Opinión

Políticos admirando o seu ombligo

Hai unha semana sentinme derrotado. Como xa son un señor maior, definitivamente entrado nunha idade provecta, material de derribo, xa que logo, tráenme os xornais á casa. Pasara o domingo n'A Coruña, nunha celebración familiar, mentres outeaba a dársena do peirao baleiro. Fíxeno dende un oitavo piso, comprobando a case que total ausencia de barcos nel, poisque disque que o seu tráfico marchou todo el pra Leixoes ou pró Porto, cando non pra máis embaixo, e a verdade é que non me enteirara de nada cando, seica, mentrestanto en Madrid se xuntaban máis de setecentas mil persoas nunha manifestación convocada co gallo do día internacional da muller. Cando o souben sentinme un desaprensivo. Debo selo. Nunca me gustaron as manifestacións. Defendo que as haxa, pero tamén que non sexan de asistencia obrigatoria. Así que o souben o luns, lendo os xornais que me traen a casa; xa saben, son un ancián e hai que, de ser posible, se aproveitar delo.


O luns souben que deixaran que se xuntaran setecentas mil persoas en Madrid e o martes, polo mesmo procedemento, souben que tamén en Madrid suspenderan as clases en tódolos niveis do ensino pois parece ser que as aglomeracións de xente poden estar contraindicadas nestes tempos de coronas infecciosas e intranquilidade xeneralizada.


Non entendo nada. Ou ben non procedía a autorización da manifestación dominical ou ben o que non é de recibo é a cancelación da actividade académica habida o día seguinte, luns. Tampouco non entendo o problema seguinte presentado como disxuntiva: uns culparán ó Goberno central do permiso concedido e outros acusarán ó da comunidade madrileña da prohibición promulgada cando, en realidade, os dous gobernos deben ser culpados de non actuar de común acordo nunha situación de emerxencia como a que se está vivindo. Por iso é de agardar, e sería de agradecer, que ó que leve sucedido na semana que media dende entón teña servido pra que dunha bendita vez os partidos políticos defendan os intereses comúns a toda a cidadanía esquecéndose, tamén dunha vez, dos seus propios intereses partidarios.


É que non hai un só home ou muller cun amplo sentido do que é unha política de Estado ocupando escano no Congreso ou nos da Cámara autonómica madrileña? Pra se considerar os embigos do mundo, como ó parecer se consideran xa vai sendo moito horas de que uns e outros abandonen a autocontemplación umbilical á que permanecen entregados e comecen a ampliar os seus puntos de contemplación da realidade. Canto daría eu por que, este artigo escrito hai unha semana, resultase hoxe obsoleto e mesmo desafortunado! Pero de xeito que lamento xa por adiantado, témome que non terá dado lugar ningún a que poida ter sido así e seguiremos sen contar nin con homes, nin con mulleres, donos dun amplo sentido do que é unha política de Estado unha chegada unha situación de emerxencia e seguiremos derrotados.

Te puede interesar