Opinión

A racionalidade de Fraga e máis a miña

A miña foi, sen dúbida ningunha, unha educación sentimental semellante á de tantos dos meus coetáneos. O problema é que esa educación sistemática nos sentimentos conviviu, dende ben cedo, con outra, igual de sistemática e de firme, destinada á racionalidade. Algúns dirían que oscilou entre as propostas de Rousseau e as que Lord Chesterfield condensou nas cartas que lle enviou ó seu fillo. Pero coido que iso xa sería moito dicir e que a cousa non da pra tanto.

O caso é que, a altura do meus anos, aínda non aprendín a estar calado ou, como dixo de min o recordado Paco del Riego, "non sei estar", e de aí derivan non poucos dos meus problemas... e coido que de paso tamén algúns dos meus éxitos, que algúns levo desfrutado. Ou non? O caso, dicíalles, é que se non o digo rebento e que moito me levo acordado estes días -mentres os de Padrón podían ir deica Ortigueira, que está no quinto coño, e non podían cruzar a Pontecesures, que lles queda á outra banda do Ulla- moito me levo acordado de cando o meu voto a favor da Administración Única, sabia e oportunamente proposta por Manuel Fraga, me converteu no gran traidor á causa galeguista.

Unha parte substancial dos erros e vacilacións cometidos polo Goberno central -equivalentes ós doutros gobernos cunha distribución territorial disparatada ou cunha centralización hai tempo inoportuna- non se terían producido. E gran parte dos disparates cometidos por unha oposición sen maiores nin mellores argumentos tampouco non terían sido posibles. É dicir, que o lamentable espectáculo ofrecido pola nosa clase política estatal, exercendo a gobernanza ou propiciando a desgobernanza, cada unha polo seu lado, non tería sido ofrecido, nin posible. Naquel caso, ó actuar non só sobre tantas administracións ata acabar confundindo a unha gran parte do seu funcionariado -as autonomías son tamén Estado, algo que máis a miúdo do recomendable é esquecido- senón desequilibrando a opinión e maila cohesión da práctica totalidade da cidadanía á que un día se lle dicía que arre e ó seguinte se lle dicía que xo.

Manuel Fraga, naquela súa e esquecida primeira lexislatura, propuxera aínda máis: a reforma do Senado, converténdoo nunha cámara de representación territorial que equilibrase os desbaraxustes causados polos distintos censos electorais, e de paso a ampliación a catorce millas náuticas fora dos extremos das nosas rías das augas xuridiscionais galegas. A oposición, toda a oposición, atendendo ós seus intereses partidarios -non fora ser que se beneficiase o goberno no caso de terlle dado o seu apoio- desatendeu os intereses xerais do país, neste caso do noso país galego, votou en contra e o fume que velou a ignominia foi o de me vestir a min cunha roupa que nunca usei. Menos mal que os feitos pesan máis cas palabras.

Te puede interesar