Opinión

Próximos disturbios nos EEUU

Seica comezou o xuízo contra Derek Chauvin, o policía non sei se de Minneapolis, que disque esganou (máis ben parece que o asfixiou) a George Floyd pousándolle o xeonllo enriba do pescozo durante a moi aterradora cifra de 8'47'' (oito minutos corenta e sete segundos). Floyd, coñecido coma o xigante amable, ó parecer, coaralle un billete de 20 dólares ó comerciante que o denunciou. Como poden apreciar a única exactitude neste caso dáse nas cifras, o que non sabe se é un costume moi norteamericano ou unha apreciación nosa. 

Nos vindeiros días é moi probable que volvamos ver disturbios en todos os Estados Unidos. Os habidos cando sucedeu tamaña barbarie, ó parecer ante a indiferente mirada de tres colegas seus, produciron a maior violencia cidadá levada a cabo nos EEUU no pasado medio século; millor dito, nos pasados cincuenta e dous anos pois, isto das cifras, sempre é cuestión palpitante nos eidos do Tío Sam.

Non sei que pasará. Recordo que hai vinte ou trinta anos, nunha das estadías en Texas, aparte de me marabillar contemplando as pegadas do paso dos frades franciscanos por aquelas terras das que nunca se di que foron españolas nin que o foron por máis tempo e sen maiores conflitos cos indíxenas que sendo estadounidenses, sorprendeume que, paseando por unha pequena cidade da que non recordo o seu nome, pero si que na súa contorna estaba o rancho de Chuck Norris, me advertiron que naquel alpendre no que estabamos era onde, había vinte anos, adoitaban colgar polo pescozo ós cidadáns negros que ousaran ollar prás mulleres brancas, con ou sen lascivia. Era abondo con que se atrevesen a miralas. O mundo élles así.

Sóame que Minneapolis debe caer polo norte, xa case que lindando co Canadá, pero iso tampouco non me tranquilizaría moito. De por alí cerca, pra min que de Alaska, era aquela muller que se postulou como candidata á vicepresidencia dos Estados Unidos, cando o candidato republicano fora John McCain, e, se o recordo ben, a maiores dun titulo de miss, o seu maior acerto fora facer un enceste grazas a un tiro libre feito no derradeiro minuto do partido dun campionato escolar feminino.

Que xuíz, con que xurado e baixo que leis vai ser xulgado agora Derek Chauvin, o policía insensible, é algo que non me sinto capacitado pra valoralo. O único que podo expresar, porque iso si que é certo, é a miña desconfianza ante un proceso que o máis probable é que acabe producindo unha serie de revoltas en xentes que xa están fartas de ser tratadas coma bestas. A Chauvin só lle faltaba o ferro candente co que marcar un becerro. A súa actitude, a súa decisión, mesmo o seu ricto facial eran os mesmos que, se en vez de estar dominando un ser humano, o corpo que tiña baixo o seu xeonllo fose o dunha res brava. Esperemos e barallemos. Barallemos e baraxemos, como o prefiran; pero recorden que un barallán, en Ourense, era o que era e probablemente o siga sendo.

Te puede interesar