Opinión

A discriminación económica

“Un paso adiante e outro atrás, Galiza, / e a tea dos teus soños non se move. / A espranza nos teus ollos se espreguiza. / Aran os bois e chove”. 

(Penélope, X. María Díaz Castro)

Ao analizarmos as tres principais fontes de financiamento dos concellos: tributos, transferencias e débeda, os galegos son os peor parados. Se escrutamos os últimos datos publicados, os de 2016, no tocante aos ingresos fiscais, por cada 100 euros que recadan os concellos en España, en Galicia ingresan 70. Os nosos concellos reciben 211,24 euros do Estado por cada veciño empadroado, mentres os restantes cobran 261,45. Se falamos de débeda, a dos axuntamentos españois é de 564,50 euros por veciño e a dos galegos só é de 154,80. En resumo, os concellos galegos ingresan 843,83 euros por alma e os españois, 1.119,10. Finalmente, por cada veciño desta esquina do mapa os concellos gastan 782,90 euros, mentres a media estatal está en 1.032,40.

No ámbito das administracións locais a presión fiscal é menor en Galicia cá no resto do Estado, e iso acontece porque as nosas economías domésticas dispoñen de menos diñeiro. Se os concellos galegos deben menos a razón está en que a marxe de manobra para facerlle fronte aos préstamos é reducida. Mais, se a os concellos galegos reciben menos ingresos do Ministerio de Facenda, é porque o Estado nin é xusto nin solidario con nós.

O principal factor que emprega o Goberno central, para transferirlle cartos aos concellos menores de 75.000 habitantes, é o da poboación. En segundo lugar está o esforzo fiscal. Os máis grandes reciben unha porcentaxe do IRPF e doutros tributos. Mais en ningún caso se teñen en conta os maiores gastos que deben soportar as arcas municipais galegas, por mor do asentamento da poboación (temos máis entidades có resto do Estado) e por causa do envellecemento, que tamén require máis recursos. E, como os nosos representantes son así de belixerantes, teñen pouca ansia de demandar a solidariedade do Estado, para minguar a discriminación que padecemos. 

Ah! Di o meu tío Lisardo que, amais de todo isto, os concellos do Lugo e Ourense sofren dobre discriminación, porque os da Coruña e Pontevedra contan con máis cartos, mercé a que as deputacións do litoral gozan de maiores ingresos. Velaí unha razón máis para comprender a penuria da Galicia interior en comparanza coa do litoral.

Te puede interesar