Opinión

Somos menos mirados cos franceses

A semana pasada chameille Asteix ó inefable Asterix. Inefable, o que se di inefable, moito non o é; máis ben ó contrario. Pero hailles que ser moi meticuloso con estes detalles. Confeso que eu moito, o que se di moito, tampouco non o son. Chámenlle preguiza, nugalla, simple despiste, en fin, chámenlle como queiran que, sendo de obra de tantos anos coma os que eu xa vou sumando, non creo oportuno, nin necesario, empeñarme en cambiar a miña natureza; ou se o prefiren, cambiar ó xeito no que Deus tivo a ben botarme ó mundo. Creo que xa teño dito que cando me pariron, que foi a forza de forceps, foise a luz e, segundo avisou o meu avó -quen, xunto co meu pai, asistiu á miña nai no seu empeño de me dar a luz e o deixou ben claro- "este rapaz nace corto de luces", seica dixo. Pois iso. Meu pai contraatacou: "Un lobo!", formulou con toda contundencia. "Unha puñeta!" sentenciou entón o meu avó. Con estes antecedentes que queren que lles diga? 

Así que era Asterix, non Asteix. Os franceses, que son moi cartesianos, sonlles moi mirados pra estas cousas; pero nós sómosllo moito menos. Pásanos con todo. Andei a reler a Max Aub, que naceu en París, misto de alemán e francesa e que, ós once ou doce anos, veuse vivir pra España e se converter nun misto de catalán e castelán que algo así se lle antolla a un amigo de meu que son os valencianos. Frío cartesianismo o seu cunhas pingas de austeridade castelá e algunhas doses, importantes, de levantinismo de fallas e estalos, de foguetes e de fogos de artificio que lle darían algo máis que corda abondo pra cualificar ós seus coetáneos.

Leo as definicións que fai de Carlos Barral ou de Gil de Biedma; de Ramón J. Sender e de Alejandro Casona; de Camilo José Cela, pero tamén de Cernuda, Alberti, Dámaso Alonso ou Bergamín, por citar algúns. Non serei eu quen llas reproduza agora, búsquenas na súa "Obra poética completa" ou ciscadas que andan entre o "Manual de Historia da Literatura Española" e o "Discurso de la novela española contemporánea".

Relendo a Aub, entreverao de tantas cousas, xudeu e cosmopolita, demócrata e exiliado, maltratado e redimido, como escritor e como cidadán, penso no seu sentido crítico e reflexiono sobre a nosa realidade preguntándome pola ausencia dun sentido critico coma o seu, pluridirecional e diverso, cambiante nalgúns casos, sempre libre e independente, ou así a min se me antolla.

Digo ausencia porque daría a impresión, en non poucas oportunidades, de que eiquí o sentido crítico, non so o literario, se colgue sempre nas mesmas e escasas perchas nas que se colga sempre. O resto é ou unanimidade ou silencio. Ás veces calquera diría que eiquí o único que se arrisca a opinar sensu contrario ó do “stablishment” literario sexa o Jaureguizar. Non lle arrendo moito a ganancia. 

Te puede interesar