Opinión

Vendo a pelaxe do gando político...

Pregúntase Chateaubriand por que Agís pereceu en Esparta e por que Dionisio foi expulsado de Siracusa; tamén por que Trasíbulo errou lonxe de Atenas, sendo como era Atenas a súa patria. E así formula unha serie de preguntas semellantes ás que se responde de contado: pois porque en Esparta, en Siracusa e máis en Atenas había homes e, co corazón deste incomprensible bípede, explicase todo, calquera cousa. Iso di Chateaubriand e seguro que, entre os que axudaron a dilixenciar a Agís en Esparta, había os mesmos tipos que entre os que botaron a Dionisio fóra de Siracusa e tamén seguro que, entre estes e os que fixeron posible que Trasíbulo andara lonxe da súa patria ateniense, volvían andar as mesmas xentiñas.

Non teño nin idea de quen pode ser este Agís ó que se refire Chateaubriand. Ó millor é o que fixo pasar sen lle prestar moita atención a contrarrevolución habida en Argos, pero o mesmo non porque, este que eu recordo, morreu na cama e non se pode dicir enteiramente que perecera. Sospeito en cambio que este Dionisio fose o chamado O Xove, o Dionisio II, que as fixo boas e acabou no desterro indo darlles que facer ós de Locros someténdoos á súa tiranía antes de morrer no medio dunha miseria que imaxino moral e material pois nin o mesmo Platon logrou facer nada bo, nin del nin da súa miserabilidade.

Pola súa parte Trasíbulo foi un xeneral que colectou éxitos e fracasos, de xeito que alguén mesmo o comparou con Churchill... polo seu afán imperialista e por ter altos e baixos algún dos cales o levaría ó cima e algún outro ó desterro; non o sei, e tampouco é cousa de poñerse a buscalo na escasa biblioteca, relacionada cós seus tempos, da que eu dispoño.

O caso é que, daqueles a estes tempos, median séculos e séculos de distancia; pero non hai grandes diferenzas entre os corazóns dos seus habitantes e os nosos, os dos que habitamos nestes nosos tempos. Naqueles e nestes segue habendo dúas clases de revolucionarios, malia que as accións non veñan sendo sempre as mesmas, cando menos de momento, nestes pagos europeos nos que nos movemos tan a gusto e con tanta comodidade causante da envexa de non poucos. En todos os tempos, en resume, tamén nos nosos, existiron sempre dúas clases de revolucionarios; a primeira, a dos que ansían a Revolución e con ela a Liberdade e que, según Chateaubriand, veñen sendo os menos. A segunda é a dos que queren, a dos que desexan firme e vehementemente a Revolución (como non podería ser menos) e tamén o Poder. Estes son a inmensa maioría, según Chateaubriand tamén afirma e non serei eu quen llo vaia discutir agora.

Estas semanas de aí atrás andei tan por aí fóra que a verdade é que non me enterei da evolución do tempo político de xeito que, agora que intento recuperar o ritmo, segue dándome a impresión de que, cada mes que pasa, a Liberdade vai importando menos e a conquista do Poder vai implantándose con máis virulencia da que ata agora o leva facendo, que non era pouca e si moita e por veces mesmo algo groseira. Cando esta precaria situación política nosa se nos solucione, que algún día terá que solucionarse, é de desexar que non haxa exilios, nin sequera voluntarios, pero que tampouco haxa vinganzas que nos retrotraian ós tempos das cesantías que tan axeitadamente foron retratados por Pérez-Galdós na súa obra literaria. Expoño tal e vehemente desexo porque non as teño todas comigo vendo a pelaxe do gando político co que a cidadanía temos que lidar e así o vimos facendo dende hai xa tempo abondo como pra nos crer con dereito a pensar o peor. Esquerda e dereita, extrema dereita e extrema esquerda, lévanos dado exemplos múltiples do moito que lles importa o exercicio do poder. Tanto e tantos exemplos que, chegados estes días que se queren previos á formación dun goberno, xa non sabemos que pensar. Ou non queremos facelo porque o devalar da vida política ó que induce é á desesperanza.

Hai anos era normal que alguén gastase a broma aquela de dicir "se eu fora presidente..." sabendo que o que podería seguir ós sorrisos cómplices dos presentes non ía ser outra cousa que a aceptación da ironía que tal frase levaba implícita e era equivalente, máis ou menos, a dicir que se me tocase unha quiniela ía facer isto e o outro, ou sexa, nada porque non tocaba. Agora ninguén empeza unha conversa ou fai un chistiño dicindo se eu fose presidente, pois tan deteriorado está o exercicio do poder que con tan só mentar tal posibilidade o auditorio poría cara seria e desconfiaría do seu interlocutor por moitos anos de coñecemento e confianza que lle aportara o seu trato. O problema non só nos abrangue a nós, ós membros da cidadanía española, porque da toda a impresión de estar xeneralizado. Dende Trump a Bolsonaro, de Morales a Maduro, pasando por tantos e tantos outros altos dignatarios, a sensación de fraxilidade institucional, a intuición dunha incapacidade de resposta na que poida contar a certeza de que importa o poder, pero tamén a conservación da liberdade, marca a xa a demasiados habitantes do planeta. Estanse a iniciar tempos de cambios non so climáticos e medio ambientais. Non sabemos en que han consistir estes cambios, nin cando nin como han xurdir, que ou quen os ha provocar e de que xeito han concluír; pero esta atonía na que a sociedade semella estar instalada e que de vez en cando é rota por un sector da poboación especialmente afectado polas distintas medidas ou polas continuadas deixadeces coas que demasiados dos políticos actuais nos agasallan, fan que empecemos a cismar en como saír do marasmo no que nos instalamos como se o mundo tivera chegado ó éxtase, como se todo estivera xa feito e decidido e nada quedara por facer ignorando deliberadamente que todo, absolutamente todo está sempre por facer e que a vida comeza tódolos días. Un tras doutro... e outro máis.

Te puede interesar