Opinión

Somos tan riquiños

Moito botou a xente en falla as visitas ós seus difuntiños. O digo así, en diminutivo deliberado, porque este tratamento tráeme recendos dun tempo que se foi; aquel tempo no que os diminutivos permanecían na nosa fala. 

Sóubeno cando comecei a traducir ó castelán as miñas novelas e, no que nelas se me ofrecía entranable, en castelán se me antollaba ridículo... e "cargante". Érao. Quen se atrevería a dicirlle a unha da meseta un "mi amorcito" que en galego soa tan ben como xa só os vellos o sabemos. Meu amoriño. Dicías amoriño e a lúa comezaba a emitir unha luz máis nítida e diáfana. Eran tampos nos que as nosas cancións tiñan letras irrepetibles: "recordas aquela noite de luar, ti contabas as estreliñas do ceo...eu as areiñas da praia?" Ouh, aquelas noites! E que foi daquelas lúas?

Pasou o dia de defuntos e a penas ninguén seguiu a rota do crisantemo, esoutra procesión de soles, esoutras luces que se lle prenden ós defuntos, ós defuntiños, porque a máis da xente non puido visitar as campas onde xacen. Eu non o botei en falla. Non vou nunca nestes días. Non son quen, pero non lles direi por que. 

Vou en calquera outros, ás veces só, porque me apetece achegarme a Vilanova e alí, ó pe mesmo do Arnoia, trato de chamar pola memoria do meu pai e dicirlle en voz baixiña: meu difuntiño. Se imaxinan que lle dixera "mi difuntito"? Non lles sei que pensaría o meu pai de se ver nese trance. Hai cousas que non se poden dicir en calquera fala.

O que si se conserva, pero falando en castelán, é o que os galegos somos moi riquiños, e iso empeza a ser xa todo. Moi riquiños? Agora dinnos, por exemplo, que tardaremos anos en ter o tren de alta velocidade co traxecto deica Madrid completamente rematado e, nada, somos tan "riquiños" que nin ripiamos. O que somos é mansos, moi mansos, mesmo se diría que mansiños... pero falando en galego, claro, porque hai cousas que só nós entendemos. 

Mentres tanto o goberno portugués teima en ter tren de alta velocidade de xeito que veña de Lisboa, pase pol'O Porto e se deteña en Vigo, moito antes que telo con Madrid. Debe ser que aquilo do Eixo Atlántico que Europa propiciou tanto ia en serio e que en Madrid aínda o seguen tomando a broma. Chegar a Vigo dende Lisboa en pouco máis dunha hora e pico, implicaría chegar á Coruña en ben pouco máis. Moito me gustaría chegar a velo. Ó millor vai máis rápido do que se pensa. Aquilo que din en Portugal que de Castela nin bo vento nin bo casamento o mesmo vai e resulta certo. Este desastre de escritor que eu son e que segundo afirma Wikipedia, así cun par e sen vergonza, escribo ex-clu-si-va-men-te en castelán leva debidamente documentadas novelas que abranguen todos os séculos entre o XVI e o XXI. En todos eles as comunicacións nosas coa Meseta son obxecto de reclamación. E así seguimos, tan riquiños.

Te puede interesar