Opinión

Cando as rogativas non dan acabado coa sequía

“E o Marcelino non di nada, está coma aparvado. Hai un silencio. E no silencio coma un arrastres, coma unha fouce que pasa segando”.

(Bernardino Graña, Fins do mundo).

O acontecido hai uns días coa votación da reforma laboral pon de manifesto, sen distinción de ideoloxía, sexo ou relixión, a cativeza política dos nosos representantes patrios. O PP armou a Marimorena, malia ter claro que a reforma era a súa, só por darse o gustazo de levarlle a contraria ao PSOE. Obviamente os socialistas estaban felices con cambiar algo para que todo siga igual. O sorprendente é a conivencia expresa de UP e o “no pero si” dos partidos nacionalistas. E, para máis inri, o PSOE compra a dirección de UPN e o PP lámbelle o cocote aos deputados deste partido. O demais é literatura mística.

A verdade é que, “tal como están as cousas, tal como vai a ferida” (con licenza do gran poeta estremeño Félix Grande), non é posíbel gozarmos dun ano sabático fóra do “díxome, díxome” da política, alomenos ata que apareza o antídoto capaz de derreter esa xeada porfiona e perdurábel que leva tanto tempo calcificando as actitudes –e aptitudes– da maioría dos conspicuos membros dos sanedríns que gobernan os partidos políticos operantes no mapa do Estado español. Como dicía o meu amigo Celso, mentres agarraba as súas partes a través do peto furado, “a maioría de varios non saben o que traen entre as mans”.

A distancia entre o que acontece e o que sería desexábel no ambiente político non se dá medido nin a cuartas nin a palmos. Talvez haxa que madrugar e botar man do leguametro (aparello que mide as distancias en leguas). E, o que é máis triste, para distinguirmos os nosos dos outros, precisamos andar provistos dunhas boas lentes de aumento. E, aínda así, quen sabe!

Dende que a res pública é patrimonio dos profesionais da política, hai un corporativismo gremial, onde a calidade e capacidade para comportarse como referentes da sociedade vén sendo algo así como a temperatura idónea: cero graos, nin frío nin calor. O afán de subsistencia levou, a uns e outros, polo camiño da perdición. A coherencia, á hora de comportarse en base aos principios e ideas dos que presumen, fica agochada nas cámaras de maduración, baixo a vixilancia dos tertulianos amestrados para cociñar iso que lle chaman opinión pública. E así, no canto de beneficiarnos da súa actividade política, debemos conformarnos con padecer as súas parvadas. Vaque si?

(O meu tío Lisardo non durme de tanto pensar, se aquel coitado de Cáceres se equivocou tres veces sen querer, ou se o fixo adrede para que o tal Casado teña un motivo para seguir montando a bronca do mes.)

Te puede interesar