Opinión

Porque o dixo o noso líder

Óscar Wilde amaba a música de Wagner coma o que máis puidera amala. É tan potente, deixou escrito e fixoo por se houbera algunha dúbida da clase de amor que sentía por ela, que un pode falar todo o tempo, mentres a escoita, sen que ninguén se enteire do que está dicindo. 

É posible que, a que puidera ser chamada a música electoral, deba ser englobada nese concepto do wagneriano que nos legou Wilde. Todos falamos do que queremos falar e ninguén nos escoita. Son tan potentes as eleccións, millor dito, é tan potente o barullo electoral que conseguimos que ninguén escoite outra voz que non sexa a propia. Só así se pode entender a morea de animaladas coas que algúns líderes políticos nos agasallan ós cidadáns de a pé ocupados, nunha gran maioría, en escoitar tan só ós seus propios líderes e procurando ignorar o que din o resto deles non vaia ser que teñan razón e os fagan pensar sabendo como se sabe o perigoso que sería afacerse a reflexionar facendo calar a voz do sentir en detrimento da voz do pensar. Un follón. Así que viva a música de Wagner.

Parece ser que Antonio Machado coñeceu en París a Óscar Wilde. Quizás fose alí onde Machado dixolle a Wilde, ou onde Wilde lle dixo a Machado, que "todo necio confunde valor y precio"; ou sexa que "nowadays people know the prize of every thing, anda the value of nothing" que ven sendo algo así como que hoxendía a xente sabe o prezo de todo e o valor de nada; tal e como deixou dito aquel pra quen súa infancia eran recordos dun patio de Sevilla e un horto onde maduraba o limoeiro. 

Sen embargo debo confesar que teño certas dúbidas ó respecto. Cando menos no referente á mercancía electoral que se nos está a ofrecer nestas vésperas bullangueiras de acceso ó congreso dos deputados e a ese senado composto de xente que non responderá moito á consideración de senadores; nin tampouco ás necesidades que o país ten por conta da representatividade que o Senado fai que non se teñan en conta.

Que valor teñen as ofertas electorais e que prezo teremos que pagar por elas é algo que, o máis habitual, é que non as teñamos demasiado en conta. Adoitamos darlles o valor que a nosa credulidade, ou a nosa emotividade, consorciada cunha nosa paixón, da que case se podería dicir que sexa mistérica e relixiosa, lle concede. Isto é bo, isto ten valor porque así nolo dixo o noso venerado líder; o líder que cada ten teñamos de quenda e vixianza diríase que espirituais. E de aí non vai un paso adiante a nosa reflexión. O feito curioso é que os máis convencidos do escaso valor das súas ofertas sexan os mesmos que nolas fan. Saben moi ben que tampouco non é necesario afinar moito. E xa tamén é sabido, por case toda a concorrencia, que unha cousa é predicar e outra é dar trigo. Así que sigamos coa festa que mañá é festivo.

Volvendo a Wilde e a fin de devolverlle ó lector algo de esperanza neste proceso que nos encamiña cara ó vindeiro vinte e oito de abril, convén recordar outra das súas tallantes, ou velaíñas, afirmacións que todo depende de por onde se collan. di, faino no "O Príncipe Feliz e outros relatos" que "o escepticismo é o principio da fe". 

Traio a colación a fraseciña anterior por se lles resulta evidente o escepticismo que me domina. Confeso que o teño grazas ó terror que me inspira a posibilidade, real posibilidade malia as enquisas publicadas, de que acabe gobernando este país esa trindade que a min se me antolla escasamente santísima... e xa saben a quen me refiro. Tanto é como lles digo que o que o meu escepticismo electoral xorde da miña esperanza, da miña fe en que non se manifeste; de xeito que, estes sentimentais candidatos a presidilo todo, arramplen con todo o conseguido nos pasados corenta anos. Coas catro décadas que trouxeron o maior benestar e a maior paz social que viviramos dende había moito tempo. Un país non se constrúe con descualificacións e sofismas, moito menos negando de xeito sistemático a propia obra ou a dos que nos precederon nas responsabilidades públicas e menos aínda se de quen se trata é dos propios antecesores na gobernación do nos propio grupo político. Se un actúa así coa xente propia, con esa desvergonza e insolencia que non fará cos de fóra do seu ámbito?

Pero volvamos a desesperarnos, ou o que ven sendo o mesmo, volvamos a dar que pensar. Fagámolo indo e vindo nos nosos razoamentos malia que, de novo, os tomemos prestados do mesmo e irreverente Óscar Wilde. Réstannos, aínda, dúas citas máis. Tráioas a colación pra recordarme algo a min mesmo, a vostedes non creo que lles faga falta ningunha. A primeira afirma que "a nosa sociedade, cando menos a sociedade civilizada, xamais está preparada pra crer en nada que vaia en detrimento dos que son ricos e fascinantes". Esa é a primeira. A segunda tamén é de Wilde, naturalmente. Non lles hai nada como reler de vez en cando. Nela di que "ser puritano, moxigato ou predicador é malo. Ser as tres cousas ó tempo recorda os peores excesos da Revolución Francesa".

Aí lles queda todo este aparente barullo de hoxe, encamiñado non a inducir o voto, ningún voto concreto, senón a facelo dende a previa reflexión de todo o que se nos pode vir enriba nosa. E miren que lles hai ben de opcións nas que escoller.

Te puede interesar