Opinión

Se os políticos non fan, o farán outros

Unha das máis execrables expresións, máis que da propia política, dos dirixentes que actualmente a exercen, é a constatación da pobreza e da carencia de imaxinación, por non dicir de proxectos políticos da que adoito fan gala uns e outros, a babor e estribor de garda; a esquerda e dereita do arco parlamentario pra millor expresármonos.

 Estes días, por conta da gran nevarada que neste primeiro mes do ano cubriu a maior parte do país, entristece escoitar as críticas da oposición e acto seguido reler as que co gallo da nevarada do 2018 formulou o actual presidente do executivo. Non milloramos moito, por non dicir que non milloramos nada, nadiña, nada.

Non é de agora. Hai anos, hai lustros en que ven sendo así como se sinala. O tan democrático "turno alternativo" exercido no noso espazo por embaixo deste noso paralelo 42ºN consiste máis nun quítate ti que me poño eu que en calquera outra cousa. 

Diríase que os nosos partidos políticos están ocupados, en gran e significativa parte, por unha manda de mediocres empeñados todos eles no exercicio do poder, polo mero poder... e máis tamén pola distribución que del se poida facer, dende o órgano executivo, que pola transformación e mellora da sociedade que llo confiou, a través das urnas. Que llo confiou, si, pero esperando que no Congreso se manifestasen debidamente as intencións de levar a ramo o progreso ó que se nos habituou durante anos e que agora, e tamén dende hai anos, se nos está a converter en retroceso. E non hai síntomas que anuncien a posibilidade de cambiar de rumbo.

Estea quen estea no goberno, vai dicir o que dicían os seus anteriores ocupantes cando, estea quen estea en cada momento na oposición, esta lle faga as mesmas e idénticas críticas que tivo que escoitar cando era, a hoxe oposición, a que exercía os labores de goberno. Desenganémonos, non é un trabalinguas, é unha traxedia colectiva: isto non vai cambiar. Trátase dunha tomadura de pelo.

O exercicio político en España e máis confesional ca outra cousa ningunha. Temos unha concepción relixiosa do tema. Debemos ser conscientes de que, comentarios como os precedentes, han ser obxecto de repugna pra unha gran maioría de simpatizantes ou seguidores tanto da esquerda como da dereita. Non han ser moitos os que se tomen a molestia de constatar se o que se di é certo, comparando as intervencións parlamentarias do 2018 coas de agora mesmo. Eiquí nada se move. As criticas que se lle fixeron ó goberno do PP dende a oposición do PSOE, son as mesmas que a oposición do PP está a lle facer ó goberno de PSOE. Escusado está advertir que as respostas dun goberno e doutro, tamén os seus silencios e ocultacións, veñen sendo as mesmas. Esa é toda a imaxinación política da que dispoñen?

Hoxe mesmo un vello amigo que exerceu a docencia en Alemaña e tivo a chamémoslle a humorada, por non dicir o sentido común e cívico, de ler a Constitución que marca a existencia dos alemás, comentoume que o derradeiro artigo dela declara, máis ou menos, o seguinte: que a tal Constitución terá a vixencia que o pobo alemán decida. Se isto é así, e eu non teño porque dubidalo, a nosa Constitución está redactada exactamente pra evitar que iso suceda, poñendo todo tipo de trabas ás reformas ou ás emendas que reclamen os tempos e os cambios que, a nosa sociedade vaia experimentando todo ó longo deles. Efectivamente quedou todo atado e ben atado. Estamos e somos tratados coma nenos e posiblemente a razón estea en que é como nenos como adoito nos comportamos. A carón do persoal sanitario que camiñou quilómetros e quilómetros pola neve pra ir cumprir co seu traballo puidemos contemplar á tendencia ó ocio daqueles que baixaban esquiando dende a praza de Castilla, Castellana abaixo, ata a praza da Cibeles, collían o metro a modo de remonte, volvían ir á Praza de Castilla e de novo costa abaixo e así unha vez e outra. 

É evidente que de casos particulares non se deben extraer conclusións xenerais, pero si é certo o que afirmou a presidenta da autonomía madrileña -esa autonomía á que se lle perdoa o que non se lle consinte a outras e sinaladas- respecto de que Madrid é España, dentro de España, porque gran parte dos males que nos aflixen deben ser ubicados como procedentes dese "Rompeolas de todas las Españas" que tan acertadamente definiu, se ben o recordo, José Ortega y Gasset.

No temporal do 2018, as intervencións parlamentarias a el debidas, tamén as crónicas políticas suscitadas nos diferentes medios de comunicación, son idénticas, en ambos casos, as actuais e únicamente se diferencian nos seus protagonistas. Pois ben, o mesmo sucede co aumento do recibo da enerxía eléctrica consumida. Se o temporal deste ano foi moi superior ó do 2018, á subida do recibo sucédelle exactamente o mesmo. E o mesmo lle sucede ás críticas e ás intervencións dos políticos. A única e perceptible diferenza consiste en que se daquela a luz subiu un 8%, agora é moito máis acusada e acada o 30% do recibo. Pero os discursos duns e doutros seguen sendo os mesmos.

É de sospeitar que, o contrario do que sucedeu na Transición, non sexan os políticos os que susciten os cambios considerados necesarios pra unha posta ó día do país e da súa economía. É de desexar que sexa a conciencia pública, debidamente expresada, a que esixa e provoque as substitucións, as reformas e as emendas que os cambios experimentados pola nosa sociedade ó longo dos pasados corenta anos reclaman. E que o faga esixíndolle ós políticos demócratas os cambios que, de non ser afrontados por eles, acabaran séndoo por outros políticos, escasamente demócratas. Por políticos que hai tempo que permanecen á espreita, como cazando ó axexo, o momento de fartura creada pola situación socio económica que lles permita ofrecer, con absoluta desvergonza, os bálsamos de Fierabrás que todo o curan e nada sandan, como a historia nos ten máis que aprendido sen máis que recordar, cando non ler ou reler, o acontecido en oportunidades semellantes non só por nós senón tamén por outros países do que sempre dimos en chamar o noso entorno.

Te puede interesar