Opinión

A propósito das chaquetas

Según nos informou Oscar Wilde, a desobediencia ven sendo, cando menos a ollos daqueles que teñan lido algo de historia, a virtude orixinal do home; de onde colixo eu que debo ser home moi virtuoso dada a miña incapacidade de me someter a ningunha organización que exixa obediencia cega; é dicir, dun xeito ou doutro, todas porque, todas, dun xeito ou doutro son cadeas de transmisión de ordes e consignas, de comentarios e verdades, xurdidas no seo das cabezas pensantes que, unhas veces, son unhas e outras tantas son outras pero que, neste noso país de sempre anoitecida, acaban por se converter nunha relixión, nunha cuestión de fe, nun mero sentimento.

Sucédeme algo semellante ó que lle sucedía a Groucho March, que nunca pertencería a un club que admitise como socio a un tipo coma min. Porén, eu si tiven militancia política durante a última ditadura padecida pola cidadanía española no seu conxunto. Previa advertencia de que, a miña militancia no Partido Comunista duraría o que durase a ditadura; é dicir, que finalizaría no momento no que houbese liberdades pois, aí chegado, deixaría o meu papel de tonto útil e daríame de baixa xa que sería un contrasentido militar nunha organización que me ofrecese menos liberdades das que me ofrecía unha sociedade democrática.

Sei que isto que digo pode e mesmo debe ser considerado con acritude, pero estou orgulloso de ter pertencido ó partido que máis e millor loitou pola reconciliación nacional baixo a dirección dun home que en tempos bélicos cometeu as mesmas calamidades que fixeron non poucos dos seus contrarios pero que, chegado os tempos de paz democrática, soubo sacrificar o seu partido en aras da nova sociedade que xurdiría daquilo que se chamou a Transición.

Visto o que levo visto, que non é pouco, teño a sospeita de que a sociedade e con ela os partidos que a compoñen, están cheos de altruístas e de egoístas e que, según os tempos e os dirixentes, prevalecen unhas ou outras actitudes. Alguén me pode negar que o partido que dirixiu Felipe Gonzalez era substancialmente distinto ó que gobernou Zapatero ou agora goberna Sánchez? E que me din do de Casado e Feijóo? E xa posto do de Primo de Rivera e Manuel Hedilla?

E xa postos tamén na realidade máis nosa e inmediata son os mesmos partidos e as mesmas obediencias as derivadas das distintas e múltiples siglas que os mesmos lideres políticos foron dando a luz en consecuencia de tantos cambios e lealdades como os que se levan producido. En que consiste logo iso que lin non hai días a propósito do cambiochaquetismo? 

Non hai moitos días laiábase Pepe Coira do paulatino esmorecer do CGAI, do centro galego das artes da imaxe, creado que foi durante o goberno tripartito, da mesma maneira que tamén o foi o Instituto Galego das Artes e Escénicas e Musicais, o IGAEM, que foi borrado do mapa da nosa e necesaria infraestrutura cultural no goberno que substituíu ó tripartito. E que pasou coa XOG, coa Xoven Orquestra de Galicia e con elas outra moitas realidades máis semellantes a elas, ao CGAC, por exemplo, que xa non ten nada que ver con aquel que se botou andar no mesmo período? Foi necesaria a chegada do tripartito para que o CDG disouxese dunha orde de creación que lle dera existencia legal non supeditada ós caprichos dun conselleiro. Foron borradas do mapa. Non hai constancia de que ninguén, nin sequera as oposicións parlamentarias, montasen nunca a que cumpría montarlle a uns gobernos que, por exemplo, o ano pasado deixaron sen executar doce millóns de euros dos orzamentos de cultura. 

Non é sequera un desiderátum, senón unha reflexión a que lles vou ofrecer de contado; pero de volver ter eu as responsabilidades que tiven nos anos finais dos oitenta seguiría vestindo a mesma chaqueta que me levou, xunto coa inestimable axuda dun equipo como o que dirixín, á creación de todas esas entidades. Busquen en Facebook o que escribe Pepe Coira e poderán facerse, aqueles ós que lle interese, unha composición de lugar de onde se colgan as chaquetas e de quen bota man delas.

Hai moitos anos, paseando pola praza da Ferrería de Pontevedra, mantiven unha conversa con Luis Ferreiro, o fillo de Celso Emilio. Nela, o fillo do poeta, afirmábase como socialista e logo como galego ou como galeguista, xa non o recordo ben; de paso reprochábame a min que primeiro fose galeguista e logo me afirmase como socialdemócrata. Hoxe sigo vestindo a mesma chaqueta, Miguelito, e cando queiras falamos da galeguidade da miña obra literaria, dos organismos que lle deron un sentido a este país e dos que non reneguei nunca, daquelas asociacións ou movementos que colaborei a formar e mesmo estou disposto a admitir as comparacións que consideres oportunas. A chaqueta que eu visto dende neno é a da miña cultura, a miña lingua e a da miña disposición a cooperar con calqueira que me ofreza a posibilidade de loitar por eles dentro dunhas coordenadas democráticas.

Cando se promulgou a lei de creación da RTVG, eu estaba alí e o por min feito está recollido nos diarios do Parlamento. Sucedeu o mesmo coa lei de normalización lingüística e coa de creación do Consello da Cultura Galega. A Real Academia Galega desfrutou dunha partida orzamentaria a partires da miña presenza, sempre como independente, que a salvou dun naufraxio certo do que xa ninguén se acorda. Así tantas e tantas outras realidades que hoxe esmorecen ou que xa pasaron á breve historia dun tempo de esperanza. Entendo e ti ben sabes porque, Miguelito, as emocións que te levaron a escribir o que escribiches, hónrante, pero non deixa de ter o seu aquel o feito de a única persoa que salvas fose, precisamente, a maior que non a única causante, daquela desfeita, alguén que non atendeu o parto das miñas primeiras fillas senón o doutor Carlos Pino, xefe que fora do meu pai no hospital de Pontevedra.

Te puede interesar