Opinión

Aaai!, se as paredes falasen, don Alberto

“Yo te he de ver y te he de ver y te he de ver / aunque te escondas y te apartes de mi vista / y si yo pierdo mi cartera sin querer / de nueva cuenta te mando un retratista”

(Antonio Aguilar, Te traigo en mi cartera).

Non pasaron nin dous meses, mais foron dabondo para que a convulsiva conxura, argallada para defenestrar ao líder, cuxo nome foi borrado ipso facto dos rexistros de Génovatrece, lles permitise, aos que aínda non o sabían, coñecer o perfil real de Núñez Feijóo, definido por un nítido retrato en branco e negro que algúns se empeñan en facérnolo ver en tecnicolor. O ilustre senador galego, autor do proxecto persoal, “quiero vivir en Madrid”, matou dous paxaros dun tiro nun santiamén, ao empurrar polo precipicio do esquecemento ao seu antecesor e arramplarlle o posto na cámara alta a un compadre coa folla se servizos ao país en branco, para cumprir a súa paixón de aspirar a vivir na Moncloa. Hai uns días, decidiu emendarlle a plana ao home sen nome, declarando solemnemente que Xénova non é dos xenoveses: “Génova es de los afiliados, los edificios no tienen culpa de nada”. Aaai!, se as paredes falasen, don Alberto.

O Ningún Nome, ou NN (Nomen nescio, en latín), Pablo Casado, por aquel entón, quería desfacerse da sede do PP, porque tiña medo a que, se alguén furgaba nas paredes, atopara no medio das paredes sacas de moedas falsas. Mais iso ao señor dos Peares non lle incumbe, porque pasou demasiado tempo dende que os extraterrestres esconderon a pasta nos buratos dos ladrillos daquel inocente edificio. O exlíder do PP, de cuxo nome ninguén se quere acordar, vomitou calderilla, ao non aguantar as arcadas internas, e mesmo saíu na televisión e na radio dicindo que non tiña estómago para engulir os ovos avoltos que cociñaba o irmán de Díaz Ayuso. Mais iso a Feijóo non lle afecta porque, cada mañá ao erguerse da cama, engule unha boa dose de protector estomacal.

E así vai indo, como unha moto. O gran político de centro, que nunca lle permitiría ao seu antecesor pactar con Vox, xa convive con naturalidade cun fulano que lle di a unha deputada con discapacidade, “Le voy a contestar como si fuera una persona como las demás”. Mais iso ao noso Alberto dálle o mesmo porque os socios de Mañueco, os de Moreno Bonilla e os del, se for o caso, deixan de ser de extrema dereita cando adquiren o rango de vicepresidentes.

(O meu tío Lisardo e un tal Rueda non saen do seu asombro, ao comprobar como o pai do monarca puxo a Galicia no mapa, unha tarde ao pasar por ‘Sangenjo’, cousa que Feijóo non conseguiu nos seus 13 anos de servizo).

Te puede interesar