Opinión

"Teatro venatorio e coquinario galego”

Seica foi a golpe do domingo pasado cando, xa nas postrimerías do artigo, comenteilles que andaba a reler o "Teatro venatorio e coquinario galego"; pois ben, sigo nelo. Prendín na súa lectura, logo de tantos anos despois, e xa non me arredo dela procurando ter sempre a man o volume no que Ézaro Ediciones o recuperou nunha edición que constitúe todo un agasallo non só prá mente senón mesmo prós sentidos maiormente o do tacto, pero tamén o da vista e, se me apuran, tamén pró do olfacto pois arrimando os nafres ás follas do volume aínda se pode sentir ese arrecendo (a min antóllaseme un arrecendo) a impresa, tinta e papel de boa gramaxe; voume deixar eiquí non vaia ser que acabe por me poñer curse.

O libro -xa o saben, pero eu recórdollo- é da autoría de "Álvaro Cunqueiro y Mora Montenegro Graduado en Ars Cisoria Civil y Canónica por la Universidad Mindoniense e Individuo de Varias cocinas Extranjeras", por la parte coquinaria e "José María Castroviejo y Blanco-Cicerón. Guarda Mayor Honorario de Pesca Fluvial y Caza del Reino de Galicia y Sierra de Ancares. Licenciado in utroque", pola outra, ou sexa, pola venatoria.

De Don Álvaro non lles vou dicir nada que non saiban ou recorden; ademais é vella e coñecida a miña vella admiración pola súa obra literaria: pero si me gustaría dicir o que a relectura da prosa de Castroviejo suscita en min cada vez que a recorro e a asumo, interiorizándoa dun xeito que endexamáis sospeitara tan intenso. 

Como é posible que tal lectura pasase e siga a pasar tan desapercibida prós amantes non só da literatura senón mesmo prós da natureza constitúe non un misterio, pois case que todo ten explicación, pero si unha sorpresa que, logo de tantos anos sen volver a ela, causa remorsos de conciencia. Miren que os amantes da natureza ponderan (con razón) a obra de Miguel Delibes na que espalla nas descrición de plantas e de animais, de ríos e de montes, de voos de paxaros e carreiras de lebres ou oubeo de lobos; pois ben, relean a Castroviejo. O mesmo respecto, o mesmo amor que inspirou ó de Valladolid moveu tamén a pluma do noso paisano só que pra recrear e explicar unha natureza, unha flora e unha fauna, moito máis ricas e variadas, habitantes nunha paisaxe chea de exuberancia e beleza que non vou descubrirlles eu agora (non fai falla) pois vostedes a coñecen ben e a aman e, de non ser así, vana coñecer e amar de contado que lean a prosa de José María Castroviejo.

Fágano pronto, léano axiña, aproveitando que a vella cualificación dos escritores según fosen dun lado ou doutro se está indo ó c... e han quedar só aqueles que fixeron literatura e souberon transmitirnos o seu amor por ela e polo país no que viviron. Eis o caso de ambos escritores e dalgúns outros que haberá que ir relendo.

Te puede interesar