Opinión

A unanimidade comunista e as quinielas

Xa non recordo se era a min ou era ó meu irmán a quen meu pai lle reprochaba a miúdo levar dentro o espírito da contradición. Quero crer que era a meu irmán. Convenme máis. Pero o mesmo era a min. En todo caso tanto ten. Alá van cincuenta e sete anos do seu pasamento e o mundo leva cambiado tanto que estas cousas poden ferir no privado, pero servir de vendaxe a feridas alleas.

Cando andas vogando nunha lancha e cías, o que estás a facer é darlle forza a un remo nun sentido e no contrario ó outro. O efecto conseguido é o de estar ciando, isto é, xirando en redondo; algo así como se foras un can e andaras a dar voltas antes de deitarte. Cantas da? Esa era unha cuestión sempre pendente que só tiña solución de continuidade se respondías exactamente: as que lle peten. Pois así como na vida mesma.

Levarei dentro miña ese espírito que sinalaba o meu pai? Pois coido que unhas veces si e outras tampouco o que constitúe unha resposta moi daliniana, seino, equivalente á que don Salvador deu de Picasso cando, a instancias dun segundo, afirmou que "Picasso é comunista, eu tampouco"; como ven, algo surrealista. Moito máis contundente foi Laxeiro, se é verdade que sendo interrogado a cerca do mesmo Picasso dixo: "Ten talento, vive en París é comunista".

A xente que habitamos entre os paralelos 36ºN e 42ºN e os meridianos 3ºE e 8ºW somos moi dados ás explicacións relixiosas: pra nós todo é unha cuestión de fe. Hai moitos anos, en Amarante, cerquiña do pazo que habitou Teixeira de Pascoais, o poeta saudosista, vin unha mostra de pintura dun portugués, do que non recordo o nome, que fixo o mesmo que Picasso so que con vinte anos de anticipación.

Joyce, Virginia Woolf ou Faulkner pasan por ser os grandes iniciadores do monólogo interior na novela moderna e nembargantes foi Edouard Dujardin quen o iniciou no 1888 na súa novela "Os loureiros están cortados". Non sei se serían comunistas, ou moi comunistas ou tan sequera algo comunistas, pero a sona levóuna fundamentalmente Joyce, disfrútana os outros dous e négaselle a Dujardin; non sei se porque a súa novela é mala ou se porque el non foi moi ou moi debidamente coñecido no seu tempo. O tempo, ese señor que disque acaba poñendo a todos no seu sitio.

Quizás a razón estea, precisa e concretamente, nese espírito de contradición que o meu pai sinalaba non sei se no meu irmán ou en min, pero que sospeito connatural ó ser humano. Cando uns din que arre, outros din que xó. E así imos tirando. Tirando e fuxindo dos estados de unanimidade, algo que sempre me produciu un medo intenso. Imaxínanse vostedes que todos pensásemos igual, que todos rezásemos o mesmo ou que todos lamentásemos o cese de Fernando Vázquez, xa ex adestrador do Deportivo. Sería terrible. Entre outras cousas, ese estado de unanimidade imposibilitaría as quinielas deportivas. Imaxínanse privarnos a todos de ter esperanza cando menos un día da semana? Vai resultar que a contradición é hixiénica, terapéutica e recomendable.

Te puede interesar