Opinión

A dama da Lagoa, Xinzo, Carreira e Nós


“Ergue as túas cornas e os teus ollos puros/ ubriá!, 
obilió!/ por riba das searas da esperanza” 

(Antón Tovar, do poema Obilió!, 

en Calados esconxuros).

Se regresas pola autoestrada –ou se vés de pé feito– dende a Auria ata a nosa Limia, ao alcanzar a planicie, podes saudar a torre do Castro e a escape te atopas coa codia da antiga Lagoa, antes de divisar a vila de Xinzo. Ao avistar a capital da comarca deseguida deixarás alongar a mirada cara aos montes de baixo. E, un día coma hoxe, cando o outono medra discretamente, os nubarróns, dubitativos e algo mexericas, ao dar fe destes tempos imprecisos, non paran de tecer movedizas cortinas grises que agochan a torre de Porqueira, para entupir o horizonte canda a miña ansia de ollar ao biés a inconfundíbel silueta dos Picos de Mediodía, canda a miña malograda teimosía de buscar as apetencias perdidas, no colo desta abúlica Terra que gurra e porfía contra os devezos vencidos. 

Mais ás veces, só ás veces, cando desesperas, acaba acontecendo o imposíbel. Hai uns días, ao burlar a indómita présa que sempre infunden as autoestradas, a teimuda e aburrida parsimonia acabou batendo co papo contra a estampa do inesperado: a grandiosidade da Dama da Lagoa, que veu ao meu encontro, de fronte, polo medio da estrada, como se lle debera algo que eu descoñecía. Viña devagar, mais plenamente decidida, ata que a inevitábel cercanía me levou o pé cara ao freo, e entón o coche parou bruscamente. Ao enfiar a ollada polo retrovisor, comprobei que os que viñan detrás tamén pararon sen tusir, sen protestar; non tocaron a bucina porque, inconscientemente, souberon que tamén lle debían algo. E, coma min, detivéronse para contemplar a colosal obra do incomparábel artista, o escultor limiao, Xosé Lois Carreira, que lle deu vida a unha inmensurábel pedra, para mostrarnos o pasado e facernos comprender iso que se chama ‘sentido de pertenza’.

Milleiros de anos despois de permanecer agochada nas entrañas dos penedos de Cobas, onde oulea e manda a Raíña Loba, Carreira ensinoulle a súa historia e escribiulla nos rolos das sedentes que amparan a Dama da Lagoa, para que regresase á súa Antela apetecida.

E, aí está, para sempre chantada entre as leiras, con aquela pose de inevitábel soberbia, mirando discretamente cara a San Mamede, sen agacharlle a ollada aos señores do castelo da Pena e sen engurrarse ante as prédicas inmoladoras dos espíritos do Bon Xesús de Trandeiras. Aí está, espida e incólume, esmagándolle a boca ás inextintas samesugas de sempre, ao lado dos que pasan as horas choiando, debaixo dos chapeus de lata, enleados en traxes de ourizada argamasa, espreitando aos que algún día volverán decruar a terra como deus manda.

Aí anda, a Dama da Lagoa, na praza da cidade de Antioquía, colosal e atrevida, tan inmensa como as mans e a habelencia do autor, para representar a homenaxe feminista a tantos feminismos que a rodean: Antela, lagoa, lingua, area limpa, pedra firme, sedentes envoltas en rolos de sabedoría, ondas de mares roubados, pantallas do entroido eterno, arracadas castrexas, peitos ateigados de fartura... Aí queda, para afianzar e afincar a autoestima das mulleres de Xinzo, da Limia eterna e dun mundo que tanto lle custa remelarse, ata atopar a identidade esquecida. 

(Aí fica –di o meu tío Lisardo– coa cabeza ergueita, valente, sen medo contra o machismo que nos asolaga cada día a nós e ao patrimonio que nos foron roubando ao longo da vida. Esa é a Dama da Lagoa que Carreira chantou na Limia. Esa.) 

Te puede interesar