Opinión

Que facemos cos partidos?

Posiblemente sexa unha perogrullada, xa saben, unha verdade de Pero Grullo que á man pechada chamaballe puño, pero é de sospeitar que unha democracia sen partidos non sexa unha democracia senón outra cousa á que xa haberá quen lle poña nome. En tempos dicíaselle orgánica, tamén e por outra banda se lle dicía popular e mesmo houbo quen, rizando o rizo, dicíanlle democrática, verbigracia, república democrática da Alemaña; pero xa se viu que, de Alemaña, si; pero de república ben pouquiño e de democrática, nada. As armas cargámolas os homes, pero as palabras seguro que as carga o demo.

Así que, ó que íamos, os partidos son necesarios; millor dito, son ineludibles prá democracia. Representan a liberdade de pensar, tamén a de se xuntar, de se reunir coa xente que pensa coma tí; tamén a de se expresar de acordo coa propia opinión pois que a liberdade de pensamento, esa, non hai machada que a corte, como cantaba Manoel Freire alá polos anos nos que Luis Cilía entoaba aquela outra cantata que afirmaba que era "sempre a mesma melodía, o Salazar e a súa democracía", os vellos, non todos, pero si moitos, saberán de que estou a falar con estas mesmas evocacións que lles han resultar extemporáneas a outros tantos.

Cando a historia e o tempo foron benévolos con nós e saímos da nosa democracia orgánica, estabamos afeitos á existencia dun partido único e mesmo dun sempre perseguido, nunca enteiramente conseguido, pensamento único. 

Entón houbo que armar unha democracia e non se deberá dicir que houbo que inventar os partidos, porque algúns xa estaban inventados e viñan participando clandestinamente na política, pero si que houbo que armar máis de un a todo correr non fose resultar que o pais se nos fose a todos das mans.

En definitiva, houbo que crear un marco constitucional que protexese ós partidos e axudase á súa implantación entre a cidadanía favorecendo a implantación dos considerados máis necesarios e útiles ó ben común, favorecéndolles esa implantación, en detrimento da daqueles outros que polas súas proclamas, polos seus métodos ou pola súa propia desubicación nun tempo que xa pasara, que xa non era nin se desexaba que regresase, podía estragalo todo, podían entorpecer o camiño que había levar ó país ó desenvolvemento político, económico e social que o habería equiparar co resto das democracias avanzadas de Occidente.

Así que o marco protector no que medraron os partidos políticos foi útil e necesario e serviu para que o país cambiara. E cambiou. Cambiou tanto e diríase que tan imperceptiblemente que só os máis vellos da tribo somos quen de valorar o avance en debida forma. Só nós podemos recordar como, no Pompeo, no campo de xogos e recreo do Instituto do Posío, cando alguén sacaba unha mazá sempre había alguén que se pedía o carozo. Trátase dun exemplo simple, sábese, pero daquela só se comía polo unha vez á semana, os domingos, nas casas ás que hoxe se lles diría empodeiradas grazas a estas marabillas que andamos a facer coa linguaxe. Son exemplos simples e algo cotrosos, pero hai máis, claro que hai máis e máis elocuentes, pero millor deixámolos pra outro día.

O caso é que houbo que protexer e mimar ós partidos, no comezo da democracia; houbo que afortalalos con leis e mesmo con prebendas de xeito que medraron vizosos. Tanto medraron que, grazas a esas leis que tanto os protexían, se é permisible un xogo mal xogo de palabras, se desmedraron, se desmadraron e acabaron montando por riba da propia sociedade. Viñan tan mal acostumados, tan mal educados, se se consinte aceptar a expresión no seu sentido orixinario, o de conducidos, que se esqueceron dos intereses xerais ó estar como estaban inexorablemente conducidos por esas leis protectoras a que defendesen os seus intereses partidarios.

E nesas e non noutras é nas que estamos. Pelexan entre eles pola súa implantación acusándose do afán de poder como se ese afán non fose lexitimo e si reprobable; emiten opinións e descualificacións, pero omiten programas e proxectos que deberiamos coñecer todos cantos delegamos neles a capacidade de investir un presidente de goberno.

Sen embargo os partidos seguen sendo imprescindibles pra seguir construíndo unha sociedade democrática. Non se pode consentir que os contrarios á democracia os desacrediten máis do que xa se desacreditan eles e proclamen a voz en grito a necesaria marcha atrás que poría as cousas no seu sitio, é dicir, no seu lugar descanso e volta a empezar de novo coa matraca. 

Que facer? O que saiba e crea que rece pra que saiamos canto antes do impás ó que chegamos; o que non saiba rezar e non crea que afine o seu olfacto e aguce a súa ollada, no caso de ter que chegar a esas novas eleccións ó que o envurullo partidario no que estamos envolvidos pode acabar por empuxarnos, malia os rezos e as pregarias dos anteriores. Os agora chamados equidistantes poden cruzar os dedos que é cousa moi americana, malia que pra pouco sirva. E unha vez superado o trance poñamonos todos a pensar unhas leis, acordes cos nosos tempos e as nosas necesidades, que reclamen dos partidos os comportamentos que os poñan a rentes da democracia conquistada entre todos, non só por eles.

Te puede interesar