Opinión

A “Rebelión” dos irlandeses

Escribiu Nietzsche -pois así o deixou escrito en "Máis alá do ben e do mal", de onde eu o tomo na tradución de Andrés Sánchez Pascual feita pró número 406 da emblemática colección do "Libro de bolsillo" de Alianza Editorial- que "as razas traballadoras atopan unha molestia grande en ter que aturar a ociosidade: foi unha obra mestra do xenio inglés o santificar e facer tan aburridos os seus domingos ata tal punto que o inglés volve arelar, sen se decatar delo, ós seus días laborais, non festivos".

Por aí adiante os galegos temos sona de ser xente traballadoriña en grao extremo; ou sexa, moito e ben. Fíxense como será de certo que, na Cuba colonial, non valía aquilo de "traballar coma un negro". Naquel tempo, un deputado galego apelidado Feijoo -non é por sinalar, conste, meu avó materno levaba ese apelido de segundo- os levaba alá cuns contratos falsos e os explotaba tanto e tan ben que mesmo os negros os admitían nos seus "ñáñigos", nas súas sociedades secretas, creadas pra loitar contra a escravitude, algo que non facían con ningunha outra etnia. Se o comentario lles esperta curiosidade, poden ler algo deso en "Lukumí" unha outra novela miña que, como tantas outras, foi lida por aí fóra moito máis que por eiquí dentro, cousas da vida, que diría Castelao e antes dicían os paisanos.

O que se di aí enriba da nosa capacidade de traballar, moito e ben, se queren discutímolo, vale tanto prá xente que o fai en terra como prá que o fai no mar. Neste segundo caso o convencemento era tan firme que sempre se dicía que "pra mariñeiros, nós", así que imaxínense. Ó millor era porque, no mar, se traballa os domingos como se non o fosen e -tal e como me dixo o finado do meu pai pra que non me preocupase unha vez que me queixei diante súa de que o lume do inferno fose "pra sempre xamais"- acaba un por se afacer a todo.

Debemos ser máis traballadores que os ingleses do tempo de Nietzsche, ignoro si tamén nos destes do Brexit, porque se o do parágrafo anterior non é mentira, e non o é, tampouco non o é que corpo descansado cartos vale e pra nós, prós galegos, o descanso é unha inversión a curto prazo. Xa sei que isto pode ser unha exaxeración; pero fáganme o favor e disimúlenma que de algo terei que escribir agora que remata o ano e afrontamos o inicio doutro que ninguén sabe como vira e nin sequera si nos ha levar ós vellos ociosos. Eu, perdoen que tan paladinamente llo confese, ser son un pensionista; pero non lles son un xubilado, así que a ver se libro desta.

Pero falabamos de Nietzsche e dos, na súa opinión, seica laboriosos ingleses. Haberá que llo preguntar ós irlandeses. Dígoo porque nestes días de aí atrás andei a ver unha serie irlandesa que narra os días nos que eles andaron a voltas coa súa "Rebelión", que ese e non outro é o título dunha serie que lles recomendo vivamente; unha rebelión encamiñada á fin de se emancipar da férula da Súa Graciosa Maxestade británica. 

Xa saben que os irlandeses compoñen o pobo que máis emigrantes exportou da súa terra na segunda metade do século XIX e na primeira do XX. Os segundos, detrás deles, foi o noso, o galego, o pobo que máis xente enviou á emigración. Eles grazas á fame que agudizou a peste que acabou coas patacas e nós, que deica entón eramos un país industrializado, industrializado de acordo coa industria do XIX, porque á peste da pataca houbo que lle sumar os aranceis impostos á industria téxtil do liño en beneficio da do algodón catalana. Total que eles e nós, nós e eles, emigramos en cantidades que se dirían industriais. Eles ós Estados Unidos de Norte América, en razón do coñecemento do inglés. Nós a América do Sur en razón do noso respecto do de Castela.

Nós, como eles, tamén nutrimos ós corpos de policía e da administración do Estado, os seminarios diocesanos e non sei se eles tamén son agora da hostalería na mesma medida na que nós o somos, aínda non de todo por eiquí, pero si por aí adiante en países coma o Brasil e mesmo Australia... que eu coñeza. Por eiquí, e se a pandemia non o impide, imos tamén camiño delo.

O caso é que non deixa de ser curioso o destino dalgúns pobos. Breogán me libre a min de facer máis parangóns, non tanto coma comparacións, entre os irlandeses e nós, que xa bastante nos leva amolado o destino e apor os londinenses cos de Madrid puidera semellar exaxerado.

Insístolles en que, se poden, vexan a serie que lles digo. Hailles moitas referencias comúns. Non tantas como naquela película de Pierce Brosnan, moito máis antropolóxica e menos política ca esta, que eu vin dobrada ó galego, hai xa moitos anos, e que moito me entusiasmara, pero si abondas sobre os papeis xogados por moitos representantes do poder londinense -eiquí diriamos central- tanto como pola xerarquía eclesiástica a miúdo tan desleigada da realidade que a rodeaba como implicado nela podería estar e estaba o clero secular. En resume que agora que veñen fest¡vos e estes poden ser aburridos, se queren, amenícenos vendo a serie na televisión que pra iso esta e, cando cansen, se cansan, pode rezar un rosario que mal non lles vai facer. Poden ofrecelo por min que boa falta me fará.

Te puede interesar