Opinión

Traballadas para encher o cerebro

Ohome perfectamente informado, velaí o ideal moderno cando a mente do home perfectamente informado é algo horrible. Ven sendo coma unha tenda de trapalladiñas, chea de atrocidades e de po, na que todo custa máis do que vale e, o que vale, pouco gusta.

Non quixen poñer entre comiñas o parte do parágrafo anterior pra ver de evitar ese efecto, propio do chamado argumento de autoridade porque, ó ser da autoría de Oscar Wilde, sería aceptado con moita maior aquiescencia que, de poder pasar por meu; ou sexa, que podería ser cuestionado de contado, sen a máis demorada reflexión que a resonancia do nome do seu autor sen dúbida ha provocar en máis de un.

Se o home perfectamente informado, digamos tamén que a muller, ou mesmo e millor, se a persoa debidamente informada é a lectora compulsiva de tuits e de Instagram, cando non a devota adicta dese Facebook que vende algoritmos nos que se lles indica ás empresas o tipo de consumo polo que pode optar cada individuo receptor da súa publicidade e, se me apuran, mesmo o adicto ó WhatsApp e por tanto sometido ó constante bombardeo pseudo ideolóxico, dun ou doutro signo, ou ó tiroteo dunhas relixiosidades sospeitosas e tamén dunhas estrañas actitudes de defensa medio-ambiental, se é esa, a que constitúe a máis da información que se engole día tras día, é doado comprender a cantidade de trapalladiñas inservibles que almacenará no seu cerebro ó cabo dunha xornada, que dicir á volta dos meses e dos anos, pois tal será a moinantería intelectual asimilada que haberá que concederlle a Oscar Wilde virtudes premonitorias que, por tales, non estaban previstas.

Ser é algo horrible. Teño varios correspondentes de WhatsApp que son quen de me enviar máis, moitos máis, de cen envíos cotiás. O tempo que lles levará escolmalos, de onde centellas sexa que os pesquen e dos caladoiros que frecuenten, debe ser un tempo moi, moi superior ó que perdería eu de atender de un en un ós seus envíos. O que non sei é como lles acabará a cabeciña. Pero imaxino como podería acabar a miña se ocupase o meu día en dixerilos todos sen me perder ningún: Inutilmente ateigada de coñecementos que supuxesen un mínimo de estruturación e consistencia intelectual.

Da medo cismar no que ha suceder cando, superados os teléfonos móbiles e non tendo que andar sempre con eles nas mans, sacándoos dos petos ou extraéndoos do fondo de bolsos e carteiras, porque nolos instalen nas orellas, cando non no medio e medio dos cerebros e de xeito que esa nova expresión da telepatía nos invada, colonice e conduza a espazos dunha felicidade inducida ou duns terrores provocados nos que unhas voces veñan a competir coas que hoxe só escoitan as mentes esquizofrénicas ou previamente enfebrecidas, que ha suceder daquela? Millor deixalo eiquí non vaia ser que nos poñamos tristes. 

Te puede interesar