Opinión

Acontumacia dun milhomes contra a cerellada doutros catro (relato)

Opinión

Acontumacia dun milhomes contra a cerellada doutros catro (relato)

“Don Celidonio é igual por dentro que por fóra: carne e espírito son a mesma zorza, misturada e revolta, co mesmo adubo de ourego e pemento”. 

(Vicente Risco, “O porco de pé”). 

Uns anos antes de que o meu tío Lisardo puxera os pés no Cono Sur do continente americano -e xa van alá máis de cincuenta-cando el aínda gozaba da forza do boi e nósdo xenio dun almallo bravo, malia a sona de truán que lle apoñían, houbo alomenos unha ocasión na que, ao pouco de asomar o Sol o fociño, xa empoleirarano carro máis de setenta gavelas de estrume, logo de desbravar a sebedun lameiro, co único fin de expatriar a praga de xestas, silvas, codesos e fentos, confabulados paraeclipsar a necesaria presenza e afoutezados correúdos vixías que, nesa ocasión, adoptaran o aspectodas lousas dun esvelto valado. 

Para axuadarlle ao meu tío a atar a carrada, presentámonos alíoutros tres lacoeiros. Os berros que dabamos ao turrar do sedeño eran tan potentes e resoantes que parecían os estrondos dos barrenos; como cando os canteiros lle rebentan as entrañas ás penedas. Mira se eran inmensos que por veces chegaron a lle espantar a xugada a un fulano, que pretendía de cruar unha leira absolutamente descoidada. O tal, moi atufado por aquela garulada innecesaria, a escape mostrou as malas pulgas que lle aformigaban as tripas: “Parade de berrar, me cago na tose, que ides perder pola boca a pouca forza que herdastes!”. 

A ningún dos catro brégolas nos chistou nada aquela reprimenda, tan fanfarrona e despectiva, e moito menos vindo de quen viña: un tipo que nin era un Sansón, nin nada de nada. Máis che digo, os que andaban esterroando canda el, axiña mudaron de parecer para pasarse ao noso bando. Claro que lle deberían estar agradecidos ao amo, e tal vez fose nuns tunantes, uns deses que van cos da feira e veñen cos do mercado; mais, unha cousa non ten que ver coa outra. Agora son colegas nosos e conto acabado!

Para disimular a nosa evidente frouxidade había que pararlle os pésa aqueltocagüevos do nabo. E, meu dito meu feito, entre os catro agarrámonos á mellor arma que tiñamos: a labia. Así que, sen perder un só instantepuxémonos a refungar, alardeando da nosa falaz valentía, ata o extremo de ameazar ao insolente que termaba a aguillada con zouparlle un couce alí onde as costas perden o nome, e mandalo ás quimbambas. As nosas trécolas alcanzaron tal volume e intensidade que mesmo chegamos a presentir que o paxaro estaba a piques de arrepiarse. Mais, non. Non fomos quen de asustalo. Ao contrario, púxose cada vez máis farruco e fomos nós os que non tardamos en engruñarnos. E iso que eramos catro! Que máis teráncatro ca vinte e catro?

Pois iso, a medida que se aproximaba o mediodía, as nosas lerias baratas íanse esvaecendo, por mor dunvento bravo, gurrón e adoecido, semellante ao que fai bailar asfollas mortas no outono, ata obrigalas a agocharse en calquera recuncho, ondehan de agardar talmente taciturnas a que chegue o inverno ansioso de engulilas dunha asentada ou mastigalas lentamente. 

(O meu tío Lisardo quere dedicarlle este relato aos líderes da actual oposición no concello de Ourense, os mellores fabricantes da abulia colectiva, doutorados en destituír Jácomes -ou en cazar biosbardos, que vén sendo o mesmo- e en escornarse contra as súas propias palabras, facéndonos crer que con semellante actitude acabarán derrubandoo encoro de Velle, para liberar do cativerio as malpocadas augas Miño. )