Opinión

Que non nos enganen

Hoxe é mércores e seica tocaba falar dalgún poeta, dalgún dos grandes e esquecidos desprazados que están polas novas xeneracións deles, sen que ningún dos pertencentes a elas teña sido quen de incorporar ó acerbo popular versos ou poemas enteiros, como por exemplo fixo Rosalía, ou mesmo expresións como fixo Castelao. Quen de nós, os máis vellos da tribo, non escoitamos dicir algunha vez aquilo de "cousas da vida, por Castelao"? Quen non ten falado das viúvas de vivos? En todo caso falaremos de palabras. Foi con elas coas que comezaron os crimes cometidos en Europa, nesa Europa á que nos parecemos moito máis do que pensamos. Foron elas as que levaron directamente ó ano 1945. Explícanolo moi ben Génevieve Schward nese seu longo ensaio titulado "Os amnésicos" do que xa temos tratado eiquí. Esas palabras aínda espernexan, aínda están aí, vivas, pra que poidamos recordalas. Pero agora e de novo están transmutando. Estano facendo do xeito que Winston Churchil predixo cando nos advertiu de que no futuro os fascistas dirían que son antifascistas. Estámolo vendo, os fascistas, xogando coas palabras, estánnolo a dicir. Os campos semánticos que sempre foron ocupados polas forzas políticas democráticas -non só polas de esquerda senón tamén polas de dereita, pois a democracia non é patrimonio de ninguén senón algo común a todos- eses campos teñen sido invadidos, continúan sendo invadidos e seguiran séndoo se as forzas democráticas non espabilan e o atallan de contado impedindo que a esquerda e a dereita extremas sigan facendo o uso que fan deles, ese fraude das palabras necesarias e fermosas.

Estamos escoitando como se proclaman, uns e outros, os totalitarios de esquerda e de dereita extremas, acérrimos defensores da liberdade e con ela das liberdades todas, dende a de expresión á de reunión, por citar dúas que finxen defender como se as inventaran eles; unha liberdade que está, ó parecer, total e absolutamente desprazada do noso entorno cidadán, e que elas prometen restituír dándolles o seu verdadeiro sentido. Que non nos enganen. É certo que os medios de comunicación encaran a opinión pública nuns sentidos e non noutros, pero non é mentira que uns medios a encaran nunha dirección e outros na contraria e que a xente elixe aquela que prefire; niso estriba o xogo que conclúe nas urnas e no respecto á decisión maioritaria por moito que non a compartas. A Historia, esa asignatura sempre pendente e sempre necesaria, apréndenos a realidade do que os rexímenes totalitarios entenden por liberdade de prensa e de expresión, de reunión ou de libre circulación polo territorio e que, máis cedo ou máis tarde, acaban por pechar portos e aeroportos, xornais e emisoras de radio e televisión, é dicir, a necesaria intercomunicación entre os cidadáns, a mesma esencia dunha sociedade civil sempre forte e necesaria. Conviría non esquecelo, porque atinxe á liberdade. A todas as liberdades.

Te puede interesar