Opinión

Xa está ben de retraso!

Xa sei que falei outra vez disto mesmo do que vou falar agora, pero como volvemos andar coa matraca do cambio de hora pois a testanciño, se falta fixer, mídome con quen desfrute dunha actitude o máis parecida á dunha mula parda, cal é o meu caso. Imaxínense os meus lectores, os que teñan coñecemento e humor pra elo, unha laranxa de vinte e catro gajos (ou bagos) iguais todos eles os uns ós outros; pois ben, agora elixan ó chou un deles ó chou e, cun rotulador, tracen unha liña de arriba a abaixo xusto polo medio e medio dun gajo calquera. Unha vez trazada esa liña que une o que consideraremos coma un polo da laranxa co outro polo, o norte co sur, unha vez feito iso, continuemos trazando a liña polo outro lado e, unha vez feito estoutro, veremos que a laranxa quedounos dividida en dúas metades. 

Se poñemos a liña que trazamos de fronte ós nosos ollos decidiremos que á metade que queda á esquerda dela imos chamarlle hemisferio occidental. Saberemos entón que á que queda a dereita lle é o seu hemisferio oriental. A partires de aquí xa podemos empezar a pensar que a cada membrana que une un gajo co do lado (a tastana) podemos chamarlle meridiano. A liña que debuxamos no medio dese gajo inicial chamarémoslle meridiano cero.

O mesmo que antes trazamos unha circunferencia con rotulador pra lle chamar meridiano cero (ou meridiano de Greenwich) e tamén lle chamamos meridiano á tastana, agora e de novo, podémonos imaxinar outros meridianos que subdividan a cada un deses bagos en número de quince; é dicir, cada un dos bagos vai ter quince meridianos. Aceptado isto, en troques de lle chamar bago, ímoslle chamar fuso (fuso horario) a cada un dos vintecatro nos que dividimos a esfera, ou sexa, á laranxa.

Collamos agora unha linterniña pequena, un foco mínimo, poñámolo xusto enriba do bago do hemisferio occidental polo que debuxamos o meridiano cero, ou de Greenwich, e proxectemos a súa luz enriba del. Se a maior intensidade desa luz cadra xusto do medio do bago deduciremos que o foco está xusto enriba da súa metade e que ese momento é xusto o do mediodía. 

Pra que se fagan unha millor idea: na codia da laranxa que habitamos na esfera terrestre, ese meridiano, esa liña imaxinaria que pasa por Greenwich faino, máis ou menos, por Zaragoza. E se a luz do foco e a luz do sol e incide perpendicularmente sobre Zaragoza e Greenwich ó mesmo tempo diremos que, nese momento, está pasando polo meridiano superior de lugar deses dous lugares. E que todo canto lugar estea comprendido no mesmo bago que Londres e Zaragoza, tanto nun hemisferio coma noutro, teñen a mesma hora, ou sexa, as doce do mediodía.

Se ese meridiano superior de lugar, que está no medio e medio do bago de laranxa, tamén coñecido coma fuso horario, tiña quince meridianos dun grao cada un non é ilóxico pensar que, a cada lado dese meridiano cero resten sete graos e medio; así que todos os que estean comprendidos nel de norte a sur da esfera terrestre disporán da mesma hora de paso do sol pola tona do común bago...do común fuso horario. O fuso horario cero abrangue polo tanto dende os 7º30' de lonxitude este ós 7º30' de lonxitude oeste.

Galicia está fóra dese fuso horario cero. Estamos no seguinte pra entendérmonos. O dela, o de Galicia, é o fuso horario número un e os países comprendidos nel, de arriba abaixo, dende o polo norte ó polo sur teñen a mesma hora solar, tamén o noso, de acordo co paso do sol polo seu meridiano superior de lugar. Como a Terra xira do oeste ó leste, o sol sae primeiro en Barcelona que n'Á Coruña, case que unha hora antes. Certo que tamén se fai noite cáse que unha hora antes que eiquí, pero deso non temos culpa ningunha os galegos. Tampouco non a temos de que cando un rapaz catalán agarda polo autobús que o ha levar á escola xa sexa día e, do mesmo xeito, non fixemos nada malo pra que un rapaz galego cando está a agardar polo seu transporte escolar á beira da estrada aínda sexa noite padecendo unha realidade que converte ós nosos rapaces nos máis madrugadores do continente europeo. E a nós con eles. Algo que non lles pasa, por exemplo, ós rapaces británicos ou ós portugueses que teñen a súa hora legal de acordo coa súa hora solar. 

Tampouco non lles sucede o mesmo ós rapaces das illas Canarias que sempre se rexen cunha hora menos ca nós, ca os peninsulares... que é coma nos chaman eles; tamén nos chaman godos e non pasa nada. Canarias e o resto de España funcionan con distinta hora e sen maior problema.

Nestes días andamos de novo a voltas coa leria do cambio de hora. Hai xa máis de trinta anos que, ano tras ano, veño dicindo que deberíamos ter a hora legal de acordo coa solar pero sen resultado ningún. A verdade é que non nos van facer nunca caso ós que tal cousa defendemos e verdade tamén que tampouco non pasa nada se seguimos así polo resto das nosas vidas; pero, coño, xa está ben de que aquí todo chegue con retraso agás a hora de empezar a traballar pra que os demais non se molesten; cousa que, no inverno, amola tanto como gozo aporta no verán o se deitar con luz ás vintetrés horas pasadas ou, se así o prefiren, as once e pico da noite. En fin que xa lle vai chegando a este que lle poderiamos dicir artigo de circunstancias, pero ben peor sería darlles a mañá ós lectores falando de como as gastan no hemisferio oriental e como nolas fan pasar a nós que, dende agora, veremos como os que poderíamos chamar os nosos dereitos autonómicos van sufrir o que aínda non está escrito. Ben certo é que temos disinta hora de paso do sol pola nosa porta colectiva. Lástima que non sexa só a hora legal a que non estea de acordo coa hora solar. No resto delas levamos retraso.

Te puede interesar