Opinión

O proxecto de ir tirando

Arealidade constrúese con palabras; aínda máis, e igualmente coñecido: a realidade existe porque existimos nós. Consiste no que nos rodea e percibimos. A linguaxe política tamén se constrúe así. Veñen os políticos dármonos leria, é dicir, o mitin, a homilía, e bótanse de contado a nos construír coas súas palabras unha realidade que nos contente, mesmo máis, que nos convenza, pois, a estas alturas, cada quen xa ten o tabao (moito máis ca mosca) detrás da orella.

Según a capacidade intelectiva e cognitiva do político, así ha ser o mundo que sexa quen de construír. A maior intelixencia e maior formación do individuo millor e máis cabal, harmoniosa e equilibrada, ha ser a realidade que constrúa pra no-la ofrecer en saborosas píldoras mitineiras, doces coma carambelos; agás que se dedique a activar os nosos sentimentos máis elementais. Pra iso non se precisa de moito léxico, nin de moita intelixencia; abonda có que se chama convición, firmeza, autoridade e vontade (real ou aparente) no dicir. Pero é sabido que o inferno está cheo de boas intencións e de falsas promesas.

Cando un grupo político é quen de crear linguaxe política, anovando a xa existente, introducindo eslogans, máximas, consignas, que prendan no imaxinario colectivo, o seu grupo, o seu partido está chamado a gobernar e os votantes convocados a desfrutar da riqueza ou da precariedade que esas frases repetidas introduciron no seu propio intelecto. Conservamos memoria das consignas que encheron a posguerra civil española e de como chegaron a conformar o imaxinario colectivo da cidadanía dun xeito que se diría indeleble. Pero é innecesario traelas agora eiquí. Os vellos non o necesitamos e ós novos antollaríanselle fantasías. O certo é que a moi rufa e bélica linguaxe inicial foi cambiando. Fíxoo de xeito que, cando levabamos andado un cuarto de século de ditadura, unha das frases pegadizas que, con rancor e ironía uns, con esperanza e convencemento outros, e desconfianza e malestar aqueles menos convencidos, foi a dos "vinte e cinco anos de paz". O mesmo feito de celebralos inducía en non poucos a visión dun horizonte desexable. Pra uns a guerra trouxera a paz, pra outros a esperanza de que se superase a guerra recoñecendo que os que a gañaran non souberan gañar a paz e pedían papas, ouh, inxenuos.

Logo comezaron a impoñerse outras palabras e conceptos. Palabras e frases como "reconciliación nacional" ou "cambio tranquilo", por un lado, ou "habla pueblo habla" polo outro (son tan só exemplos) abriron un horizonte de esperanza que se foi ensanchando, que se foi abrindo, según se ía producindo a alternancia no poder. Así e mal que ben fomos chegando a estes tempos actuais. 

Propóñolles os posibles lectores que remexan nos seus adentros pra constatar as palabras que está a utilizar a nosa clase política no seu conxunto se quere darse unha idea do que pode que se nos estea a vir enriba. A pobreza léxica e argumental dos máis dos nosos políticos (no caso de que falen, claro, pois os máis adoitan o papel de Don Tancredo e gardan un respectuoso, impasible e ominoso silencio) anuncian tempos realmente pouco ilusionantes. 

Nas vindeiras eleccións e á marxe do que se comenta, a máis da xente coa que falamos, vai decidir o seu voto no último momento en función do que escoite in extremis na campaña electoral. Ata o día da data a linguaxe da que nos vimos nutrindo non xurdiu da clase política máis de nós, senón da que se expresa na capital de España. Existe pois un proxecto de país ou un ir tirando e a ver como o levamos? Cunha oposición tan desdebuxada como é a galega, a actual equipa gobernante non se vai ter que esforzar moito pra se manter no machito. Os máis votarán crendo que o fan votando dos males o menor.

Te puede interesar