Opinión

Para a política, mellor unha empanada

Opinión

Para a política, mellor unha empanada

O pasado dia 19 do mes que andamos, ó presidente de Galicia avisounos de que se aveciñaba tempo moi duro. É moi de agradecer que así o faga. Entre outras razóns porque, visto todo o que levamos visto, é máis que probable que non lle falte razón e millor ha ser previr que lamentar. Estamos moi afeitos a lamentarnos. Pese a que as previsións leven empuxado ós nosos gobernantes a se adiantar ós acontecementos non ten sido así. Toda canta prudente anticipación debera ter partido, en cada momento, dos máis deles, maiormente dos que exercen en Madrid e con independencia da cor política que luzan, non se ten a penas producido. Abraia recordar exemplos e máis exemplos. O máis alonxados dos máis próximos, o da máis recente desilusión, produciuse, alá contra o oito de marzo do ano que se foi, cando ese señor con aspecto de "chico encantador", que ser será un científico ou un técnico, a escoller, pero que exercer exerce de político, nos fixo saber que lle diría ó seu fillo que si quería ir que fose á manifestación aquela da que tantas consecuencias foron as que se derivaron. Dende entón a falta de anticipación ós desastres que pouco e pouco se producen, malia que se diría que estea sendo en avalancha como nos invaden, ven sendo un contínuum dun lado e doutro do espectro político actual.

A última expresión do que se comenta veu da man da outra banda do espectro político que nos goberna. Veu da man do alcalde de Madrid, dese señor con aspecto de bo rapaz, quen sabendo como sabiamos todos que eiquí, quérese dicir na maior parte de España -porque eiquí si nevou, pero non nevou o que nevou por aí embaixo- ía caer a que caeu, pillou ós madrileños pouco menos ca en cirolas, de xeito agora quere declarar zona catastrófica á cidade que desgobernou cando tal cualificación cabe atribuírlla á súa pésima xestión, en primeiro lugar e logo e se acaso ós fenómenos naturais ós que non se anticipou ignorando aquilo do xa estaba avisado

Por iso hai que lle agradecer ó presidente Feijoo que non lle quite ferro ó asunto este da pandemia e nos avise a todos a fin de que esteamos preparados pra o que, a todas luces, aínda resta por se nos vir enriba. Magoa de recortes tantos, aplicados no seu momento, que tantas desgrazas das sufridas nos terían aforrado. Mágoa de privatizacións tantas coma as que levamos padecido. Abraia contemplar o tanto por cento de empresas públicas existentes en Francia, Alemaña ou noutros países -ós que acaso demasiado alegremente adoitamos cualificar coma "do noso entorno"- relacionándoo logo co de empresas privadas neses mesmos países e acto seguido analizalos comparativamente cos datos correspondentes a nós. Calquera diría que os españois só souberamos vivir nos extremos.

De ser certa a anterior valoración, tería razón de ser o progresivo esquecemento ó que se leva sometido a figura do coruñés Salvador de Madariaga que pregoaba a conveniencia de ser liberal porque o primeiro é a liberdade; ser socialista porque hai que velar sempre pra que as liberdades individuais non se exerzan contra o ben común, e ser conservador porque sen un mínimo orden non pode haber nin liberdade nin xustiza. É ben certo que a moitos, esta recomendación de Madariaga, háselles antollar propia dunha empanada mental á que ó parecer son tan dados moitos intelectuais e mesmo políticos coruñeses. Non me estrañaría nada que así sucedese. Na nosa parte máis española, somos moi dados a profesar relixiosamente cada unha das fes, cada unhas das crenzas políticas coas que nos agasallan os tempos, incluídas as tres que considera Madariaga.

Esquecémonos en tal caso de que o noso prato nacional non é só o lacón con grelos, nin o cocido do que se apropiaron os de Lalín (algunha razón non lles falta) e que a empanada, que tamén é outro dos nosos pratos nacionais, leva unha zaragallada na que colle de todo e que nese todo se resumen sabores e texturas que se conxugan e son moi de agradecer. Haberá, sen dúbida, quen opine que esta consideración é un xeito de frivolizar a nosa condición, mesmo a nosa política, e que millor será deixar as cousas como están e millor deixármonos de lerias. Nese caso, de haber e ser certos tales reproches, haberá que recordar que os tan sonados recortes foron necesarios, cando menos nalgunha medida, pero que millor tería sido que non fosen tan drásticos. Outro galo nos estaría cantando agora no medio deste andazo que non da declinado porque, imos ver: de que nos valeu ós galegos ter as contas ó día se logo os cartiños orzamentarios colleron carreira cara onde nos as tiñan? De que nos está a valer tanta sensatez, sentidiño tanto, como estes dos que todos estamos sempre a facer gala, presidente do país incluído?

Amólame non pouco o ser tan repetitivo, pero díganme por exemplo porque os alemáns ou outros cidadáns de países europeos, españois incluídos, cruzan os seus territorios sen ter que pagar un euro mentres que nós pra ir traballar dunha a outra das nosas cidades teñamos que pagar unha parte algo máis que significativas dos nosos salarios laborais? Non vale ter calma pra reclamar o compromiso subscrito na sesión de investidura polo actual presidente do goberno central, tal e como reclamaba hai días o secretario xeral da súa sucursal galega, pois ó día de hoxe outra cousa non parece dado que tanta calma, calma tanta, non nos leva deparado grandes cousas. Ó millor vai sendo hora de ir dando, cando menos amagando, con dar unha puñada enriba da mesa de negociacións por se acaba por ser certo que espertamos do noso soño neste decote excluído fogar de Breogán. Xa está ben de facer bo o adaxio castelán que recomenda "prometer e prometer hasta f... e logo de ter f... esquecer o prometido". Todo ten un límite, ou debera telo, e xa está ben que sempre sexamos nós quen acabemos por pagar a cama. E quen queira entender que entenda.

Te puede interesar