Opinión

Xa me gustaría o da pensionciña

O outro día un amigo preguntoume amosando un sorriso que me recordou ó de Rocío Monasterio cando fai o mesmo apretando os dentes cunha dureza impropia de rostro tan anxelical. Pois talmente así o meu amigo (a quen pese elo vou seguir considerando como tal) preguntoume, dicíalles, como é posible que eu escriba algunhas cousas como as que vostedes me levan lido nestes pasados anos cobrando como cobro unhas fermosas xubilacións debidas á miña condición de "ex".

Cando tal pregunta me foi formulada sorrín e respondinlle: "Xa ves". E non dixen máis nada. Logo acordeime de Juan Corral e acto seguido arrepentirme de non lle ter dado explicacións ó demandante dunha resposta que coidei que non se merecería un amigo. Juan Corral foi conselleiro de Traballo, co finado Fernández Albor, antes de que eu formase parte do goberno que presidiu González Laxe e ó que eu pertencín como conselleiro a maiores de ser deputado independente no grupo parlamentario socialista, na condición de galeguista, pois fun daqueles catro que formamos parte das listas da primeira lexislatura do noso Parlamento.

A Juan Corral pregunteille que era o peor de ser conselleiro e respondeume que "deixar de selo". Dende que cumprín os sesenta anos non levan sido escasas as ocasións nas que algún coñecido ou mesmo algún amigo meu me pregunta pola manida pensión vitalicia que seica me debería aportar a miña condición de ex ou que mesmo a celebra dando por feito que a recibo. Pero nunca percibín tan mala uva como a do outro día. Debeu ser debida ó sorriso de hiena pintada coa que o preguntante acompañou ó que foi, moito máis ca unha pregunta, unha crítica corrosiva, cando non insultante.

É certo que os ex ministros, tamén os ex presidentes de Goberno, o mesmo que os ex deputados no Congreso ou os ex senadores cobran unha pensión por telo sido. Non é mentira que tamén a cobran algúns ex deputados autonómicos e, por suposto, algúns ex membros deses mesmos gobernos autonómicos que non será preciso que sexan sinalados co meu dedo. Non é o caso nin dos ex deputados de Parlamento de Galicia, nin dos ex conselleiros do Goberno de Galicia. Xa me gustaría a min cobrar unha pensionciña a maiores da que teño. 

Son ex de moitas cousas, son dúas veces ex marido, son ex mariño, ex bancario, ex libreiro, ex profesor e por aí seguido. O único que son dende que vin publicados os meus textos sendo moi noviño é escritor, sempre fun e serei escritor e ademais non pretendo ser outra cousa. Saín da consellería pra escribir un artigo diario e ata hai un par de anos, durante case que trinta, iso foi o que fixen ata que baixei a dose de xeito que agora poderei escribir con máis vagar as poucas novelas que aínda pode que de me dea tempo a que as escriba, non pra arranxar o mundo, quede claro, senón pra non me desarranxar eu mesmo.

Como ven son ex de moitas cousas e máis que non citei. Son tamén o tipo que debeu dimitir de máis cousas neste noso e pequeno e por veces atravesado país. Son o primeiro ex vicepresidente da AELG que, coa axuda do poeta Pexegueiro, argallamos e fundamos hai delo moitos anos, pra dimitir "do cargo" por causas que hoxe non veñen ó caso. Son o primeiro ex presidente da sección galega do PEN Club International, do que tamén fun un dos seus argallantes e do que tamén dimitín por causas que tampouco non van ser traídas hoxe a colación, o mesmo que vai pasar coas que me levaron, máis adiante, a ser ex vicepresidente do mesmo. Tamén dimitín como membro da Fundación Rosalía, á que me levara cando aínda era un Padroado, o chorado Agustín Sixto Seco pero tampouco imos explicar por que me fun. Ou porque non formo parte de ningún consello de administración, nin dispoño de sinecura algunha, nin eu nin as miñas fillas. Seica que me vai a condición de ex ou non sei se a que non me vai é a de saber estar en certos sitios en determinadas condicións. O finado do meu pai diría que se trata dun defecto do animal.

Así que non se me alporice o persoal, nin o meu amigo preguntante ó que lle respondo de xeito tan curioso, pero agardo que eficaz, agardando de paso que ninguén me volva preguntar nada ó respecto. Dito isto convén engadir que, no meu pensar, o problema non son as pensións dos políticos, nin sequera os seus salarios, o problema é a súa profesionalización; o feito de que os máis deles que gobernan os partidos sexan saídos das escolas de verao que os partidos imparten pra lles aprender toda a fontanería coa que se han ocupar unha vez abandoadas as xuventudes correspondentes e non ter traballado na súa vida en máis ocupacións que as partidarias ignorando o que implica ser un asalariado. 

O problema son as listas pechadas, as titulacións obtidas a modo de prebendas, as portas xiratorias, a independencia dos tres poderes, o feito de que haxa caseque medio millón de políticos, nun país que non chega os cincuenta millóns de habitantes. Ese é o problema, dito sexa no seu conxunto. Necesitamos menos políticos e, iso sí, máis e millor pagados, máis e millor capacitados, donos da súa vida pra que non precisen nin de portas xiratorias, nin de historias ingratas que non ha ser preciso recordar. O exercicio de abandono do poder, feito por Rajoy ou Rubalcaba e moitos outros, nunca demasiados de tan cheo de dignidade, debera ser posible sempre de tal forma que preguntas como a que me formulou a mín quen eu cría un amigo sexan de todo punto innecesarias. Inoportunas sono sempre e de agradecer seguro que non han ser nunca, cando menos formuladas do xeito que ma formulou a min o interpelante.

Te puede interesar