saber, anxos, arcanxos, serafíns, querubíns, tronos, dominacións e potestades... o que da idea do ben artellada que estaba a cousa celestial. A infernal o mesmo, pero sempre me interesou menos. Se taxonomía das especies participantes na eternidade non estivese completa do xeito no que o está, con anxos bos e anxos malos, as taxonomías animais, incluída a especie humana, tampouco non o estarían se en todas elas non existisen alimañas; dende hienas a tiburóns brancos; dende serpes a osiños que non sempre han ser tan doces coma os de peluche. 

A nosa vida política actual conleva unha constatación semellante. Certo que na pasada houbo algún León de Vilalba e mesmo algún Xabarín de Cerceda, a maiores doutras especies máis ou menos depredatorias do seu entorno máis próximo pero, con todo, nada que ver con isto de agora. 

Xa non hai leóns, nin outras especies menores pero igual de nobres. Agora o que abonda entre toda a animalía existente é maiormente caza menor e xeralmente velenosa, arañeiras red-back, escorpións, velutinas, algunha víbora ca outra, unha fauna en xeral mediocre, na que sobresaen as hienas carroñeiras e falsas ás que hai que manter tendo en conta que nunca se han afacer a comer máis san do que veñen comendo dende que aboiaron na tona da vida política. Hai que resignarse a elo na agarda de que veñan millores tempos ou de que se exterminen entre elas nunha catarse que, por moi truculenta que poida resultar, haberá que ir afacéndose, haberá que ir pensado en aceptala. A estas alturas outra saída non se lle ve cando menos a moi corto prazo. Paciencia, pois, e barallar. Deixemos que as hienas acaben de comportarse coma hienas.

Te puede interesar