Opinión

Responsabilidade

Os estados de unanimidade nunca presaxian nada bo. Por iso  convén andar espabilados e non se sumar nunca a ningún dos que poidan ir xurdindo, menos se onde se producen é neste noso país convertido na eterna festa que se lles ofrece sempre ós que veñen de fóra e nos fai aparecer a nós, considerados en conxunto, coma eses actores de segundo orde, soberbiamente explotados polas multinacionais do ocio que recorren os parque temáticos, disfrazados de Mickey Mouse ou de Pato Donald, mentres aturan todas cantas trasnadas se lles ocorran a non poucos dos miles de nenos, non poucos deles mal criados, que os seus encantadores e igualmente  maleducados pais levan a visitar tales instalacións. Somos unha enorme instalación europea, un parque temático no que entreter e divertir o ocio europeo. Somos o cuarto país do mundo en oferta sexual, en put¡clús  dito sexa pra atallar, e é de sospeitar que o primeiro en número de bares e chiringuitos varios. Somos os extras gratuitos na perenne festa na que nos convertemos sen nos decatar aínda de como o fixemos.

Non se pode dicir que sexa consecuencia só do turismo. Os franceses reciben moito máis ca nós, ofrécenlles ós turistas peores e máis caras instalacións hosteleiras, e sácanlle moito máis rendemento do que nós obtemos con tanta festa. Potenciamos tanto a "juerga flamenca"  e a chamada "fiesta nacional" que acabamos convertidos en meros palmeros a forza de dicir "arsa alegría, que no se pué aguantá" e recordar que "no ties novio, que no ties novio, Genoveva" e por aí seguido. Se ó presidente da FAES, o mesmo que o foi antes do goberno, ese ilustre pensador, afirmaba que a el ninguén lle ía dicir cánto podía beber, nin en que condicións podería conducir, nin onde debería ou non debería fumar, porque razón non o han afirmar ós demais cidadáns deste país? Velaí teñen un estado de opinión unánime impregnando ás capas todas deste país de inxenuos.

Foi digno de toda loa o labor desenvolvido polos sanitarios, por todos os sanitarios, nas súas diferentes gradacións e responsabilidades,  durante a primeira marexada provocada pola peste que agora de novo nos invade. Sen dúbida ningunha que o foi. Tamén o foi o labor dos transportistas, dos traballadores dos hipermercados, dos agricultores e dos mariñeiros que nos proveron de sustento e de tantos outros que non foron unanimemente foron ignorados; os das forzas de seguridade e armadas entre eles e entre tantos outros que calados, cando non silenciados, seguiron nos seus tallos facendo posible a continuidade dunha vida sometida a restricións importantes.

Moito é o que nos vai a festa. Ás oito do serán a xente saía ós balcóns das súas casas a cantar e a aplaudir, con todo merecemento, a unha parte, esencial si, como tamén as outras, na conservación e mantemento da vida comunitaria. Moito é o que nos vai o de bater palmas, por un lado, e, polo outro, a asunción de postulados unánimes cada vez que se nos traia a conto. Somos unha eterna festa. Loubamos ou ignoramos levados da man por forzas que se dirían misteriosas.

Como nos conduciremos agora, neste mes a penas comezado, coa que se nos está vindo enriba? Ésta é unha pregunta que cada un de nós teremos que nola formular sendo conscientes de que ninguén  deberá respondela no noso nome regurxitándonola polas pantallas, ditándonola polas radios, inducíndonos a lela nos xornais, tal que se fosemos paxariños (e algo si que o somos, pardillos os máis de nós en todo caso) dispostos a engulir todo canto nos poñan ó acado do peteiro colectivo. A máxima kantiana segue sendo valida: atreve a saber, ousa usar a túa razón, non deixes que os demais o fagan por ti. 

É cómodo e doado botarlle sempre a culpa ós outros. Algunha teremos nós, algunha temos nós. Non son sempre os políticos os responsables de todo; de entrada fomos nós quen os puxemos aí, e seguimos sendo nós os que nos manifestamos e formamos parte duns estados de opinión que sí, que poden vir suscitados dende as altas instancias, pero, coño, algo faremos cada vez que, uns e outros, a babor e estribor de garda, asumimos os seus postulados sen deterxer en absoluto todo canto se nos transmite neles.

Os cidadáns tamén somos responsables, corresponsables en todo caso pois, dito si, semella que é menor a parte alícuota de culpa que nos corresponde. E sí é menor. Pero é. Fomos nós quen puxemos aí a estes e non a outros políticos. Nós quen non reclamamos as reformas que o país reclama. Nós que axudamos e non pequena medida a debilitar a pouca forza da que dispoñan algunhas medidas tomadas en medio de vacilacións, de retrasos e de voltas atrás e  adiante. Agora e de novo volvemos estar na encrucillada. Se alguén tivo algunha dúbida da anterior agora debe prescindir dela: ou o facemos todos xuntos... ou non sairemos adiante.

É así como se explica a tendencia a culpar sempre a alguén que non sexamos nós como o causante dos noso males. Poñamos un exemplo: Algo vai soberanamente mal? A culpa é da monarquía. Fácil recurso este, nebulosa corina (digo ben corina, non cortina) de fume coa que  desvíar un comportamento persoal execrable cara unha institución que leva anos funcionando dun xeito aceptable esquecéndonos unha vez máis de que se algo funciona, se un instrumento segue sendo utilizable e aporta rendementos, non debemos intentar arranxalo porque daquela si que pode deixar de facelo, daquela si que pode deixar de funcionar. Segue sendo válido aquilo que nos recordou o hoxe tan deostado Felipe González (e con non pouca razón): Gato branco ou gato negro? O que importa é que mure ben, que pille ratos e os espante, manténdoos arredados e lonxe do millo e do centeo.

Os culpables que os tempos que veñen nos han facer considerar inclúenos a todos nós, todos imos no lote. As causas son estruturais. Haberá que afrontar reformas no futuro, claro que sí. Se sobran políticos e asesores, reduzamos o seu número. Se abonda coas nacionalidades históricas, reduzamos o número das demais. Se a monarquía non funciona, vexamos de reparar esa avaría logo de ter ben diagnosticado tal instrumento, arredados de sentimentos e emocións, sometidos tan só ó uso da razón. Seremos quen de afrontar tales reformas sen asumir a parte de responsabilidade colectiva que nos compete? Velaí a cerna da cuestión.

Te puede interesar