Opinión

Unha vez que isto pase

Opinión

Unha vez que isto pase

Virá por diante unha época de reflexión na que a moralidade dea un novo xiro, un máis, dos moitos que xa leva dado ó longo da historia, mesmo da nosa historia máis recente? Non o sei. Por non sabelo nin sequera sei se estarei eiquí pra velo; a maiores, non sei se me gustaría.

A ética elástica nunca me interesou moito, esa é a verdade; pero a ética ríxida tampouco non me entusiasmou demasiado, de xeito que sempre considerei máis fiable a aplicación do espírito da lei -sempre me ativen máis a ese espírito que de toda lei emana, ou debera emanar- que á estrita aplicación ó pe da letra que toda lei consinte. Seguramente estarei equivocado. Sempre pensei que hai que bendicir as heterodoxias alí onde non trunfan e combater as ortodoxias alí onde se asentan.

As ortodoxias adoitan producir fanáticos e estes, a súa vez, adoitan derivar en supersticiosos adoradores de verdades absolutas, e supremas, sen caer case que nunca na conta de que o supersticioso é o seu propio verdugo e non só o é de calquera que non actúe e pense como el pensa e actúa. Fanáticos houbo neste país que transformaron o quinto mandamento, o que di "non matarás", en "matarás con xustiza" e fanáticos houbo tamén por eiquí que permitiron á Xustiza absolver por considerar algúns asasinatos como "homicidios por exceso de patriotismo". A superstición permite explicar de xeito simple pensamentos complexos e, o paso seguinte, o fanatismo, considera posible calquera barbaridade sexa feita en nome de Deus ou o sexa en nome da Patria.

Veñen tempos avoltos nos que nada ha ser igual a como veu sendo ata o xusto momento no que comezou esta primeira peste do terceiro milenio. Nunca unha peste abrangueu ó planeta enteiro tal e como o está abranguendo esta. Ninguén, a non ser que o intentase con pensamentos máxicos que levarían de xeito inexorable ó cambio social do que se está a falar, se pode atrever a imaxinar hoxe a paisaxe resultante unha vez que isto pase. E pasará. Pero pra quedar instalado no imaxinario colectivo ó longo dun tempo de duración impredecible. 

Probablemente o influxo da Ilustración teña chegado xustamente ata eiquí e, do mesmo xeito que ela acabou cunha concepción da convivencia, espallando o sistema de valores que nos trouxo ata hoxe, dese mesmo xeito, ha ser inevitable que aboie outro, non se sabe se por decantación ou por un convulso big bang, ó que só os máis novos saiban adaptarse, pode que pra ben ou pode que non, e acaben por botar en falla a sociedade que lles legaron os seus pais ó se esquecer do mundo do que procedían apampados que quedaran polos prodixios tecnolóxicos e de control das masas que viran medrar grazas ós solícitos coidados dos seus avós.