Opinión

As doenzas dos concellos galegos: sarampelo político

“Viver é fazer meia com uma intenção dos outros. Mas, ao fazê-la, o pensamento é livre, e todos os príncipes encantados podem passear nos seus parques entre mergulho e mergulho da agulha de marfim com bico reverso.”

(O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Unha das doenzas crónicas que veñen padecendo os concellos galegos é o sarampelo político. Esa enfermidade infantil que infesta de debilitamento a esencia do corpo social que sustenta a esquerda española e o nacionalismo galego, ata deixalos sen capacidade de reacción diante das posicións reviradas dunha dereita franquista, que se empeña en minguar as liberdades e dereitos da xente, cada ver que conquista unha onza de poder. 

Tal e como se divisa no horizonte, despois do 26 de maio, van inzar na pel de moitas corporacións novos antídotos contra os sarabullos que pexan, tanto o normal funcionamento dunha estrutura municipal que nunca gozou de boa saúde, como calquera propostas que teña pinta de facer andar o País cara a adiante.

A proliferación de candidaturas, alleas aos vellos partidos, moitas con posibilidades de obteren representación e mesmo de gobernar, acabará producindo novas formulacións que obrigarán aos de sempre a revisar o carburador dunhas corporacións locais, atascadas moito tempo. A vella militancia partidaria –progresista no discurso e conservadora na actitude– ofuscada polas consignas dos xefes na idea de que é posuidora da verdade absoluta, mira por riba do ombro e acusa de favorecer á dereita a aqueloutros que, a través de fórmulas políticas innovadoras ou de plataformas veciñais, pretenden levar as súas propostas ás casas consistoriais.

Ah! O meu tío Lisardo pensa que a culpa desta malura non a teñen os que deciden explorar novas vías de participación nos gobernos municipais, senón os que mangonean as organizacións clásicas, os que pensan que os partidos políticos son un fin en si mesmo, para perpetuarse eles no “machito”, a base de afianzarse nunha sorte de reducionismo das ideas, que van chamuscando con doses de intolerancia e rexeitamento, para expulsar do entorno aos defensores dos pequenos matices. En fin, a culpa é dos que van pola vida pretendendo darlle leccións de democracia e coherencia ideolóxica aos que, malia estar no mesmo bando, optan por ir a pé, no canto de viaxar de moca nun medio de transporte totalmente obsoleto. 

Te puede interesar