Opinión

O totalitarismo que nos rodea

Co transcurso do tempo, co uso e co abuso delas, as palabras cambian de sentido. Cando eu era rapaz era "obvio" que algo era "evidente"; é dicir, que algo saía ó encontro da nosa intelixencia e capacidade de comprensión cunha donidade non necesitada de maior explicación. Hoxe "obviar" é esquecer: hai que obvialo e ir a outra cousa, hai que evitalo e ir polo dereito.

Como non son académico, nin camiño levo de selo, vou cambiar de terzo dando por sentado que todos admitimos que o campo semántico dalgunhas palabras, ou de moitas, cambien de sentido cos anos e co que antes se quería dicir unha cousa agora ou se di a contraria ou a que se di é outra que xa non ten nada ou pouco que ver con aquela. Pero aínda hai outras variedades a contemplar. Cando eu era rapaz, por exemplo, fascista era unha palabra que podía comunicar respecto ou temor segundo onde, como e quen a utilizase porque definía a un individuo ou a un grupo deles que tiñan unha concreta concepción do Estado e do poder que non é necesario explicar. Sen embargo a forza de utilizala e de lanzala os uns contra os outros, pasou de ser unha definición a se converter nun insulto de modo que hoxe, practicamente, fascista é todo aquel que non pense igual ca nós ou entorpeza coa súa a nosa capacidade de expresión. O problema estriba en que os campos semánticos así ocupados xeran confusión e desamparo ó afectar á intelixencia emocional moito máis do debido e moito menos do necesario que sempre é protexer e espallar ó coñecemento lóxico por riba do intuitivo pois con aquel constrúes e con este o fas moito moitísimo menos.

Por iso sería moi de agradecer que se insultase menos e se definise máis. O fascismo non foi un nazismo bo, ou menos malo, na mesma medida na que o franquismo non foi un fascismo de andar por casa. Pero do que non hai dúbida é de que os tres foron tres expresións do totalitarismo que ocupou o mundo todo ó longo do século XX e ameaza con volver facelo no XXI. E ó falar de totalitarismo non debemos esquecer que o comunismo soviético e o capitalismo de Estado que rexe na China son sistemas totalitarios. amén de que tamén o sexan outros denominados "de menor cuantía" non en atención á dureza dos sistemas senón ó peso económico das nacións que o padecen.

Chamarlle fascista a un réxime, a un partido o a unha persoa, a volta de todo canto levamos visto, é insultalo; e dicir de algo ou de alguén que é un totalitario é definilo. Chamarlle fascista a alguén puidera resultar excluinte dunha verdade que campou todo ó longo do século XX e ameaza con volver campar ó seu aire neste primeiro terzo do XXI. De cal verdade? Pois da que indica que o totalitarismo non é exclusivo e atribuíble á dereita, senón que na esquerda tamén houbo, e hai, e aínda pode haber máis pensamentos e feitos totalitarios. Non insultemos, definamos. A ver se así nos vai algo millor do que no está a ir.

Te puede interesar