Opinión

A algarabía cuántica da covid e a matanza da señora Clotilde

“A desesperación ía en aumento. O tempo detívose nunha espera sempiterna. As horas pasaban tan engorde que pesaban máis có chumbo”. 
(Cándido Paniagua Pousa, 48 horas).
 

Aseñora Clotilde de Penapouca, unha viúva entrada en anos, perceptora da pensión mínima complementada cunha saúde de ferro, nunca lle tivo medo á xeada nin ás outras intemperies da vida, mercé a esa pel de coio que sempre lle envolveu o ser. Mais, agora xa non é a que era; leva varios días tremelicando, medio derrubada e a piques de mandar todo ao nabizo, porque unha nova especie de abesouros non para de zunirlle no ouvido as vinte e catro horas do día. 

Dende que ficou viúva, hai cousa de dez anos, nunca deixou de facer o mesmo que facía antes de morrer Paco: acomodar tres pitas, espulgar dous cadelos, o Morito e o León, e azacotar catro marráns, un para o gasto da casa, outro para os de Vigo e un par deles para dous señores da capital que aparecen en Penapouca tódolos anos na véspera de Reis, saúdan, pagan e levan cadanseu marrán despezado e afumado. 

Unha das dúas fillas que tivo o matrimonio desapareceu un día da casa e non se soubo máis dela. A outra, Carme, vive en Vigo co marido e tres rapaces. Acostumaban vir cada fin de semana para botarlle unha man á nai e, de paso, apañar algo de compango. Minucias!, unha ducia de ovos, unha presa de verzas e, mentres duraban, os chourizos e a carne do porco que lle pertencía. No que vai de ano levan tempo sen aparecer pola aldea e non teñen traza de facelo.

A cousa pinta mal, moi mal! Dende hai cousa dunha semana á señora Clotilte véselle moi nerviosa; non deixa de saír e entrar na casa, camiña dun lado cara a outro, nótaselle incómoda e ansiosa, talvez algo adoecida, e non fai máis ca falar soa queixándose das maluras que se lle aveciñan: bótaselle enriba a hora da matanza dos catro marráns e descoñece se virán os de Vigo ou se contará coa axuda das veciñas, como de costume. Con isto da covid-19 non sabe a que aterse, sobre todo no tocante ao número de conviventes e non conviventes, de achegados e desachegados, de semoventes e papaleisóns que han participar nas faenas nin cantos poderán comer xuntos, tanto o día de sangrar os porcos como o da desfeita ou o de encher os chourizos. Fártase de preguntarlle a uns e outros, escoita o parte na radio e na televisión, vai ao concello, chama á Xunta e en ningures atopa unha resposta concreta. Todos falan por non estar calados, mais saber do asunto, o que se di saber, ninguén sabe nada. E xa non digamos, se inclúe os rapaces na pregunta. Aí non trapelean, simplemente desvarían.

(O meu tío Lisardo non sae do seu asombro, ao ver como os Sánchez, os Illa, os Feijoo e outros polo estilo gastan horas e horas embobándonos co debate de cantos poderán participar na cea da Noiteboa, deixando de lado as cousas importantes, como é o caso da matanza dos porcos da señora Clotilde. Hai que ghoderse con esta tropa do nabo!)

Te puede interesar