Opinión

As caras do lume e o espello opaco

“Pola miña cabeza empezaron entón a circular algúns recordos, agora perfectamente perfilados, como se de pronto desaparecese do aire aquela poeira que minutos antes me perturbaba”. 

(O sol do verán, Carlos Casares).

Aí atrás lía nun xornal a reiterada advertencia de Noam Chomsky, teimando en que unha das problemáticas ás que debe responder a xeración actual é a do cambio climático. Talvez todos –ou case todos– esteamos de acordo con este alarmante andazo, pero esa aparvada conivencia vale pouco á hora de fincarlle o dente ao problema. Os responsábeis políticos recoñecen, sen inmutarse, que o quentamento do planeta é un problema moi serio; e os que padecemos as súas consecuencias soportámolo estoicamente, porque carecemos da dose de valor necesaria que nos axude a adoptar unha actitude, que vaia uns cantos metros máis alá do ruxerruxe no mostrador do bar onde tomamos café, porque, digamos o que digamos, só somos afervoados devotos da preguiza reivindicativa.

Velaí a nosa vergoñosa pose logo de producirse talmente o estrago do País, por mor dos incendios, hai pouco máis dun mes. Nin sequera agardamos a que caesen as primeiras pingadas para converter, primeriro o drama en traxicomedia, e esta nunha pantomima, uns días despois. Pasou o día e pasou a romaría. 

Así que, a piques de entrar no inverno, xa renunciamos discretamente a esixirlle aos gobernantes medidas cribles, para evitar que o País sufra unha tortura semellante no ano que vén. E, no canto de fervernos a alma por ese necio conformismo que tanto nos aperta a gorxa, durmimos satisfeitos porque lemos nos xornais que seguen controlados un ou dous chibos expiatorios, mentres o Goberno galego anda a voltas cun plan contra o lume que non é tal, porque nunca o vai pór en marcha. 

Ah! Xa que Feijoo di que sabe o que non debería saber, o meu tío Lisardo pregunta se, antes de despedirmos un ano de tanta seca –ambiental e informativa– asomará o fuciño algún deputado para esixirlle ao noso Presidente que nos conte como foi iso dos lumes que queimaron a metade do noso País; se dispón de probas que acrediten a percura dos auténticos culpábeis; e se aínda sigue vixente aquel principio de que «un é inocente mentres non se demostre o contrario», ou se, no medio de tanta fumeira, os seus compadres decidiron mudar o inmutable e, «todos somos culpábeis mentres non demostremos a nosa inocencia».

Te puede interesar