Opinión

Dos slogans á virulencia verbal

Un paso atrás. Iso é o que estamos a dar. Polo menos iso é o que indica a linguaxe política dominante, a que se está a volver hexemónica e fai que cando non é a desilusión sexa a desesperanza a que se espalle entre os que vivimos a política sen que vivamos dela ou do seu exercicio. 

Quen viven dela? Pois por un lado os políticos (e non se indica así de xeito que permita entendelo de maneira pexorativa ningunha: Rajoy gaña máis diñeiro exercendo hoxe a súa profesión que hai nada presidindo o goberno da nación, p.ex.) e por outro os que disfrutan dalgún dos chamados chiringuitos que concretos intereses políticos puxeron nas súas mans.

Daquela do réxime baixo o que vivimos en ditadura disputábanse a hexemonía dúas forzas opostas; unha, a que sostiña o propio réxime e, outra, a que malamente sobrevivía na oposición ou no desterro. As dúas eran quen de crear a linguaxe política que a cidadanía acababa por incorporar ó seu imaxinario. Que linguaxe era esa? Pois a que condensaba en poucas palabras os afáns que se querían facer comúns.

Non a xente moza, pero si os máis vellos da tribo recordarán expresións, como "25 anos de paz", como "Plan de Estabilización" ou "Contubernio xudeo-masónico internacional", por citar tres dun lado ou, por citar outras tres do contrario, "Huelga general pacífica", "Alianza de las fuerzas del trabajo y de la cultura" ou mesmo "Reconciliación nacional". 

Cando tales consignas, slogans ou como se queira que lles chamemos, comezaron a devecer agromou aquilo de "Habla, pueblo, habla" que anunciou os ascenso da UCD e preparou o camiño ó cambio. Máis tarde, non moito máis, a linguaxe evolucionou anunciando os "100 anos de honradez" e o "Cambio tranquilo" que trouxeron con eles a hexemonía do PSOE ó longo de case que tres lustros. Seguimos?

Sigamos. O "Váyase señor González", e aquela misteriosa "X" que indicaba a presidencia dos GAL, determinaron a fin deses tres quinquenios de goberno socialista e o comezo do aznarato. Paremonos aí. O resto, os slogans que nos trouxeron ata o día de hoxe, son tan recentes que non ha ser necesario que os recordemos pero, ó facelo, ó recordalos, conviremos en que andaron tan repartidos e ensarillados uns con outros que só así se explica, ou cando menos así mo explico eu, a actual ensalada, a actual potaxe na que vivimos durante os pasados e longos meses.

Se recapacitamos agora sobre a linguaxe política máis utilizada durante as pasadas semanas é cando algúns podemos poñernos a cismar no feito de que a nosa sociedade, o que é tanto como dicir, a convivencia entre todos cantos habitamos neste extremo sur europeo e o facemos ó abeiro da Constitución do 78, está sendo tan deteriorada, tan deliberadamente demolida, como a linguaxe utilizada nos pasados meses nos pode estar indicando.

Que expresións son as que anuncian agora tempos avoltos? Pois xa me dirán cales, xa me dirán de que tempos se tratan e si son ou non un paso atrás, se teñen en conta que palabras como "infamia" e "vileza", como "felonía", "cruzada", "traizón" , "españoles de ben" en implícita diferenciación de "malos españoles", sinalan ou non un tempo que cremos superado e que sen embargo aínda está aí, latindo nos enfervorizados peitos dos netos daqueles cometeron a enorme torpeza de dividir en dous a patria que todos deberiamos querer común como comúns deberan ser tódolos símbolos que tamén a todos nos identifican sen necesidade ningunha de que ninguén se apodere deles en exclusiva.

O dito vale tamén prós que nos recoñecemos españois partindo da nosa condición de galegos; dos que pensamos que, si se nos nega o dereito a considerármonos galegos e a exercer de tales, estásenos a empuxar a vivir alleos á realidade común. O exercicio da galeguidade non é privilexio de siglas ningunhas, ben polo contrario trátase dun patrimonio común compartible dende diversos compromisos ideolóxicos. Pois así tamén con respecto a Europa, a esa Europa na que de novo estamos a facer o ridículo levados dese patrioterismo ramplón que volve afectar a unha significativa parte da nosa clase política.

Oxalá o chamamento, feito polo recén investido como presidente do Goberno de España, a favor da tolerancia e do respecto mutuo, sirva de contención dos insultos e das descualificacións habidas ata o momento, reimplantando as vellas e amadas palabras como "concordia" e "mesura" de xeito que as argumentacións "ad hominem" decaian na súa virulencia de modo que, no resto de España, se impoña un xeito de exercer o poder e maila oposición equivalente ó que vimos disfrutando en Galicia que, a todas luces, ten que estar sendo envexado noutras e máis baixas latitudes cas nosas.

Dise así porque o que estamos percibindo en principio é a insensatez asentada en non poucos e nada insignificantes escanos do Congreso dos Deputados nos que a debida cortesía parlamentaria está ausente e, a xestualidade propia de xentes educadas e respectuosas, está sendo escandalosa e deliberadamente evitada pra substituila pola retórica máis negativa e imprudente, máis intelectualmente soez e impropia de xentes que se reclaman paradigmas de elegancia e fineza de costumes, si se me permite a utilización dunha linguaxe que tamén deberan querer propia. Oxalá que no Congreso dos Deputados se impoñan os modos que dende o norte e o noroeste se lle están a enviar porque axudarán a aventar ese cheiro a mofo e corte que ameaza con nos ir atufando a todos. Oxalá a linguaxe política que se impoña sexa a que sirva pra traer un tempo de esperanza.

Te puede interesar