Opinión

Reivindicacións do século XV

Pau se rezas, pau se non rezas. Outros prefiren dicir que pan se rezas, pan se non rezas, confiando en que a divina misericordia nos ha enviar un maná escaso, pero abondo, nos anos das vacas fracas. E un copioso maná nos anos de fartura. Xusto ó revés do necesario e indicado, mesmo do conveniente, porque o divino maná sempre convén telo de man tanto estando na festa como sometidos á miseria. Sen embargo, malia a consideracións tales como as ata eiquí expostas, o máis axustado á nosa mentalidade colectiva, en virtude da nosa realidade histórica, sexa o de pau se rezas, pau se non rezas, como descritivo da nosa realidade colectiva. 

Considerase así en vista da enfermiza obsecuencia que os galegos mantemos con respecto a ese ente, ó parecer inmaterial, que nesta nosa periferia coñecemos co nome xenérico de "os de Madrid". Somos -e perdoen unha vez máis o que o termo poida ter de exabrupto- como aquel axudante de cátedra que, mentres está sendo sodomizado, forza o esforzo, retorce o pescozo e, volvéndose cara o seu sodomizador, descúlpase por darlle as costas estando en situación tan íntima como a que cada un dos lectores sexa quen de imaxinar.

O estado débenos setecentos millóns de euros e, sentíndonos contentes e felices de ter sido tan bos e tan aforradores, tan orgullosos como pode sentirse quen non despilfarra o diñeiro común, e reclamámosllo. E que sucede? que o partido galego dependente do partido no goberno, por boca do seu líder, aféalle ó líder do partido do goberno en Galicia a práctica reclamatoria. Pois ben, ó cabo das semanas, "os de Madrid" acordan reintegrarlle os cartos ás autonomías que "se portaron mal", que tiveron déficit nas súas contas e negárnolo a nós que si fixemos as cousas ben. Pra que vale entón "ser bos e se portar ben? Preguntase así porque mentres tal sucede, nós, seguimos tendo o tren máis lento de España enteira (o que vai d'A Coruña ó Ferrol) a autopista máis cara de España (a que leva a Vigo dende A Coruña) e máis eucaliptos estragando a nosa agricultura que todos os que enchen un continente como o australiano, entre outros dos nosos maiores logros... por nos portar ben. Isto referido a actualidade e como resume de máis realidades cuxa enumeración acabaría por poñer pel de galiña a máis de un cidadán galego farto de saber que son moitas máis as tascas que se abren na nosa terra que comercios se pechan nela cada ano, ano tras ano. E mentres, nin chío non vaia ser que alguén se nos moleste...por nos portal mal.

Se o que contemplamos é o decorrer da historia poderemos comprobar como os aranceis impostos ó liño en beneficio dos aplicados ó algodón implicaron, no seu momento, a desaparición da nosa industria téxtil e como, noutros, o mesmo procedemento aplicado ós produtos mineiro metalúrxicos desviaron cara outras terras realidades económicas que deica ese momento disfrutabamos nós. E nós calados. Peor que calados porque, mentres iso sucedía, xa acadaramos outro record. O de ser o segundo país do mundo, tras dos irlandeses, en enviar xentes á emigración. Con que resultado? Có de que a nosa emigración se dirixiu logo a outras zonas de España nas que cando non nos chamaban maquetos, considerábannos charnegos. E quedou aí a cousa? Pois tampouco non quedou aí. 

Mentres tanto, os cartos aforrados por nós e por os nosos emigrantes pra encher esas nasas insaciables que sempre foron as sucursais bancarias en Galicia, eran enviados sistematicamente a millorar e industrializar, aínda máis, esoutras áreas do Estado. E mentres nós iámonos empobrecendo, vendo desmanteladas as nosas industrias, abandonadas as terras quen de dar varias colleitas ó ano e espoliadas as nosas rías nas que xa a penas quedan especies que pescar pese á riqueza que supuñan.

Como algúns dos lectores saben quen isto escribe é novelista. Como algúns menos non ignorarán o son tamén de novelas históricas cuxos argumentos se desenvolven en Galicia. Pois ben, esas novelas abranguen feitos e persoas que habitaron o país, século tras século, dende o XV ata o XXI. Pra escribilas tiven que estudar a fondo a nosa realidade histórica.

Recórdoo así non pra poñer de relevo unha bondade literaria que non son eu quen de determinar, senón pra evidenciar un rigor histórico e documental que ningún historiador competente e serio me ha poder negar. Quero dicir que coñezo bastante ben o noso devalar histórico coma pobo e sei moi ben que a que se chamou "a castración e doma do reino de Galicia" foi non só certa senón que aínda é evidente.

Ó longo de todos eses séculos citados a nosa condición de "gallegos de lluvia y calma", como nos definiu Miguel Hernández, sigue sendo evidente e certa. Ó longo de todos eles as nosas revindicacións seguen sendo certas. Non poucos seguen sendo os mesmos problemas, non poucas nin pequenas as mesmas revindicacións que xa tiñamos no século XV e que as fomos mantendo sen solución e século tras século ata hoxe mesmo sen lle ver nunca unha solución aportada por un Estado ó que lle levamos entregado o mellor de nós mesmos.

Por iso a pregunta é a de se é chegado, ou aínda non, o momento de empezar a ser non malos de todo, pero sí algo menos bos e xenerosos do que o vimos sendo inda que só sexa por ver en qué pode quedar a cousa. O primeiro reino europeo foi o suevo de Galicia. As únicas tres realidades históricas documentadas son aquelas cuxos estatutos de autonomía foron aprobados no ano 36 do pasado século. O país cuxos aforros levan contribuído ó benestar común foron os das nosas xentes. Acaso sexa chegado o momento de empezar a levantar a voz, sequera sexa un pouquiño, non vaia ser que sigamos tendo que nos desculpar por ter que continuar de costas mentres dispoñen de nós en situación tan íntima e indefensa.

Te puede interesar